Deputación de Lugo

A Deputación investirá máis de 700.000 euros na urbanización dun treito urbano de Guitiriz co Plan Extraordinario de Obra Pública

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro e Regina Polín visitaron varias rúas que serán melloradas con esta iniciativa, e que están incluídas na estrada provincial que constitúe o principal acceso do termo municipal á A-6

Esta actuación súmase a outras realizadas polo organismo provincial neste municipio, que ascenden a preto de 2,3 millóns de euros A Deputación creará en Guitiriz a primeira das tres Aulas de Interpretación da Natureza previstas na liña de actuación do programa Lug02 dotada con 950.000 euros O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, visitou este mércores as rúas Deputación, da Feira e do Mercado, situadas no núcleo urbano deste Concello, e nas que o organismo provincial procederá á súa urbanización investindo 735.000 euros. Gómez Besteiro destacou que esta actuación inclúese dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública que foi aprabado polo Pleno no mes de abril, “e co que realizaremos investimentos na provincia sen aumentar a débeda pública para anticiparnos á saída da crise e manter os postos de traballo existentes”. Estas rúas sitúanse no treito da estrada provincial que atravesa a núcleo urbano e que constitúen o principal acceso de Guitiriz á A-6. Na actualidade presentan importantes deficiencias, que serán solventadas grazas á actuación do organismo provincial, e que inclúe o acondicionamento das mesmas; saneamento e abastecemento; instalación de alumeado público e de rede de baixa e media tensión, así como de telefonía e telecomunicacións; afirmado e pavimentación; sinalización vertical e horizontal; colocación de contendores subterráneos; e mobiliario urbano como papeleiras, bancos e xardiñeiras. O titular provincial lembrou que “esta actuación súmase a outras que realizamos neste Concello e das que hoxe poden disfrutar todos os veciños e veciñas deste municipio.” Neste senso, sinalou que a Deputación xa investiu 1.250.000 euros no acondicionamento de varias estradas provinciais. É o caso do afirmado do treito da CP 2101, que vai de Friol a Parga, ó seu paso polo casco urbano, e que contou cun orzamento de 450.000 euros. Asimesmo, a Deputación tamén urbanizou un treito de 270 metros da estrada provincial CP 2301 que vai de Guitiriz ós Vilares. O Plan de Comunidades Veciñais, o desbroce das estradas provinciais, a Conservación Integral das mesmas e o POS centran os outros investimentos da Deputación neste Concello. Aula da Natureza O Presidente e a Alcaldesa de Guitiriz tamén asinaron o convenio, a través do cal o Concello cede gratuitamente o espazo situado na segunda pranta da Casa de Barxa á Deputación para a creación dunha Aula de Interpretación da Natureza no marco do programa europeo Lug02 –cofinanciado nun 70% por fondos FEDER-. Esta actuación inclúese dentro da liña de actuación do programa medioambiental, dotada con 950.000 euros. Entrará en funcionamento no mes de xuño e é a primeira das tres que porá en marcha o organismo provincial. As outras dúas Aulas situaranse nos municipios da Fonsagrada e de Folgoso do Courel. Neste último caso, adecuaranse parte das instalacións da Estación de Bioloxía do Courel en colaboración co Campus de Lugo. “Esta non é unha elección aleatoria senón un premio a un Concello que entende e traballa de forma punteira polo coidado e mantemento do medio ambiente. É ademais unha inversión, porque dende a Deputación apostamos pola riqueza medioambiental como a nosa oportunidade económica. Esto é un traballo que se debe a Regina Polín e que outros municipios non souberon facer. Por iso, pensamos que este Concello tiña que ser o primeiro no que se asinase o convenio”. Pola súa banda, Regina Polín sinalou que “este é un proxecto moi ilusionante que se une ó do IGAPE contra o cambio climático. É un éxito para Guitiriz e para a Reserva da Biosfera de Terra do Miño”. A través desta iniciativa equiparase a aula con material necesario para a actividade da mesma. Instalaranse como mínimo dez ordenadores de sobremesa, unha pantalla para o visionado de vídeos, decoración, mobiliario para completar o existente, conexión a Internet, equipo multimedia, etc. Nela levaranse a cabo actividades de información, educación e sensibilización medioambiental, programas educativos para centros escolares, proxeccións audiovisuais ou exposicións temáticas. Pero ademais, esta Aula tamén será reforzada con outras 4 móbiles que percorrerán todos os municipios do ámbito de actuación do programa e outros puntos de Galicia. Destas, tres serán en furgoneta e outra en barco. En todas levaranse a cabo accións de formación e sensibilización. Asimesmo, crearase un portal de aulas de interpretación, que servirá de soporte da actividade tanto nas aulas físicas como nas móbiles.