Deputación de Lugo

O Pleno aprobará o reparto do canon de 2010 para os outros 15 Concellos por máis de 2 millóns de euros

Imaxe deputación de lugo
Trátase da última anualidade coa que a Deputación pon fin a esta débeda histórica, en que existise unha sentenza xudicial como en Chantada
Para garantir un reparto equitativo e proporcional, o organismo provincial encargou o traballo a un prestixioso equipo da USC
A Deputación investiu dende 2008 nos 15 municipios que teñen produción hidroeléctrica, á marxe do chantadino, 6.098.876 euros
O Pleno tamén dará o visto e prace ó Plan de Obras de Chantada deste ano, dotado con máis de 1,6 millóns de euros

O Pleno provincial aprobará mañá a dotación económica para os 15 municipios afectados da provincia polo canon enerxético, así como o Plan de Obras de 2010 de Chantada. En total, 3.682.760 euros, dos que 1.649.802 euros son para as actuacións do Concello chantadino e 2.032.958 euros para o reparto do resto de municipios que contan con produción hidroeléctrica. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “isto supón o remate a unha débeda histórica que nunca existiu nos programas de actuación do Partido Popular para esta Deputación”. Para que o reparto fose riguroso, equitativo e proporcional, o organismo provincial encargou este traballo ó Laboratorio do Territorio do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela, un prestixioso equipo e responsable da redacción da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais da Deputación de Lugo dende hai anos. No estudo empregáronse en total 9 indicadores diferentes, dos cales os 3 primeiros son os mesmos que se empregaron no informe pericial da sentenza de Chantada (cálculo por superficie, por poboación e por potencia instalada) e, os 6 restantes, foron propostos polo equipo e baseados en fontes oficiais como o Instituto Nacional de Estatística (INE) ou no datos da Deputación para outras accións como os cálculos do Plan de Obras e Servizos (POS). Deste xeito, segundo o reparto o investimento que realizará o organismo provincial este ano nos 15 municipios é a seguinte: O Saviñao: 209.513 euros; Taboada: 179.429 euros; Paradela: 132.795 euros; Portomarín: 105.823 euros; O Páramo: 75.774 euros; Guntín: 80.852 euros; Carballedo: 193.699 euros; Pantón: 116.238 euros; Ribas de Sil: 153.729 euros; Quiroga: 169.608 euros; Sober: 148.440 euros; Monforte de Lemos: 77.699 euros; Pobra de Brollón: 78.640 euros; e zona norte (comprendida polos Concellos de Fonsagrada e Negueira de Muñiz): 310.713 euros. Gato Soengas destacou que “o reparto conforma un todo, que está avalado polo consenso ó que chega o Presidente nas conversas con todos os Alcaldes. É un exemplo de cooperación. Pero, ademais, isto contrasta moito co Plan Impulsa da Xunta, do que o único que sabemos é que a administración autonómica vai gastar 230.000 euros na súa redacción. Dende a Deputación puxemos á súa disposición o noso Plan Estratéxico para actuar de inmediato na provincia, e co que lle aforrariamos este custe. Aquí falloulle a austeridade ó señor Feijóo. O que pasa é que o Presidente da Xunta non cre na provincia de Lugo”. O canon estableceuse en tres anualidades 2008-2009 e, a última, en 2010. En total, o organismo provincial investiu nos 15 Concellos que teñen produción hidroeléctrica 6.098.876 euros. A cantidade deste ano inclúese dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública, dotado con 60 millóns de euros, co que a Deputación acadou unha solución para adiantarse á saída da crise, pero sen aumentar en nin un só euro a débeda pública. Unha vez aprobada polo Pleno a dotación económica para cada municipio, o Presidente pechará o plan de obras con cada Concello para logo proceder á contratación das actuacións, que deberá ser aprobada en Xunta de Goberno. Acordos Xunta de Goberno A Xunta de Goberno deste luns aprobou 9 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2009. Pertencen ós Concellos de Abadín (2), Barreiros (2), Lugo (2), O Incio, Meira e Taboada. Suman un total de 98.200 euros, dos que a Deputación achega 68.347. Asimesmo, deuse o visto e prace ó convenio entre a a Fundación Galicia América, Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol e a Deputación para dotar de becas de estudo ó alumnado galego e descendente de galegos en Sudamérica. O importe que se subvenciona é de 40.000 euros.