Deputación de Lugo

Gómez Besteiro solicita novamente unha entrevista con Feijóo sobre a transferencia dos hospitais ó SERGAS

Imaxe deputación de lugo
Diante a decisión da Xunta de desvincularse dos centros sanitarios provinciais, o Presidente da Deputación convocou unha reunión urxente da Comisión de Seguemento para mañá.

Na xuntanza darase conta dos asuntos abordados na reunión que Gómez Besteiro mantivo coa responsable da Consellería de Sanidade co obxectivo de axilizar e culminar o traspaso no menor tempo posible. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, solicitou, novamente, este xoves por escrito unha entrevista urxente co Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, para abordar cuestións de máxima prioridade para a provincia, como é a transferencia dos hospitais provinciais de San José e San Rafael ó Sistema Galego de Saúde Pública (SERGAS). Deste xeito, Gómez Besteiro reitera unha vez máis a súa petición de entrevistarse co dirixente da administración autonómica, tal e como fixera o 21 de abril, 2 de setembro e 23 de setembro. Diante a ausencia de resposta e logo da decisión trasladada onte pola Conselleira de Sanidade, Filar Farjas, na que a Xunta se desvincula das propiedades dos centros sanitarios, Gómez Besteiro convocou urxentemente para mañá, ás 11:00 horas, unha reunión da Comisión de Seguemento co obxectivo de informar sobre os contidos da reunión que mantivo onte coa responsable autonómica, e de axilizar o proceso para culminar canto antes o proceso das transferencias. Na reunión participarán o Deputado de Persoal, Melchor Roel; os representantes das catro organizacións sindicais: Comisións Obreiras, UXT, CSI-CSIF e CIGA; ademais do Xefe de Servizo de Recursos Humanos da Deputación e os Presidentes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa. O obxectivo da xuntanza é avanzar no proceso do traspaso, xa que se trata dunha débeda histórica que tiña a Deputación cos veciños da provincia. A decisión dada a coñecer no día de onte pola Xunta obriga a modificar todo o traballo feito ata o de agora e deixa á provincia sen dúas instalacións hospitalarias, cando o propio Presidente da Xunta se comprometera publicamente a manter o hospital psiquiátrico en Castro de Rei. A Deputación está decididamente volcada en sacar adiante o proceso de transferencias, unha das débedas históricas da Xunta con esta provincia. De feito, na reunión celebrada no mes de febreiro entre Deputación e o anterior goberno da Xunta quedaran pechados os aspectos patrimonais e económicos que condicionaban a transferencia. De todo o proceso só restaba completar pequenos aspectos da Comisión Técnica sobre Recursos Humanos. Unha vez concluídos os detalles finais destes traballos, estaba previsto asinar o traspaso con data 1 de xullo.