Deputación de Lugo

A oficina provincial de emigración de Viveiro abre as súas portas

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro inaugurará a Casa do Emigrante, compromiso asumido na viaxe realizada a Sudamérica

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurará mañá venres a oficina provincial de emigración de Viveiro, a Casa do Emigrante. Deste xeito, a institución provincial pon en marcha por primeira vez unha oficina que atenderá a todos os emigrantes e inmigrantes lucenses, e que estará cofinanciada pola Deputación e La Caixa. Este servizo estará descentralizado da institución e canalizarase a través da ampliación da oficina xa existente no Concello de Viveiro. Esta medida é consecuencia da viaxe institucional que o Presidente da institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, fixo a Sudamérica no mes de setembro, e responde a unha das principais demandas dos lucenses residentes no exterior. A Casa do Emigrante e Viveiro son a porta ós emigrantes de Lugo, pero tamén a todos aqueles proxectos empresarias que teñen como destino a nosa provincia. O obxectivo desta oficina é mellorar a comunicación da comunidade lucense co exterior, de xeito que se poidan establecer canles de información que permiten resolver moitas veces pequenas cousas para os lucenses que tiveron que emigrar. É o caso das herdanzas, cemiterios, partidas de nacemento, etc. Ademais, e isto é moi importante, presta tanto información económica como dos posibles investimentos na provincia. Segundo datos do mes de xaneiro de 2008, dos 325.266 galegos residentes no exterior, case 43.000 lugueses e o 80% residen en Iberoamérica.