Deputación de Lugo

A Deputación cooperará cos Concellos na tramitación dos proxectos que presenten ó Fondo Estatal de Investimento Local

Gato Soengas destaca o “efecto multiplicador” que terá nos municipios esta medida do Goberno central

O voceiro socialista rexeita a postura do popular Xosé Manuel Barreiro por criticar uns investimentos “que están a ser ben recibidos por todos os Alcaldes” A Deputación de Lugo cooperará cos Concellos na tramitación dos proxectos que presenten ó Fondo Estatal de Investimento Local, segundo anunciou este venres o voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato Soengas. “Tomaranse medidas que axuden ós municipios, co obxectivo de que todos poidan acudir a este financiamento”. O Deputado da Área de Cooperación cos Concellos afirmou que este Fondo aprobado polo Goberno “é unha medida que terá un extraordinario efecto multiplicador porque vai permitir ás Entidades Locais, que serán as que liciten e adxudiquen as obras, a posibilidade de contratar empresas locais e de esixir que estas se comprometan a contratar traballadores en paro. Ademais, os materiais necesarios poderán adquirirse nestas localidades e, sobre todo, permitirá financiar obras exclusivamente municipais”. Por outra banda, Gato Soengas rexeitou a postura do voceiro do grupo provincial popular, Xosé Manuel Barreiro, por criticar este Fondo xa que “polo que se está percibindo estes días, todos os Alcaldes están dacordo con recibir estes investimentos”. O voceiro socialista asegurou que estas críticas “son gratuítas e faltas de rigor, porque esta é unha medida de carácter extraordinario que se toma nun momento de crise económica e como instrumento para loitar contra o paro e cun segundo obxectivo, que é realizar obras de novos servizos e de infraestruturas nos Concellos nun momento de baixos ingresos”. “Hai que preguntar ó señor Barreiro cal é a súa actitude con respecto a este Fondo, se quere ou non que se tomen medidas ou que, a través deste Fondo, se transfiran 63 millóns de euros ós Concellos da provincia como instrumento de loita contra o paro”. Acordos Xunta de Goberno A Xunta de Goberno deste venres aprobou a adquisición de participacións sociais de Afigal ( Afianzamentos de Galicia Sociedade de Garantía Recíproca) por valor de 44.954 euros. O voceiro socialista dixo que “para a Deputación é importante participar en Afigal porque é necesario estar coas pemes da nosa provincia neste momento que hai problemas de financiamento” Esta é unha sociedade que avala operacións en casos nos que as entidades bancarias non poden facelo “polo que é un apoio ás pequenas e medianas empresas e ós seus traballadores”. Tamén se aprobaron 14 contas xustificativas de Plans de Cooperación con Comunidades Veciñais, das que 9 corresponden ó ano 2006 e as outras 5 a 2007. En total suman un presuposto de 172.769 euros, dos que a Deputación achega 102.892. Os proxectos correponden ós Concellos de Bóveda, O Corgo, Friol, Guntín, Lugo, Monforte de Lemos, Ourol, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Quiroga e Ribeira de Piquín. Por último, acordouse a modificación de tres liñas de tendido eléctrico e unha liña telefónica por mor de obras en vías provinciais de Lugo, O Saviñao e Portomarín. A Deputacion destina a este fin un total de 14.523 euros.