Deputación de Lugo

Fernández Antonio anuncia que o IGAPE avalará con 12,8 millóns de euros o novo proxecto de comercialización do grupo Porto de Celeiro

No acto no que tamén participou o Presidente da Deputación, o Conselleiro subliñou a importancia da cooperación, a innovación e a modernización para que as empresas poidan incrementar a súa competitividade

Así mesmo, destacou a calidade e a diferenciación como criterios para operar nun mercado cada vez máis competitivo Fernández Antonio explicou que a segunda fase do proxecto abordado por Porto de Celeiro está centrado na implantación dunha nova empresa comercializadora Pola súa banda, Carmen Gallego sinalou que esta iniciativa posibilitará unha xestión integral das capturas por parte de Porto de Celeiro, facilitando a adaptación da oferta á evolución dos mercados A conselleira de Pesca tamén destacou as axudas concedidas polo seu departamento ós profesionais do mar de Celeiro durante os últimos tres anos, para os que achegou preto de 26 millóns de euros O conselleiro de Economía e Facenda e a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos participaron nunha xornada cos armadores de Porto de Celeiro O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) avalará cun total de 12,8 millóns de euros o novo proxecto de comercialización do Grupo Porto de Celeiro. Esta operación, segundo explicou o conselleiro, está destinada a cambiar de xeito importante o sistema tradicional de subasta do peixe e buscar un maior valor engadido para os produtos da pesca. Así o expuxo o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio esta mañá nunha xornada cos armadores do Grupo Porto de Celeiro na que tamén participou a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. Fernández Antonio fixo especial fincapé no apoio da Xunta de Galicia ós proxectos de interese para a economía galega, así como na importancia da cooperación, a innovación e a modernización das empresas para que estas poidan manter e incrementar a súa competitividade. Por este motivo subliñou a calidade e a diferenciación como criterios indispensables para que as empresas galegas poidan operar con éxito nun mercado cada vez máis competitivo. A este respecto, Gómez Besteiro subliñou que “asistimos ó compromiso do Goberno galego de Pérez Touriño, a través das Consellerías de Economía e Pesca, co futuro da Mariña, de xeito que se garantiza a comercialización dos produtos do mar. Trátase de colocar as capturas nos mercados, o que sen dúbida lle dá valor engadido ós nosos produtos. É, por tanto, un día importantísimo para o sector pesqueiro, e este é o camiño a seguir no futuro. A xente da provincia debe saber que este proxecto vai a ter trascendencia tamén no resto de Lugo”. Segundo explicou o conselleiro, trátase por unha parte, da adaptación da estrutura financeira do conxunto das empresas que están ó redor de Porto Celeiro e á súa vez, da posterior constitución dunha sociedade comercializadora que Porto de Celeiro levará a cabo de acordo cun plan donde é parte importante a operación de compra dos dereitos de pesca ós socios armadores e para o que contará co apoio do Igape e Xesgalicia”. Destacou o aval, destinado a garantir o 40% do principal dun ou varios préstamos por importe máximo conxunto de 32 millóns de euros, compleméntase ademais ca concesión dun préstamo participativo por importe de 4 millóns de euros, a través de Xesgalicia (Sodiga). “Coa reestruturación financeira promovida para adquisición de dereitos de pesca aos armadores, Porto de Celeiro prevé mellorar a xestión dos dereitos de acceso ós caladoiros e a súa competitividade”, explicou o conselleiro. Nova empresa comercializadora Por outra banda, o conselleiro explicou tamén, que “a segunda parte do proxecto abordado por Porto de Celeiro se centrará no desenvolvemento e implantación dunha nova empresa comercializadora que terá como obxectivo a valorización do produto mediante a eliminación da excesiva intermediación existente na actualidade”. A nova sociedade comercializadora estará integrada por todas as empresas comerciais do Grupo, agrupadas en Porto de Celeiro Comercial, xunto con Proinsa, a sociedade que comercializa actualmente a pesca artesanal dese porto e Isidro de la Cal. A nova sociedade, xestionará máis de 37.000 toneladas de pescado fresco e elaborado, e terá capacidade loxística para achegar o produto, ben fresco ou elaborado, ós grandes maioristas da distribución –as grandes superficies e á canle da restauración, Horeca cunha previsión de vendas, superior ós 142 millóns de euros. Fernández Antonio enmarcou esta axuda no conxunto de medidas que acomete a Xunta de Galicia para facilitar instrumentos de financiamento ó tecido produtivo galego. Xestión integral das capturas Pola súa banda, a conselleira de Pesca sinalou que coa compra dun 70 por cento dos dereitos de pesca dos seus armadores, Porto de Celeiro avanza cara a optimización da xestión das súas posibilidades de pesca en augas de Gran Sol. Segundo manifestou Gallego, esta concentración permitirá unha regulación da actividade da frota máis acorde coa situación dos recursos e fará posible unha xestión integral das capturas, facilitando a adaptación da oferta á evolución dos mercados. A titular da Administración pesqueira galega explicou que este é o primeiro paso dun innovador proxecto de comercialización, no que tamén participan Isidro de la Cal e Proinsa, que lle permitirá acadar a Porto de Celeiro unha nova dimensión coa finalidade de consolidar unha posición no mercado, o que garantirá a rendibilidade das empresas asociadas. Así mesmo, Carmen Gallego destacou o apoio do seu departamento aos profesionais do mar de Galicia e, concretamente, ós de Celeiro, que contaron nos últimos tres anos con axudas da Consellería próximas aos 26 millóns de euros. Neste eido, indicou que nese período melloráronse as infraestruturas portuarias ó tempo que se axudou a modernizar a frota deste concello lucense. Ademais, sinalou a participación activa de Pesca nos proxectos de I+D+i, especialmente Peixe Verde para a mellora da eficiencia enerxética e a busca que combustibles alternativos.