Deputación de Lugo

A Deputación mobiliza 60 máquinas e 50 operarios durante o temporal de neve

Esparciuse abundante sal na rede viaria provincial de 57 Concellos

Gómez Besteiro descata que o ano que vén duplicarase o orzamento destinado á conservación e atención das incidencias na rede viaira A Deputación de Lugo mobilizou desde o pasado venres 60 máquinas e 50 operarios para atender as incidencias ocasionadas polo temporal de neve e xeo na rede viaria provincial de 57 Concellos de provincia. Estase a empregar, entre outros medios, varias motoniveladoras, camións esparcidores de sal, tractores-cuña, retroescavadoras etc., que están a realizar traballos de limpeza de neve, distribución de toneladas de sal e retirada de pólas de árbores. O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, dixo que “o que demostramos é que a resposta foi boa ante unha nevada como a que había anos que non se producía, e que non se focalizou so na Montaña senón que foi unha situación xeralizada”. Gómez Besteiro dixo que “o operativo funcionou, pero imos incrementalo, xa que a Deputación está na procura de aumentar o ano que vén as partidas orzamentarias”. En 2009 o organismo provincial destinará 10,6 millóns de euros para a conservación integral das estradas polo que “case se duplicará o que ímos gastar en incidencias. A xente debe ter a seguridade de que a medida que vai avanzando o proceso de coordinación cos Concellos a Deputación vai ir a máis”. Este martes a maior parte dos traballos céntrase en atender incidencias por mor da xeada. Desde primeiras horas da madrugada estase a esparcir sal nas calzadas para eliminar as pracas de xeo. Houbo chamadas por este motivo dos Concellos de Ourol, Guitiriz, Pedrafita, Palas de Rei, O Corgo e Castroverde, entre outros. As empresas adxudicatarias, que están a percorrer as vías de toda a provincia, actuaron ata o momento en estradas de 57 Concellos: Alfoz, Cervo, Foz, Xove, O Valadouro, Abadín, Vilalba, Cospeito, Castro de Rei, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo, Riotorto, A Pastoriza, Meira, Pol, Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Navia de Suarna, A Fonsagrada, Baleira, Nogueira de Muñiz, Muras, Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xermade, Guitiriz, Rábade, Begonte, Outeiro de Rei, Lugo, O Corgo, Castroverde, Friol, Guntín, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Taboada, Chantada, Carballedo, Paradela, Páramo, Portomarín, Láncara, Sarria, Samos, O Incio, Baralla, Becerreá, As Nogais, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro e Cervantes.