Deputación de Lugo

Km0 a Compostela reúne en Lugo ó grupo de amigos facebook I´m from Lugo, ás Cantareiras de Ardebullo e a Roberto Vilar

Imaxe deputación de lugo
Máis de 300 persoas, incluídos os prestixiosos e recoñecidos humoristas galegos, farán un treito do Camiño Primitivo co programa da Deputación

A Mariña, Lugo e a Ribeira Sacra, destinos das cinco rutas do Km0 desta semana Os recoñecidos humoristas galegos, as Cantareiras de Ardebullo e o ex integrante dos Tonechos, Roberto Vilar, farán este sábado, 17 de abril, xunto co Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o grupo de amigos facebook I´m from Lugo, & don´t deny it!, un treito do Camiño Primitivo, ó seu paso polo Concello de Lugo, dentro do programa Km0 a Compostela co que o organismo provincial se converteu na primeira administración cunha programación estable previa ó Xacobeo. Trátase da terceira ruta que organiza a Deputación dentro deste programa no que xa participaron outras personalidades relevantes do deporte e da vida social galega e española. En total, máis de 300 persoas farán o treito da ruta Xacobea que parte da Ponte da Chanca ata o barrio da Ponte, pasando pola Muralla. A participación da dos amigos facebook I´m from Lugo, & don´t deny it! xurdiu a raíz das Festas de San Froilán, cando a Deputación distribuiu camisetas desta campaña en colaboración con outras administracións e entidades. Coa presenza de personaxes carismáticos como os humoristas galegos o organismo provincial pretende impulsar a economía provincial, promocionar as rutas Xacobeas luguesas, e fomentar o turismo a través do deporte e da multiaventura, xa que o Ano Santo é unha extraordinaria oportunidade para xerar riqueza en Lugo e en todos os Concellos polos que pasa o Camiño. Ademais das Cantareiras de Ardebullo e de Roberto Vilar, outras personalidades relevantes do deporte e da vida social e política galega e española fixeron o Camiño de Santiago en Lugo dentro deste programa. É o caso da alpinista Chus Lago, Fernando Romay, o plantel do Leite Río Breogán, os campións nacionais de rallye, Sergio Vallejo e Luis Moya; de colectivos como a Sociedade Española do Corazón –SEC-; dos directores de medios de comunicación de Galicia, ou autoridades como o Presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla. Rutas desta semana Un grupo da Asociación de Veciños “San Salvador de Piñeiro” do Páramo e outro da Asociación de Amas de Casa da Marosa (Burela), foron recibidos este martes dentro de Km0. Preto de 300 participarán esta semana nas 5 rutas organizadas dentro do programa medioambiental que promove o organismo provincial. Os veciños do Páramo, logo de seren recibidos no Pazo de San Marcos, visitaron o Centro de Interpretación Terras do Miño e o Concello de Ribadeo. No municipio mariñano, percorreron o Centro de Cultivos Mariños, o Mosteiro das Clarisas e o casco histórico. Tamén fixeron unha travesía marítima pola ría. A Asociación de Burela decantouse polo Concello da capital. Visitaron o Centro de Artesanía e Deseño, o río Rato, o Centro de Interpretación da muralla, a Catedral, a Muralla e as Termas Romanas. O mércores, integrantes da Asociación Terras do Incio viaxarán ata a Mariña. O itinerario escollido incluirá unha travesía marítima pola ría de Ribadeo, e unha visita ó Castelo de San Damián, ó Mosteiro das Clarisas e ó casco histórico ribadense. Asimesmo, tamén coñecerán o CENTRAD. Ese mesmo día, un grupo de solicitantes individuais optarán pola ruta “O Cabo do Mundo”, que discorre polo Concello do Saviñao. Ademais de visitar o Centro de Produción de Programas da Fundación TIC, farán unha degustación na adega Moure e percorrerán o mirador e a praia fluvial da Cova. Completarán o itinerario cunha visita polo pobo de Belesar. O xoves, a Asociación de Veciños de Cabreiros de Xermade tamén coñecerá a Ribeira Sacra. Antes de desprazarse ata o sur da provincia, farán parada no CENTRAD. A ruta estará formada por unha visita ó Mirador do Cabo do Mundo, unha degustación na adega da Cova e por unha travesía pola praia fluvial desta localidade.