Deputación de Lugo

Gomez Besteiro pechou nun mes as obras do canon na metade dos concellos afectados

Imaxe deputación de lugo
A Deputación investirá 700.000 euros en obras derivadas do canon en Sober e Monforte

Gómez Besteiro acordou hoxe con estes Alcaldes as obras das anualidades 08-09, coas que o organismo provincial xa deixará saldados dous terzos da débeda total O Presidente anuncia que a Deputación colaborará coa Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra para promocionar con “Km0 a Compostela” o Camiño de Inverno, excluído inexplicablemente da web oficial do Xacobeo 2010 O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este luns á zona sur da provincia para pechar cos Alcaldes de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez (BNG), e de Sober, José Gómez (PP), as obras que a Deputación acometerá nestes dous municipios con cargo ás anualidades 2008-2009 do canon. Gómez Besteiro continuou así a rolda de acordos cos rexedores dos 15 Concellos que contan con produción hidroeléctrica e que, a diferenza de Chantada, non teñen unha setenza xudicial ó seu favor. En pouco mais dun mes, o Presidente da Deputación xa pechou acordos coa metade dos concellos afectados e sen cobrar desde hai varias décadas. O investimento global que realizará a Deputación en Sober e en Monforte correspondente ó canon hidroeléctrico suma preto de 700.00 euros, en concreto: 678.417 euros. Para saldar esta débeda, o organismo provincial realizará no Concello de Sober obras por valor de 445.320 euros, dos que 296.880 corresponden ás dúas primeiras anualidades. Polo que se refire a Monforte, a cantidade total é de 233.097 euros, dos que 155.398 son para os anos 2008-2009. Desde xeito, o organismo provincial saldará con estes Concellos dous terzos da débeda, quedando só un terzo para 2010. Ademais de Sober e Monforte, Gómez Besteiro xa conseguiu pechar as obras correspondentes ás dúas primeiras anualidades doutros seis Concellos -Pobra de Brollón, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil, Portomarín e o Páramo-, polo que os de hoxe son o sétimo e oitavo acordo acadados polo titular provincial cos municipios que non contan cunha sentenza favorable. Obras que crean emprego O Plan de Infraestruturas e Equipamento correspondente ó canon dos anos 2008 e 2009 para os 15 Concellos ascende a 4.065.917 euros. Gómez Besteiro destacou que “hoxe estamos no sur da provincia, onde pechamos o plan de obras con outros dous Concellos máis. Agora Sober e Monforte disporán duns cartos a maiores que servirán para crear novos postos de traballo e para executar obras moi necesarias e demandadas polos veciños. Ademais é un diñeiro que nunca se perde ó funcionar coma unha conta corrente: a medida que se van facendo as obras, vaise descontando esa cantidade”. Os Alcaldes de Sober e Monforte de Lemos agradecéronlle ao Presidente da Deputación a súa visita e as actuacións que o organismo provincial adica a ámbolos dous Concellos. Neste senso, Severino Rodríguez salientou que “a iniciativa da Deputación é moi positiva porque o fai de forma voluntaria xa que, a diferenza de Chantada, nin Sober nin Monforte contan cunha setenza que obriga a a Deputación a levar a cabo estas actuacións”. Nas reunións que Gómez Besteiro mantivo cos rexedores de Sober e Monforte foron acordadas as obras que se executarán nestes dous municipios. No primeiro caso, levarase a cabo a rexeneración de varios núcleos rurais e, no segundo, o acondicionamento da rúa Otero Pedrayo, a instalación de farolas no Paseo do Malecón, ademais doutras obras de mellora en varias parroquias monfortinas. Impulso ó Camiño de Inverno A Deputación colaborará coa Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra para promover iniciativas conxuntas que potencien o Camiño de Inverno. Neste senso, a presidenta da agrupación, Aida Menéndez, solicitou a colaboración de Gómez Besteiro para impulsar este Camiño que, a pesar da súa formidable beleza, foi inexplicablemente excluido da web oficial do Xacobeo 2010. A anterior Xunta rompera unha lanza a favor do Camiño de Inverno, presentádoo por vez primeira como Ruta Xacobea na Feira de Turismo de Valladolid e comprometendo o custe da sinalización con pizarra. Pero o goberno actual da Xunta non quixo que aparecese nomeado na web oficial no que si veñen especificadas as restantes alternativas para chegar a Santiago. O Presidente comprométese a promocionalo a través do programa “KmO a Compostela” que puxo en marcha a Deputación o 1 de setembro, converténdose na primeira administración galega cunha programación estable para o Xacobeo. Xunto coa presidenta e outros directivos da asociación, Besteiro fará esta tarde un treito de varios quilómetros do Camiño Sur, dende Diomondi ata Belesar, e que xa se inclúen dentro do programa provincial. A continuación, a comitiva realizará unha travesía fluvial coa embarcación “Quinta Sacra” polo encoro de Peares ata a illa de Sernande, no río Miño, e remataron a ruta con outro percorrido a pé ata a igrexa de Chouzán. O responsable provincial subliñou que “en setembro eleximos Portomarín para inaugurar Km0 a Compostela, por onde discorre o Camiño Francés. Na Deputación non queremos deixar pasar a extraordinaria oportunidade que supón o Xacobeo para crear emprego e mellorar a economía dos distintos Concellos polos que pasa o Camiño. Por iso, hoxe estamos no sur da provincia para impulsar o Camiño de Inverno que atravesa esta parte da provincia”. A Asociación “Camiños de Santiago pola Ribeira Sacra” constituíuse no ano 1999 coa finalidade de recuperar e promocionar o Camiño de Inverno a Santiago, que cruza polos municipios lucenses de Quiroga, Ribas de Sil, A Pobra de Brollón, Monforte, Sober, Pantón, O Saviñao e Chantada. É unha alternativa ó Camiño Francés, que os peregrinos elexían para entrar en Galicia ó chegar a Ponferrada, seguindo o curso do río Sil e evitar subir polo Cebreiro en época invernal. Outros investimentos en Sober e Monforte A Deputación está a realizar outros investimentos en Sober e Monforte que, sumados ó canon, ascenden 3,4 millóns de euros. Trátase de actuacións como o fondo extraordinario que complementa o Plan E, o convenio de roza dos viais, plan de comunidades veciñais, etc. Asimesmo, a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) está a crear solo industrial en Sober. O polígono deste municipio terá unha superficie de 570.000 m2 e un investimento de 2.140.000 euros. A Sociedade está a levar a cabo os trámites necesarios para a súa construción, que o Concello deberá incluír no PXOM que está a tramitar.