Deputación de Lugo

A Deputación inicia as obras de rehabilitación da nova sede de SUPLUSA

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro supervisou a posta en marcha dos traballos que contan cun investimento de 200.000 euros e un prazo de execución de 6 meses

O edificio facilitará o acceso á información sobre a oferta de solo industrial e planeamento urbanístico a veciños e Concellos A Sociedade Urbanística Provincial, ademais de xestionar as áreas verdes, crea solo industrial en 31 Concellos O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este luns o inicio das obras da nova sede da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) dependente do organismo provincial. Gómez Besteiro salientou que o novo edificio, ubicado “na futura praza de San Marcos, facilitará o acceso a información e o asesoramento en todo o relativo á oferta de solo industrial da provincia e do planeamento urbanístico”. O inmoble, cuxas obras custarán 200.000 euros e terán un prazo de execución de 6 meses, contará con 850 metros cadrados. Diporá dun soto, unha pranta baixa, 3 andares e unha baixo cuberta. No seu interior tamén acollerá un centro de promoción industrial da Deputación e unha sala de exposicións coa oferta de terreos para a construción de novas empresas. Neste senso, o titular do organismo provincial destacou que “a Deputación vai sacarlle partido ao SUPLUSA para que as empresas saiban en que estado e onde se atopan o solo industrial. Aínda que non só vamos acometer parques empresariais, senón tamén contribuiremos á construcción de vivendas, á cooperación cos Concellos ou a prestación de outros servizos; en definitiva, a todo aquelo que demande a sociedade porque é o que hai que facer no momento de crise que estamos a vivir”. Coa nova sede do SUPLUSA, a Deputación dá facilidades aos emprendedores para que acometan un proxecto empresarial que fortaleza a economía de todos os veciños da provincia e cree novos postos de emprego. Durante a súa intervención, Gómez Besteiro explicou que, ao situar a Sociedade Urbanística Provincial na rúa San Marcos, o organismo provincial contribúe a rehabilitación dun inmoble en harmonía co centro histórico, “un dos obxectivo que plantexa o Plan Urban e no que estamos a traballar de forma conxunta a Deputación e o Concello de Lugo para revitalizar o casco histórico de Lugo, peatonalizar a rúa San Marcos e abrir á Muralla os xardíns do Pazo Provincial”. Actividade de SUPLUSA Durante o acto de inicio das obras do novo edificio da Sociedade Urbanística Provincial, Gómez Besteiro incidiu en que o organismo provincial quere coa nova sede de SUPLUSA “dar a coñecer aos lucenses o importante traballo que se está a realizar dende esta Sociedade en beneficio do desenvolvemento industrial e económico da provincia”. Neste senso, explicou que SUPLUSA, ademais de xestionar as áreas verdes, está a crear solo industrial en 31 Concellos. Concretamente, a Sociedade Urbanística Provincial actúa en Abadín, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Begonte, Burela, Carballedo, Castroverde, Cospeito, Chantada, A Fonsagrada, Friol, Gutín, Láncara, Meira, O Incio, Ourol, O Páramo, Pantón, Paradela, Pedrafita, Pobra de Brollón, Pol, Riotorto, O Saviñao, Sober, Trabada, Triacastela, Viveiro, O Vicedo e Vilalba.