Deputación de Lugo

A Deputación liquida a débeda histórica do canon de Chantada e inviste 9 millóns de euros

Imaxe deputación de lugo
O titular do organismo provincial e o Alcalde deste Concello pechan as obras do canon de 2010 que ascenden a preto de 1,7 millóns de euros
O vindeiro Pleno aprobará este plan de actuacións poñendo fin a 20 anos de espera, e cumprindo cun dos compromisos da actual Coorporación provincial
Gómez Besteiro anuncia que, a próxima semana, o organismo provincial licitará a ampliación do polígono industrial dotado de máis de 2,8 millóns de euros
O Presidente salienta que en tres anos, investimos máis de 9 millóns de euros: 5 no canon, 3 no polígono, máis obras adicionais como o Parque de Bombeiros

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, trasladouse este sábado a Chantada para pechar co Alcalde deste municipio, Manuel Taboada Rodríguez, as obras que o organismo provincial acometerá neste Concello con cargo ó canon de 2010. Con estes traballos, que ascenden a preto de 1,7 millóns de euros, a Deputación liquida a débeda histórica que arrastraba o organismo provincial dende hai duas décadas, e que sumaba case 5 millóns de euros. Gómez Besteiro salientou que en tres anos investimos máis de 9 millóns de euros en Chantada: 5 no canon, 3 no polígono industrial, máis obras adicionais como o Parque de Bombeiros. O plan acordado, e dotado exactamente de 1.649.802 euros, contempla as seguintes actuacións: a construción do auditorio municipal (975.000 euros); o derrubamento da Casa Sindical e o acondicionamento da praza de Galicia (90.000 euros); o desenvolvemento de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías (160.000 euros); e a rexeneración e adecentamento de espazos públicos e de viais (424.802 euros). O Pleno do vindeiro martes aprobará estas actuacións, que supoñen o pago do último terzo da débeda con este município, poñendo fin a 20 anos de espera, e cumprindo cun dos compromisos asumidos pola actual Coorporación provincial. Neste senso, o Alcalde sinalou que o Presidente cumpre coa palabra dada ós veciños, e pecha esta histórica débeda en tres anualidades. Da mesma forma, ó respecto do novo auditorio de Chantada que se está executar con fondos municipais, do organismo provincial, e do Plan E, o rexedor indicou que Concello, Deputación, e Goberno Central están a facer os deberes. Só nos quedarían as reformas na Casa Consistorial. Esperamos que a Xunta, que polo de agora non fixo nada en Chantada, asuma este reto. Esforzo inversor O titular do organismo provincial destacou que o actual equipo de Goberno da Deputación fixo un esforzo inversor adicional, e incluíu nos Orzamentos de 2008, 2009, e 2010, partidas específicas para saldar a débeda do canon en Chantada, e nos outros 15 Concellos con produción hidroeléctrica, en tres anualidades. Deste xeito, a Deputación, dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública dotado de 60 millóns de euros, adicou un total de 3.682.760 euros. Desta cantidade, que pon fin a débeda do canon, preto de 1,7 millóns son para obras no Concello chantadino, e o restante para actuacións nos outros 15 municipios. Fin do conflito O Concello de Chantada presentou en setembro de 1992 un recurso contencioso-administrativo sobre a distribución do canon de enerxía hidroeléctrica dos exercicios 1981 a 1985. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimou este recurso e condenou á Deputación ó seu pagamento. Tras numerosos obstáculos e a negativa do anterior equipo de Goberno a cumprir a sentenza, en 2008, a Deputación e o Concello de Chantada chegaron a un acordo en que puxo fin ó histórico conflito mediante un acordo extraxudicial. Licitación do polígono O Presidente da Deputación foi recibido polo Alcalde e membros da Coorporación municipal na Casa Consistorial. A Comitiva supervisou algunhas das actuacións que se están executar con cargo ó canon. É o caso do Campo da Feira, ou do novo auditorio. Ademais, visitaron o polígono industrial. Deste xeito, o máximo mandatario provincial anunciou que, a vindeira semana, a Deputación licitará a súa ampliación investindo 2.830.000 euros. O organismo provincial, a través da Sociedade Urbanística Provincial, -SUPLUSA-, incrementará a superficie desta área en 117.778 metros cadrados, favorecemento o asentamento de novas empresas en Chantada, e a creación de postos de traballo na Comarca.