Deputación de Lugo

Artesáns de Finlandia, Andalucía e Galicia, protagonizan os III Encontros Internacionais de Cestería

Imaxe deputación de lugo
O Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, organiza esta xornada en conmemoración do 15º aniversario da súa posta en marcha

Profesionais de todo o mundo ofrecerán no Paseo do Río Rato demostracións, conferencias, e cursos sobre as técnicas máis vangardistas de cada rexión Lara Méndez subliña que “durante 4 días, Lugo será un referente artesanal no exterior. Norte-Sur é unha radiografía dos mellores traballos desta arte en Europa” A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, presentou este martes os III Encontros Internacionais de Cestería, unha xornada que organiza o Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, en conmemoración do 15º aniversario da súa posta en marcha, e que se desenvolverá dende o xoves 3 e ata o domingo 6. Lara Méndez subliñou que “durante 4 días, Lugo será un referente artesanal no exterior. A programación de actos, denominada Norte-Sur, é unha radiografía dos mellores traballos da cestería, e das técnicas máis vangardistas en Europa”. Os III Encontros Internacionais de Cestería, que terán lugar nas inmediacións do Centro de Cestería do Río Rato, contarán coa participación de profesionais das catro provincias galegas, así como de Finlandia e Andalucía, país e comunidade autónoma convidados que contan cunha gran traxectoria nesta arte. Deste xeito, Joan Farré, deseñador do pavillón español na Expo de Shangai e docente do CENTRAD, xa confirmou a súa presenza. A responsable da área de Promoción Económica e de Emprego adiantou que nesta zona do río habilitaranse 4 carpas divididas por países ou rexións, e onde durante todo o día se sucederán demostracións e conferencias. Deste xeito, nunha delas, ademais de estar exposta a cestería filandesa, os profesionais nórdicos realizarán en directo pezas segundo as técnicas máis vangardistas. Lara Méndez destacou que “Finlandia é exemplo de que a artesanía e a innovación non está reñida xa que é un dos países que máis avances introducíu nesta arte”. Nunha segunda carpa estarán os traballos e os cesteiros de Andalucía realizando demostracións sobre a cestería de esparto, de palmito, ou de cana. Da mesma forma, a artesanía de Galicia tamén terá un espazo único onde preto de 20 profesionais das catro provincias galegas farán pezas como sombreiros de Noia, megos de Ancares, paxes da Marina, ou paletas das Rías Baixas. Conferencias e cursos Ademais das demostracións que terán lugar dende ás 11:00 horas e ata ás 21:00 horas, e cuxa entrada é libre; todos os días a partir das 20:00 horas os artesáns impartirán conferencias sobre os avances, a situación, ou o futuro da tradición cesteira. Lara Méndez destacou que “é unha oportunidade única para intercambiar experiencias, e impulsar o traballo dos nosos cesteiros no mercado laboral. Sen dúbida, estes profesionais introducirannos de cheo no mundo da cestería”. O CENTRAD habilita ademais unha cuarta carpa na que profesionais de todas as nacionalidades impartirán cursos segundo as técnicas empregadas nos seus países. É o caso das disciplinas relacionadas coa fabricación de cestos de cortiza de castaño, de esparto, de lazo, ou de cana. O custo dos cursos é de 20 euros. Ademais, para poder participar é necesario inscribirse previamente nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño.