Deputación de Lugo

A Deputación desbloquea as obras de acceso ó parque de Paradai para rematalas en 2010

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial resolveu de mutuo acordo coa empresa o contrato e aproba o novo expedente de contratación por valor de 1,6 millóns de euros

- Neste mes a Deputación investiu preto de 3 millóns de euros na adquisición de material para os parques de bombeiros - Gato Soengas anuncia que, tendo en conta que o goberno de Feijóo ten abandonado a provincia de Lugo, o Presidente da institución provincial se puxo en contacto co Conselleiro de Presidencia para celebrar a reunión do Consorcio a mediados de xaneiro A Xunta de Goberno da Deputación acordou este venres resolver de mutuo acordo coa empresa o contrato da obra de construción de accesos ó parque de Paradai, procendendo á aprobación do novo expedente de contratación para o seu remate en 2010. O importe dos traballos é de 1.629.948 euros. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, explicou que é unha actuación importante para a que colaboramos co Concello de Lugo. A empresa adxudicataria atravesaba problemas polo que lle era imposible rematar os traballos, o que fixo que estes levasen parados uns cantos meses. Neste senso, indicou que para resolver a situación mativéronse varias reunións e, finalmente, acordouse rescindir de mutuo acordo o contrato asinado entre a Deputación e a empresa. Agora adxudicámola de novo co obxectivo de rematala o vindeiro ano. A construción da rúa Pedáneo Xoán Diego é a terceira obra do Plan Paradai que acomete a Deputación. As dúas anteriores foron a construción da Ponte Romai, con enlaces na Segunda Ronda e a Rotonda da Rocha, e a prolongación da Avenida Duquesa de Lugo. Pola marxe dereita, ó longo de 500 metros colinda co parque fluvial de Paradai e, polo esquerdo, coa Duquesa de Lugo. Ten unha lonxitude de 750 metros e 16 de ancho. O proxecto contempla a construción de dous carrís de circulación, beirarrúas, e aparacadoiros. Vehículos para os parques de bombeiros Aprobouse a adxudicación provisional do contrato de adquisición de 4 vehículos urbanos lixeiros para o Consorcio Provincial de Bombeiros. O importe é de 978.124 euros. Gato Soengas lembrou que a Deputación xa contratou este mes equipamento xeral e outros 3 vehículos por valor de 1,7 millóns de euros. En total no último mes investíronse 2,7 millóns en equipamento para os parques. Este foi un dos temas que o Presidente da Xunta ten pendente coa provincia de Lugo. Gómez Besteiro xa solicitou dende o día 20 de novembro varias veces por escrito unha cita con Feijóo, da que non recibimos contestación. Hai que recoñecer que tivemos paciencia, pero o certo é que o titular autonómico faltou á palabra dada, e que o goberno de Feijoo ten abandonado a provincia de Lugo. Ante a falta de vontade do Presidente da Xunta, Gómez Besteiro púxose hoxe mesmo en contacto co Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda para avanzar no proceso, porque é un tema que hai que falar e que hai que resolver. Nesta xuntanza, que se celebrará a mediados de xaneiro darase conta das actuacións feitas ata o de agora por parte de ámbalas dúas administracións e da posta en funcionamento dos parques. É importante que os veciños e veciñas da provincia teñan claro quen fixo os deberes e quen non, apuntou o voceiro provincial socialista. Canon de Monforte de Lemos Asimesmo, deuse o visto e prace ó acondicionamento da rúa Otero Pedrayo, no Concello de Monforte de Lemos, dentro do canon 2008-2009. Esta actuación ten un investimento de 45.733 euros. A Deputación xa contratou outras actuacións como a iluminación do río Cabe o a mellora de varios accesos. Para as dúas primeiras anualidades a este Concello correspóndelle 155.398 euros e, nestes momentos, xa están consignadas actuacións por valor de 102.045 euros, o que demostra que estamos cumprindo coa palabra dada de deixar rematado o canon antes de que remate o 2009. Outros acordos da Xunta de Goberno O organismo provincial aprobou a contratación do acondicionamento e mellora da estrada provincial Altar-Reinante-Os Castros, no Concello de Ribadeo. As obras de mellora van dende o punto quilométrico 9,920 ó 12,320 e teñen un importe de 500.000 euros. A Xunta de Goberno tamén aprobou o convenio entre a Deputación e os 47 Concellos que delegaron o sistema de contratación do subministro eléctrico na Deputación. Asimesmo, déuselle o visto e prace á unha conta xustificativa do Plan de Comunidades Veciñais de 2008 no Concello de Alfoz. O importe total é de 30.000 euros, dos que a Deputación achega 12.000. Tamén se ratificou a modificación do contrato de subministración de áridos para o parque móbil da Deputación, que contempla un aumento de 13.044 euros para seguir colaborando cos Concellos da provincia. O parque móbil está a desenvolver un labor importante nos municipios, xa que pon a disposición destes as súas máquinas para o arranxo de vías municipais, aforrándolles este custe ós Concellos.