Deputación de Lugo

Máis de 600 persoas xa fixeron un treito do Camiño Sur, incluído en Km0 a Compostela

Imaxe deputación de lugo
Esta semana, veciños de Xermade participarán nesta iniciativa coa que a Deputación se converteu na primeira administración cun programa estable previo ó Xacobeo de 2010

Preto de 300 persoas participan estes días nas seis rutas de Km0 que inclúe visitas á Ribeira Sacra, á Mariña e ó Courel O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño, recibiron este martes no Pazo de San Marcos, a un grupo da Asociación de Mulleres Rurais “A Xuntanza” de Castro de Rei e outro da Asociación Artística-Recreativa “Muller Traballadora” de Lugo dentro do programa de visitas institucionais Km0 que promove o organismo provincial. En total, 295 persoas participarán esta semana nas 6 rutas programadas pola iniciativa da Deputación. O primeiro grupo, formado por 48 persoas, de 65 a 85 anos, visitaron a Aula da Natureza do Courel e fixeron a ruta de sendeirismo pola Lagoa de Lucenza de 8 quilómetros. Pola súa banda, os 55 veciños de Lugo, desprazáronse ata o Cebreiro, onde coñeceron a igrexa de Santa a María A Real e percorreron a pé o treito que vai ata o primeiro hito francés. Dentro dos centros dependentes da Deputación, os membros da Asociación “Muller Traballadora” elexiron o Mazo de Santa Comba. O mércores, 48 solicitantes individuais visitarán o Concello de Sarria logo de coñecer o Centro de Interpretación do río Miño. Neste municipio, visitarán as igrexas de Barbadelo e da Merced, así como o restos da Torre do Batallón. Tamén farán a ruta das Aceas de 3 quilómetros. Ese mesmo día, outro grupo de 48 persoas da residencia de maiores das Gándaras redescubrirán a Ribeira Sacra. Percorrerán a ruta de sendeirismo que discorre por Pena do Castelo, ademais do mirador do Duque e viaxarán en catamarán por Amandi. O itinerario completarano coa visita ó Centro de Artesanía e Deseño, dependente do organismo provincial. O xoves, as rutas escollidas polos participantes de Km0 son de novo a “Ribeira Sacra” e o “Viveiro Histórico”. 48 membros da Asociación de Veciños de Roupar (Xermade) visitarán en primeiro lugar o Centro de Interpretación do río Miño e logo desprazaranse ata o sur da provincia, onde terán a oportunidade de asitir a unha demostración da oleiría de Gundivós e de degustar o viño da adega Regina Viarium. Asimesmo, tamén farán un treito do Camiño Sur, de catro quilómetros, que discorre pola zona, e que se inclúe dentro de Km0 a Compostela. Dende setembro, 624 persoas xa participaron nesta iniciativa coa que a Deputación se converteu na primeira administración cunha programación estable previa ó Xacobeo de 2010. Pola súa banda, 48 integrantes da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Páramo coñecerán o CENTRAD e visitarán o Concello de Viveiro. Concretamente, no municipio mariñano optarán pola igrexa de Santa María do Campo e os restos da Muralla medieval e romana, ademais de pola porta de Carlos V, a praia de Covas e o mirador de San Roque.