Deputación de Lugo

A Deputación aforra cartos ós gandeiros mellorando a xestión dos residuos das súas explotacións

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro presenta o programa de formación e o asesoramento personalizado que o organismo provincial levará a cabo dentro do programa Lug02, destinado a diminuír o impacto dos xurros no medio natural

Con esta actuación, a Deputación contribúe a facer rendibles as explotacións, xa que o custo de contratación de xestores de residuos en Galicia supera os 40 M€ Segundo o censo agrario de 2009, Lugo conta con 470.120 cabezas de gando bovino, é dicir o 48% do total galego, sendo a comarca da Terra Chá a que máis ten con 104.590 A Deputación reduce nun 40% os danos na agricultura por fauna salvaxe cunha experiencia pioneira en Galicia en Fonsagrada O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Deputado de Gandeiría, José María Arias, e do Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, presentou este mércores neste municipio da Montaña o programa de formación e o asesoramento personalizado que o organismo provincial levará a cabo en distintos Concellos para diminuír o impacto da carga gandeira que xeran as explotacións agrarias. A iniciativa, coa que se axudará ós gandeiros a facer rendibles as súas granxas, inclúese dentro da liña de actuación do programa europeo Lug02, que está dotada con 200.000 euros cofinanciado pola Unión Europea. Gómez Besteiro aproveitou para visitar unha das explotacións máis destacadas deste municipio, que conta con máis de 50 reses nai. O titular provincial subraiou que “nestes momentos os veciños e veciñas teñen presente que a Deputación é a única administración que día tras día está tomando iniciativas en materia de agricultura e de gandeiría. O tema de hoxe non é menor, xa que supón un cambio de estratexia no senso de apostar pola economía medioambiental. Un dos grandes problemas que teñen hoxe os agricultores é o tratamento dos residuos. Estamos implicados no Centro de Recría, onde ademais a xestión ambiental dos xurros vai ser unha obsesión. Temos que conseguir o que está pasando noutras zonas de Europa nas que o medio ambiente é o catalizador de iniciativas económicas e de desenvolvemento”. O obxectivo do programa é concienciar ós titulares das explotacións gandeiras de que unha correcta xestión dos residuos presenta vantaxas obxectivas para a propia explotación. Deste xeito, explícaselles como poden reducir a cantidade dos residuos producidos, a través do cambio nas prácticas da explotación; o beneficio que ten a aplicación directa do xurro e do esterco como fertilizante para os cultivos; cales son as épocas máis recomendadas para a aplicación dos puríns; ou a obtención da compostaxe a través da combinación de residuos. A acción formativa consiste en conferencias informativas e nun asesoramento individual que se realizará porta a porta. Impartirase os días 28, no Concello de Cervantes, 29 no de Vilalba, 30 no de Folgoso do Courel e, 3 de febreiro, no da Fonsagrada. En canto ó número de explotacións de gando bovino, segundo o censo agrario de 2009, na provincia contabilizáronse 470.120 cabezas, é dicir o 48% do total galego. Na comarca da Terra Chá aparecen 104.590, o 35,1% de Galicia. En canto ó número de reses por explotación, as luguesas son as máis grandes da comunidade, cunha media de 16 reses por granxa. Dentro da provincia e do ámbito de actuación do proxecto de Lug02, salienta a comarca de Meira, cun tamaño aproximado medio de 18,7. Vantaxas para os gandeiros A aplicación de sistemas de xestión ambiental pode proporcionar ás explotacións claras vantaxas, xa que o sector gandeiro constitúe a principal fonte xeradora de residuos orgánicos. Segundo un estudo elaborado pola empresa adxudicataria desta liña de actuación, España sitúase en canto á produción agraria no cuarto lugar, detrás de Francia, Italia e Alemaña, representando o 13% do total europeo. Asimesmo, o contido da materia orgánica dos solos de cultivos en Galicia, e máis concretamente na provincia de Lugo, sitúase nun 6%. Con estas accións formativas, a Deputación aforra cartos ós gandeiros da provincia, xa que lles axuda a rendibilizar os residuos que xeran nas súas explotacións. O gasto que supón para os agricultores a contratación de xestores de residuos en Galicia supera, segundo este estudo, os 40 millóns de euros. Esta mellora da xestión permite que as explotacións sexan máis competitivas, xa que a súa aplicación deriva nunha diminución do pago de taxas por volume de residuo contaminante emitido ó medio. Facilita, ademais, a adaptación das explotacións gandeiras á normativa vixente, o que conleva a evitar multas e sancións; obtención máis rápida na concesión de licenzas e permisos; e ó aumento de posibilidades para recibir axudas ou subvencións da administración para levar a cabo actuacións ambientais. Reducción de danos na agricultura por fauna salvaxe O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado de Argelio Rodríguez, e do presidente do TECOR da Fonsagrada, Manuel López Fernández, visitaron os cultivos, na parroquia de San Pedro de Neiro, nos que o organismo provincial levou a cabo unha experiencia pioneira en Galicia para diminuír os danos na agricultura por fauna salvaxe. En España tan só contan cunha iniciativa semellante as provincias de Toledo, Soria e Zamora. A solución adoptada, que complementa as medidas utilizadas polos responsables do TECOR, consiste na semente de diferentes tipos de millo e trigo en varias parcelas, de tal xeito que a súa aplicación favorece a apetencia do xabarín, evitando que actúe nas fincas de particulares e nas vías de circulación. O TECOR da Fonsagrada conta con 42.000 hectáreas e caracterízase pola afluencia de fauna salvaxe. A experiencia piloto levouse a cabo en 11 héctareas, conseguindo reducir os danos nos cultivos nun 40%. O Presidente da Deputación destacou que “apoiar ós TECORES e ó mundo da caza é apoiar ó campo. Con esta inicativa evitamos que se produzan danos con cultivos alternativos e que os animais vaian á rede viaria provincial. Hai unha grande colaboración cos veciños e cos cos titulares das parcelas que desbrozamos, xa que moitas son cesións de particulares ou de monte común”. Neste senso, anunciou que, a finais da primavera, o organismo provincial repetirá o proceso para seguir diminuíndo os efectos destes animais que, debido a inexistencia de depredadores e ó despoboamento, motivan que a especie prolifere en exceso. A Deputación puxo en marcha esta iniciativa ó longo de 2009. Nun primeiro momento, fíxose un seguemento dos danos producidos, para logo proceder á preparación das parcelas, identificando a época e as zonas máis susceptibles de produción do dano e, finalmente, a semente do cereal.