Deputación de Lugo

Ducias de persoas solicitan praza para o vindeiro curso escolar da IES no primeiro día de preinscrición

Imaxe deputación de lugo
Os novos alumnos poderán solicitar a súa praza ata o próximo 9 de xullo

A listaxe de admitidos publicarase o 12 de xullo para que logo, dende o 15 de xullo ó 23 deste mesmo mes, se formalicen as matrículas Ducias de persoas achegáronse este luns á Escola de Imaxe e Son de Lugo, dependente da Deputación, e solicitaron praza para o vindeiro curso escolar deste centro. Desde xeito, xa dende ás 9:00 da mañá do mesmo día en que quedou aberto o prazo de preinscrición, se formalizaron as primeiras. Todos os interesados en cursar os Ciclos Superiores de Produción e de Realización de Audiovisuais e Espectáculos na única escola da provincia que imparte ensinanzas pertencentes á familia profesional de comunicación, poderán presentar a preinscrición na sede da IES, situada na rúa Frei Rei Lemos s/n en Lugo, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ata o 9 de xullo. Tanto o impreso como a documentación correspondente, poderase descargar a través do portal web, www.fundaciontic.org. En total, ofértanse 22 prazas para cada unha das especialidades formativas. O vindeiro 12 de xullo, a Fundación TIC publicará na súa páxina web, así como no taboleiro da Escola de Imaxe e Son, a listaxe de admitidos. Logo, dende o 15 ó 23 de xullo, quedará aberto o prazo de matriculación. Traxectoria da EIS O proxecto educativo da EIS ten como eixo fundamental a combinación de formación e práctica en contextos e escenarios reais, o que permite vencellar directamente a formación dos alumnos ás necesidades e esixencias das empresas do sector audiovisual. Deste xeito, dende o inicio da actividade da EIS, no ano 2003, máis de 125 alumnos cursaron os seus estudos de Produción e Realización. En 2009 foi o curso no que, por primeira vez, se cubriron todas as prazas e no que, debido o aluvión de demandantes, houbo unha ampla lista de espera. Na actualidade, a Fundación TIC mantén relación con máis de 60 empresas nacionais e mantén convenios de colaboración cunha decena de entidades sociais, para difundir o seu labor sen ánimo de lucro. A través destas colaboracións, a Deputación de Lugo dá un novo impulso á relación que a EIS mantén co sector empresarial para a realización de prácticas dos seus alumnos e na procura da súa inserción laboral ó remate dos seus estudos.