Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación e recoñecidos deseñadores galegos fan en Lugo o Camiño con Km0 a Compostela

Imaxe deputación de lugo
A comitiva visitou as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño no río Rato, coincidindo coa celebración do 15º aniversario da posta en marcha do CENTRAD

Trátase dun acto previo á celebración da I Gala Muralla Moda 2010 cuxas entradas xa están esgotadas e un cento de persoas está en lista de espera O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este domingo no Centro de Interpretación de Terras do Miño, a recoñecidos deseñadores galegos ós que lles deu a coñecer Km0 a Compostela, o programa co que o organismo provincial se converteu na primeira administración cunha programación estable e previa ó Xacobeo. Trátase dun acto previo á celebración da I Gala Muralla Moda 2010, no que profesionais deste sector tamén se involucran na celebración do 10º aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade declarada pola UNESCO. Deste xeito, Kina Fernández, Florentino Cacheda, Jorge Acuña, Manuel Bolaño, Sara Lage, Maru Calderón, Inés Penelas, Lucía Dorado, Montse Arias, Ramón Rebolo, Luis Areñas, e Ricardo Díaz, colaboran coa Deputación na promoción dos Camiños da provincia ó exterior. Francis Montesinos non puido asistir debido á nube de cinsa do volcán inslandés Eyjafjälla que paralizou o tráfico aéreo practicamente en toda Europa. Montesinos tiña previsto coller o voo dende Valencia, pero finalmente este foi cancelado. Con todo, o prestixioso deseñador sí participará na Gala, que terá lugar o luns, ás 21:00 horas, e contará coa presenza de centos de persoas que encherán o Círculo das Artes, xa que as entradas quedaron esgotadas a mediados de semana, e hai un cento de interesados en lista de espera. Aproveitando que este ano tamén se conmemora o décimo quinto aniversario da posta en marcha do CENTRAD, a comitiva percorreu o treito do Camiño dende o Centro de Interpretación Terras do Miño ata o Centro de Cestaría, onde os deseñadores puideron coñecer o traballo que están a desenvolver os artesáns da provincia na recuperación de oficios artesanais co obxectivo de que estes non esmorezan e permanezan no tempo. Os deseñadores felicitaron ó Presidente da Deputación pola iniciativa ó tempo que lle amosaron a súa colaboración para facer unha segunda edición da Gala. Neste senso, fixeron um brindis polos profesionais da moda de Lugo. Paseo Cardiosaudable A comitiva coñeceu, ademais, o primeiro paseo cardiosaudable de España, Ponte a Andar¡; unha iniciativa que a Deputación, en colaboración coa Socieadade Española do Corazón –SEC-, e a Fundación Española do Corazón –FEC-, puxo en marcha no paseo do río Rato co obxectivo de fomentar os hábitos cardiosaudables na provincia. O Paseo está formado por 10 mensaxes ou regras que se deben seguir para diminuir o risco de padecer alguna enfermidade cardiovascular: “levar unha dieta saudable; camiñar trinta minutos ó día; nunca fumes. Se fumas, déixao xa!; mantén o teu peso ideal; vixía a túa cintura; coñece e controla a túa tensión arterial; vixía os teus niveis de colesterol e glicosa; aprende a controlar o teus estrés e a túa ansiedade; coñece o teu risco cardiovascular; e comparte as túas dúbidas con outra xente. Asimesmo, o Presidente aproveitou a visita dos deseñadores para poñer en valor os produtos autóctonos de Lugo. Deste xeito, agasallou ós prefesionais da moda con candaseu lote de degustación da campaña de promoción do organismo provincial Lugosabe coa que potencia e impulsa a economía luguesa.