Deputación de Lugo

A Deputación adica preto de 1 millón de euros á mellora dunha estrada en Sarria

Imaxe deputación de lugo
A actuación, financiada ó 100% polo organismo provincial, inclúe aglomerado en quente e sinalización vertical e horizontal en preto de 7 quilómetros

Gómez Besteiro destaca o esforzo que realiza a Deputación no acondicionamento da rede viaria provincial, na que está a investir 20 millóns de euros O Presidente e o Alcalde de Sarria visitan o centro de recría privado do Incio que dá servizo a 200 xovencas O titular provincial e a Vicepresidenta 3ª fixeron un treito do Camiño Sur para reivindicar a declaración oficial desta ruta por parte da Xunta de Galicia O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este mércores ata o Concello de Sarria, onde supervisou as obras de mellora que o organismo provincial está a realizar nas estradas provinciais CP 5706, dende a LU-636 por Seteventos a Monseiro; e da CP 5707 de A Guiada a Luseiro. O organismo provincial destina a este proxecto, que beneficia a un treito de 6,7 quilómetros, preto de 1 millón de euros. Gómez Besteiro, que estivo acompañado do Alcalde deste municipio e Deputado provincial, Claudio Garrido, subraiou a importancia desta actuación na que se aplica aglomerado en quente, garantindo así a súa durabilidade. “É unha inversión real no contorno de Sarria coa que seguimos a mellorar máis treitos da rede viaria provincial. Esta actuación súmase a outras que temos en marcha como a da incorporación ó treito urbano na zona de Vigo. Estamos moi involucrados no arranxo das estradas, así como no impulso do sector gandeiro. Somos unha das administracións que máis está a actuar en época de crise”. Neste momento, o organismo provincial está a investir máis de 20 millóns de euros en estradas de 30 Concellos, deixándoas en perfectas condicións para non ter que acometer novas obras en 10 anos. “Un exemplo é esta vía que visitamos hoxe. Agora os veciños que fan uso dela cada día para ir á capitalidade do municipio poderán circular sen ningún tipo de problema. Trátase dunha obra moi demandada polos veciños, nunha zona que durante anos estivo abandonada” destacou o Presidente. Ademais do aglomerado en quente, o investimento da Deputación inclúe a construción a mellora e renovación do afirmado, a sinalización vertical e horizontal e a colocación de ollos de gato. O Alcalde de Sarria destacou “a relevancia desta actuación xa que se realiza nun zona cun núcleo de poboación moi importante e moi transitada, polo que era fundamental o seu saneamento, e dotala dun bo firme”. O organismo provincial está a investir máis de 20 millóns de euros na mellora da rede viaria provincial. Desta cantidade, 13,7 millóns son fondos propios, que se destinan ó acondicionamento da estrada visitada por Gómez Besteiro e a outros 23 viais. Ademais, dentro do POS 2007 e 2009, o organismo provincial acondiciona con 2,7 millóns de euros 8 estradas que afectan ós Concellos de Begonte, Castro de Rei, Pol, Ribeira de Piquín, Fonsagrada, Castroverde, Lugo, Foz e Vilalba. Asimesmo, acomete por primeira vez a sinalización horizontal e vertical de xeito integral. Neste caso, o investimento é de 2,3 millóns de euros. Centro de recría de Castragude O máximo mandatario provincial e o rexedor municipal tamén visitaron o centro de recría de Castragude, situado no Concello do Incio. Gómez Besteiro quixo comprabar in situ o funcionamento destas instalacións, xa que a Deputación ten previsto construir este ano o primeiro centro de recría público de España na Granxa Gayoso-Castro. O Concello de Castro de Rei, logo de aprobar o proxecto en Xunta de Goberno e de que non houbese ningunha alegación, remitiuno este luns o á Consellería de Urbanismo para que o departamento autonómico conceda os permisos pertinentes e así poder comezar a obra. O titular provincial, ó tempo que percorreu as instalacións, explicoulle ós traballadores do centro como será o da Deputación. Neste senso, Gómez Besteiro destacou que conta cun investimento de 10 millóns de euros e triplicará a capacidade dos 14 centros existentes nestes momentos en Galicia ó albergar a 3.000 novillas. O centro de Castragude ten unha capacidade para albergar a 200 xovencas. Sitúase nunha parcela de 4 hectáreas na que existen dúas naves: a primeira, de 13 metros de ancho por 45 metros de longo, onde as reses permanecen ata os 6 meses e, a segunda, de 48 longo e 25 de ancho, na que permanecen ata os 16. Estas instalacións entraron en funcionamento en 2002. Pertencen á “Cooperativa Agroganadera” e dan servizo a gandeiros de toda a comarca. Nestes momentos, unhas 15 explotacións de Láncara, Samos, Sarria e O Incio están a recriar os seus animais no centro. O custe por cada novilla supera os 2 euros por día, de tal xeito, que o mantemento do animal durante os 16 meses, que deben permanecer nas instalacións, é de máis de 1.000 euros. Estas cifras poñen de relevo que o centro que construirá a Deputación é o proxecto máis revolucionario levado a cabo nas últimas décadas en Galicia, xa que non só abaratará custes ós gandeiros da provincia, senón que satisfará a súa demanda, dado que, en moitos casos, os existentes non son suficientes para dar resposta á oferta. Gómez Besteiro tamén aproveitou a ocasión para reunirse con respresentantes de tres cooperativas agrogandeiras da comarca de Sarria. Durante a xuntanza, o Presidente da Deputación estivo acompañado polo Deputado de Gandeiría, José María Arias. Impulso ó Camiño de Inverno O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján, fixeron por la tarde un percorrido do Camiño Sur dentro do acto organizado pola Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra “Defende o noso Camiño. Camiño de Inverno Oficial Xa!”. Deste xeito, os reponsables provinciais quixeron revindicar a declaración oficial desta ruta por parte da Xunta de Galicia. No mes de outubro, Gómez Besteiro fixera outro treito da ruta e mantivera un encontro con esta Asociación para promover iniciativas conxuntas que potencien este Camiño. Naquel momento, o Presidente da Deputación comprometérase a promocionalo a través do programa Km0 a Compostela que puxo en marcha o organismo provincial o 1 de setembro, converténdose na primeira administración galega cunha programación estable para o Xacobeo. Precisamente, con este acto a Deputación conseguiu xunto coa Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra que a Xunta incorporase esta ruta á web do Xacobeo, aínda que non o recoñeceu de xeito oficial. Dende entón, o organismo provincial está a elaborar un libro oficial dos Camiños de Santiago que pasan pola provincia, en onde se inclúe o de Inverno. Asimesmo, esta ruta da zona sur de Lugo é unha das recomendadas tanto do programa Km0 como da modalidade Km0 a Compostela. Malia que a Deputación non ten competencias exclusivas e directas co Xacobeo, xa que a súa organización depende da administración autonómica, quixo colaborar deste xeito porque se trata dunha oportunidade extraordinaria para crear emprego e mellorar a economía dos distintos Concellos polos que pasa o Camiño. Gómez Besteiro e Vega Buján partiron do pobo de Cereixa, en Pobra de Brollón, ata chegar a Monforte de Lemos. En total, percorreron 7 quilómetros e estiveron acompañados pola presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra e dunhas 400 persoas.