Deputación de Lugo

A Deputación inviste preto de 1 millón de euros na primeira fase de expropiación para o Campus 2015

Imaxe deputación de lugo
O Pleno provincial aprobará o proxecto entre Pablo Iglesias e as Pedreiras, zona adicada á investigación, transferencia, emprendemento, e Escola de Enxeñería Civil

Gómez Besteiro adianta que a iniciativa se tramitará pola vía de urxencia xa que “ó éxito da Universidade redunda no éxito da provincia” Senén Barro destaca que o organismo provincial “demostra que está a altura do que buscamos: investimentos con sentido común e rendibilidade social. USC e Deputación, xuntos mutiplicamos” O Presidente recibe a Insignia de Ouro da USC, a maior condecoración personal que concede a institución, en recoñecemento ó seu esforzo polo Campus de Lugo O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Reitor da USC, Senén Barro, e o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, adiantaron este mércores a primeira fase do desenvolvemento do Campus 2015. Gómez Besteiro avanzou que o Pleno provincial de xuño aprobará o proxecto de expropiación entre a Avenida Pablo Iglesias e a Rúa das Pedreiras, no que o organismo provincial inviste preto de 1 millón de euros. Trátase dunha zona de 11.756 metros cadrados reservada a centros de investigación, transferencia, e emprendemento como o Centro Singular de Investigación, ou o Edificio Emprendia, e onde ademais, se construirá a Escola de Enxeñería Civil. O titular do organismo provincial destacou que “o éxito da Universidade redunda no éxito da provincia. Por iso, hai 4 meses renovamos a alianza estratéxica entre Deputación e a USC, e asumimos un compromiso que hoxe ve a luz. O proxecto que vamos a aprobar é un vella reinvindicación dos veciños de Lugo. Faltaban terreos para pechar a liña que nos levaba dende a N-VI a Avenida de Madrid. Deste xeito, unha vez que o Goberno de España remate as obras na zona, xa quedarán deslindados os terreos para que a Deputación asuma esta responsabilidade. Con estes traballos, e da man do Concello de Lugo, saltamos a Avenida de Madrid, e deseñamos unha Universidade sen fronteiras”. Pola súa banda, Senen Barro subliñou que “estas actuacións son imprescindibles para que o Campus siga medrando. A Universidade ten un cómplice con sentido común. A Deputación demostra que está a altura do que buscamos: investimentos con sentido común e con rendibilidade social. Ademais, un organismo provincial ten que vertebrar a provincia, e tamén poñela no mundo do coñecemento onde a Universidade é a médula. Por iso, demostramos que USC e Deputación, xuntos multiplicamos”. A Deputación tramitará pola vía de urxencia esta iniciativa. Deste xeito, unha vez que o aprobe o Goberno provincial, notificaráselle coa máxima axilidade ós 26 veciños afectados e abrirase o prazo legal establecido para presentar alegacións. Logo desta primeira fase de expropiación, o organismo provincial actuará noutras dúas zonas previstas: a comprendida entre a Avenida Bernardino Pardo Ouro e a Avenida Pablo Iglesias, de 13.633 metros cadrados que se adicarán ó sector servizos; e a rúa das Pedreiras e a nova rotonda, de 11.772 metros cadrados, onde se construirá un polideportivo. En total, a Deputación achegará 4,6 millóns para expropiar 37.000 metros cadrados. Outros investimentos Outra das iniciativas que enriquecerá ó Campus de 2015, e no que as dúas institucións están inmersas, é a Estación Científica do Courel –ECC-. Ademais, o organismo provincial cedeulle á Universidade a finca da Casa da Granxa, e concedeulle unha subvención de 205.057 para reformar o edificio e convertelo na nova sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural –IBADER. Deste xeito, xunto coas expropiacións e as actuacións citadas, a Deputación inviste máis 7 millóns de euros no Campus 2015. Con este plan, a Universidade dá continuidade ás intervencións desenvolvidas no Campus lugués dende o ano 2002, valoradas en máis de 21 millóns de euros e en máis de 10 para equipamento científicos. Entre elas, atópase a sede do IBADER, o edificio CACTUS, as novas instalacións da Facultade de Ciencias, a Estación de Bioloxía do Courel ou o Edificio Museo e Casa do Coñecemento (E=mc2), anexo á Vicerreitoría. Insignia de Ouro Senen Barro concedeulle ó Presidente da Deputación a Insignia de Ouro da Universidade, a maior condecoración personal da institución, en recoñecemento á estreita colaboración institucional mantida dende hai moitos anos e que favoreceu en boa medida o desenvolvemento do Campus de Lugo. Deste xeito, o Reitor subliñou que “a Deputación, ó longo da súa historia, foi complice da USC no desenvolvemento do Campus de Lugo, e da provincia. Os nosos éxitos en Lugo, e os vindeiros, responden ó compromiso renovado de José Ramón Gómez Besteiro”. Ó acto, que se celebrou no Salón de Plenos do Pazo Provincial, asistiron ademais do Reitor da USC e o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, o Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, e os Vicerreitores adxuntos de Oferta e Xestión Académicas, Begoña Barreiro; de Infraestructuras e Servizos, Marta Miranda; e de Investigación e Proxección Exterior, Jesús Casabiell.