Deputación de Lugo

A Deputación estrea a aula-barco Muralla de Lugo que fará promoción económica do medio ambiente

Imaxe deputación de lugo
Coa embarcación, única en España, o organismo provincial reivindicará a costa e a riqueza medioambiental de Lugo por todo o país

A aula turístico-medioambiental móbil foi “apadriñada” polo Secretario de Estado do Ministerio de Política Territorial, quen realizou a botadura oficial en Foz O seu interior está dotado con todo tipo de información medioambiental e mobiliario e material náutico que doaron gratuitamente as confrarías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro Na segunda visita á Mariña na semana, Gómez Besteiro supervisou o traballo das máquinas da Deputación en Ribadeo, subliñando que “isto é dito e feito” O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este mércores a embarcación “Muralla de Lugo” coa que porá en valor a costa lucense, así como a promoción económica da riqueza medioambiental da provincia avalada polas tres Reservas da Biosfera. Gómez Besteiro destacou que “pola vía dos feitos, demostramos unha e outra vez que a Deputación está plenamente volcada coa Mariña. Hai dous días presentabamos o plan de choque para arranxar os danos do temporal e, hoxe, estamos presentando unha iniciativa innovadora en España. E a vindeira semana voltaremos para presentar a primeira peregrinación náutica de cruceiros da costa lucense. Este barco nace con moita ilusión e con ganas de unir a esta provincia. Queremos que en España non quede ningunha dúbida de que Lugo ten mar”. Ademais do Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, e dos Alcaldes de Foz e de Lugo, José María García Rivera e José López Orozco, o “Barco Muralla de Lugo” contou cun padriño de honra: o Secretario de Estado de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías, quen procedeu á botadura oficial. Neste senso, Gómez Besteiro subliñou que “se trata do mellor padriño que podiamos ter. Agradecemos a súa disposición para compartir este momento que supón o punto de partida da viaxe deste barco co que situamos a Lugo no mapa porque somos unha provincia rendible dende o punto de vista turístico-medioambiental”. Pola súa banda, Zarrías subliñou que “este apadrinamiento es fruto de la colaboración que el Estado tiene con la Diputación, con los Ayuntamientos y la Unión Europea. Esto es lo que hace navegar a un aula de estas características y que atracará por toda España”. O Alcalde de Foz destacou que “os nosos barcos xa non quedan aquí senón que van ó interior. O Presidente foi o primeiro en chegar á Mariña cando se produciron as riadas, é dicir, a Deputación é a nai dos Concellos e a que nos coordina a todos”. Móbil e máis rendible Trátase dunha aula turístico-medioambiental móbil e pioneira en España, en forma de barco pesqueiro, que ademais homenaxeará á Muralla de Lugo, levando o seu nome polas principais cidades españolas no ano no que, ademais, se conmemora o décimo aniversario deste Monumento como Patrimonio da Humanidade. Inclúese dentro da liña de actuación do programa Lug02, dotada con 950.000 euros e co-financiada ó 70% pola Unión Europea, e engádese ás tres Aulas da Natureza que o organismo provincial está a poñer en marcha en Folgoso do Courel, Guitiriz e Fonsagrada dentro do programa medioambiental. Besteiro destacou que a mobilidade permite facer máis rendible e polivalente esta aula. A embarcación, na que o organismo provincial investiu 50.000 euros, non só funcionará como aula medioambiental, promocionando a provincia e as Reservas da Biosfera, senón que “surcarᔠas estradas para estar presente como “stand” da provincia en feiras e festas, contribuíndo á comercialización dos produtos autóctonos lucenses. A botadura produciuse seguindo as tradicións mariñeiras, golpeando unha botella contra o casco da embarcación. No barco ondea a bandeira da Deputación e, para a botadura, estivo adornado coa decoración empregada na festividade do Carmen, padroa dos mariñeiros. Asesoramento empresarial e didáctico A embarcación foi construída por unha empresa de Burela e pintada en Viveiro. Está totalmente ambientada como os barcos mariñanos e as súas cores son vermello e azul marino, seguindo a simboloxía heráldica da Deputación, e verde, segundo as cores de Lug02 e do medio natural. O seu interior está dotado con ordenadores, todo tipo de información medioambiental, así como mobiliario e material náutico que de forma total e gratuíta doaron as confrarías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro, ós que se lles adica unha praca de agradecemento. Grazas a esta colaboración desinteresada, o barco está perfectamente ambientado e nel pódense atopar redes, timóns, brúxulas, nasas, luces, salvavidas, barómetros, equipos de localización de buques, radio balizas de pesca ou balsas hincables de salvamento. Durante o seu percorrido pola xeografía española, distribuiranse 10.000 dípticos das Reservas da Biosfera, material didáctico, información empresarial e de bolsas de estudos, ademais de vídeos da provincia elaborados polos alumnos da Fundación TIC, dependente do organismo provincial. O barco pesa 3.500 quilos e conta cunha dimensión exterior total de 12 metros de longo e 5 de alto. Ten unha parte expositiva con capacidade para 40 paneis de fotografías, na que se atopa unha sección de imaxes cedidas pola asociación “Terra de Viveiro”, e entre as que destaca a fotografia máis antiga que se conserva do porto viveirense. Máquinas da Deputación en Ribadeo Previamente á presentación da embarcación, o máximo mandatario provincial supervisou o traballo que están a levar a cabo as máquinas da Deputación na localidade de Cubelas, Ribadeo, dentro do plan de choque creado para arranxar os danos producidos polo temporal. O Presidente subliñou que “isto é dito e feito. Hai dous días pechamos as obras deste plan consensuado con todos os Alcaldes e hoxe podemos comprobar que dende ese mesmo día están a traballar ó cento por cento. A Deputación cumpre coa súa palabra, actuando onde realmente é urxente”. Tal e como se acordou na xuntanza deste luns, ademais de en Ribadeo, as máquinas traballarán primeiro en Xove e en Burela para logo continuar nos outros cinco Concellos que compoñen a franxa costeira da Mariña.