Deputación de Lugo

Máis de 300 alumnos de centros educativos da provincia participaron ata o momento en Km0

Estudantes de Lugo e A Pastoriza viaxarán esta semana a Monforte de Lemos e Ribadeo grazas a esta iniciativa promovida pola Deputación

Máis de 300 alumnos de diversos centros educativos da provincia participaron ata o momento en Km0. Polo Pazo de San Marcos pasaron 235 estudantes do Colexio A Nosa Señora da Asunción de Sarria, dos CEIP de Cervantes, Quiroga e Ramón Falcón de Castro de Rei e do Centro Santo Anxo de Rábade, ós que hai que sumar os 85 do Colexio María Axiliadora de Lugo e do CEIP de Bretoña, no Concello da Pastoriza, que esta semana coñecerán mellor a nosa provincia grazas a esta iniciativa promovida pola Deputación. Esta semana, na que tamén participará un grupo formado por solicitantes individuais, amosarase o Monforte monumental, a ría de Ribadeo e o patrimonio de Sarria. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este martes no Pazo de San Marcos a un grupo formado por 55 alumnos e profesores de primeiro curso da ESO do Colexio María Auxiliadora. Gómez Besteiro explicou ós rapaces que a finalidade desta iniciativa é que os lucenses coñezan o traballo que está a realizar a Deputación, así como o gran patrimonio medioambiental e paisaxístico da nosa provincia. A continuación, os alumnos visitaron o conxunto etnográfico do Mazo de Santa Comba e viaxaron a Monforte de Lemos onde farán un percorrido polo barrio xudeo e coñecerán o entorno dos Escolapios e a pinacoteca. A ruta tamén inclúe un paseo polas beiras do río Cabe. Mañá Km0 desprazarase á Mariña. Estudantes do CEIP de Bretoña darán un paseo desde a orilla da illa Pancha ata o Cestelo de San Damián, e a continuación relizarán unha travesía en barco pola ría de Ribadeo. O xoves participará no programa un grupo formado por 36 solicitantes individuais que elexiron unha ruta por terras de Sarria, que estará complementada polo Centro de Interpretación Terras do Miño. Os participantes visitarán as Igrexas de Santiago de Barbadelo e da Magdalena e os restos da Torre da Fortaleza. Rematarán cunha ruta a pé polo Paseo das Aceas.