Deputación de Lugo

A Deputación envía esta semana a Patrimonio o proxecto de acondicionamento dun treito do Camiño en Sarria

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial rematou a redacción do proxecto no que investirá 359.000 euros

O Presidente cumpre o compromiso asumido hai tan só dous meses cos veciños de Sarria A Deputación rematou a redacción do proxecto de acondicionamento do treito do Camiño de Santiago de entrada ó casco urbano de Sarria, que esta semana será enviado á Dirección Xeral de Patrimonio. Unha vez emitido o informe favorable por parte deste departamento da Xunta, comezarán as obras. Cúmprese así o compromiso asumido polo Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, nunha visita que realizou a Sarria no mes de xaneiro, atendendo unha demanda histórica tanto dos veciños como do Alcalde, Claudio Garrido. Gómez Besteiro deu a máxima prioridade a esta iniciativa, por tratarse dunha entrada emblemática para esta capital de comarca. Tan só dous meses despois de que lle fose solicitada esta obra, xa se dispón do proxecto. O organismo provincial investirá 359.000 euros neste proxecto que foi elaborado polos técnicos da Unión de Promoción e Desenvolvemento (UPD) da Deputación. Cando comprobou in situ o estado no que se atopa este treito, Gómez Besteiro subliñou que o vindeiro Ano Santo fai do Camiño de Santiago non só unha oportunidade turística para a esta provincia, senón tamén económica, polo que a Deputación aproveitará calquera oportunidade que supoña crear riqueza para os veciños. Características do proxecto A actuación inclúe o acondicionamento en zahorra dos últimos 90 metros do Camiño na parroquia de Vigo e a urbanización dos seguintes 145 metros, xa no caso urbano. O proxecto inclué a construción de aparcadoiros en formigón e de beirarrúas con lousa tipo pizarra. En canto ós servizos, instalarase toda a rede de saneamento e de abastecemento, así como a de baixa tensión, alumeado público e telecomunicacións. Tamén se acondicionarán dúas praciñas que hai neste treito.