Deputación de Lugo

A Fundación TIC investirá este ano máis dun millón de euros na renovación tecnolóxica para a chegada da TDT

Gómez Beteiro dixo que “o obxectivo desta transformación é adaptar os seus recursos tecnolóxicos ás necesidades da implantación da TDT e a migración das tecnoloxías analóxicas ás dixitais, un gran reto para os Concellos”

José María Besteiro, un dos produtores españois con maior proxección internacional, nova fichaxe para o Padroado da Fundación O novo Padroado da Fundación TIC de Lugo, constituido este xoves, logo da modificación dos estatutos aprobada en abril de 2008 para adaptalos á Lei Galega de Fundacións, permitirá abrir a Fundación á sociedade e exercer unha xestión moito máis transparente e útil redefinindo os obxectivos fundacionais. No ano 2009, investirase 1.128.000 euros (378.000 do presuposto de 2009 e 750.000 de remanentes do orzamento de 2008) na mellora dos medios técnicos e das instalacións do Centro de Produción de Programas para adaptalos ás novas necesidades xeradas pola implantación das tecnoloxías dixitais. O Presidente da Fundación e da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou que “unha das liñas fundamentais de traballo fixadas no Plan de Actuación aprobado polo Padroado para este ano será prestar apoio, ofrecer asesoramento e xerar contidos que faciliten, ós Concellos e ás empresas do sector, afrontar os novos retos e servizos que a televisión dixital terrestre incorporará no ámbito da televisión de proximidade logo de que se produza o apagón analóxico previsto para o próximo 3 de abril de 2010”. O Padroado aprobou nesta mesma sesión a conta anual do exercicio 2007-2008 e o Plan de Actuación para o ano 2009, que prevé un orzamento de 1.560.955 euros que se destinará a desenvolver distintas accións dentro das dúas liñas básicas de traballo establecidas: a educación e formación e a produción e promoción. José María Besteiro, novo patrono O padroado da Fundación TIC está formado polo Presidente da Fundación, José Ramón Gómez Besteiro, un representante político de cada grupo provincial, un Deputado adscrito ó grupo do Presidente do Padroado e “incorpora dous expertos do sector audiovisual que manteñen unha directa vinculación coa nosa provincia: José Mª Besteiro, un dos produtores máis importantes de España e con maior proxección internacional, e Jorge Coira, realizador e director de cine”, apuntou o máximo responsable provincial. José Mª Besteiro, natural de Riotorto e reside na actualidade en Miami desde onde dirixe diferentes proxectos para a distribución de contidos adaptados ás novas necesidades e requerimentos producidos pola implantación da TDT. A nova fichaxe do Padroado da Fundación, conta cunha ampla e recoñecida traxectoria. Pertenceu ó equipo fundador de Canal + España, e en 1995 foi fichado polas multinacionais Time Warner e Betelsmann para a súa división de canles temáticas latinomericanas. Como produtor é responsable de proxectos de éxito como Libro de Familia e Sin tetas no hay paraíso, e foi produtor asociado da película A lingua das volvoretas. Posteriormente independizouse e creou Besteiro Servizos Audiovisuais. É distribuídor de series e programas a través de TeleFicción, e o seu último proxecto é Distrivisión.tv, a primeira canle de distribución de contidos para a TDT. En canto a Jorge Coira, é natural de Rábade e realizador de Tv e director de cine. Entre bateas e Terra de Miranda son algúns do seus traballos máis destacados para televisión. Pola súa primeira longametraxe O ano da carracha, rodada en Lugo, recibíu o premio Mestre Mateo 2004 á mellor dirección. O Presidente da Fundación TIC tamén agradeceu o traballo desenvolvido por Julio Fernández e Francisco Campos que foron patronos na anterior etapa. Gómez Besteiro dixo que “realizaron un traballo moi profesional e seguiremos contando coa súa colaboración e experiencia”. A Fundación TIC para dar cumprimento os seus fins fundacionais, articula a súa actividade a través dos programas formativos da Escola de Imaxe e Son, as actividades de produción e creación de contidos audiovisuais no Centro de Produción de Programas e a promoción e difusión da nosa provincia a través da oficina de promoción de rodaxes. Lugo Film Commission. As sinerxias xeradas entre formación, produción e promoción constitúen o elemento articulador dun proxecto que debe contribuir a potenciar e impulsar un sector, o das tecnoloxías da información e da comunicación, emerxente e estratéxico para o desenvolvemento económico da nosa provincia e que complementa as diferentes líneas de actuación promovidas pola Deputación Provincial de Lugo. Fundación TIC A Fundación para o Desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) é unha entidade sen ánimo de lucro, promovida pola Deputación de Lugo, e sobre a que exerce o protectorado a Consellería de Educación. As súas instalacións están no polígono do Ceao –produtora audiovisual- e na rúa Frai Plácido Rei Lemos –centro de formación-. A Fundación TIC é un instrumento que promove a formación e a produción no ámbito das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Neste senso, a súa actividade está dirixida ó fomento da educación, da investigación e o desenvolvemento das TIC, así como ó impulso e consolidación da denominada sociedade da información, de maneira que se contribúa a mellorar a formación relativa a estas tecnoloxías na provincia de Lugo. Dentro das estratexias e liñas de actuación prioritarias están a xestión dun centro educativo, autorizado pola Consellería de Educación no ano 2003, para impartir ciclos formativos de formación profesional de grao superior de Producción de audiovisuais, radio e espectáculos e de Realización de audiovisuais e espectáculos que iniciou a súa andaina no curso 2003/2004; o fomento das accións vinculadas ó sector das TIC e á promoción de calquera actividade dirixida á promoción dos seus obxetivos que figuran nos estutos da Fundación; a colaboración coas administracións e entidades con responsabilidades e competencias no campo da educación e da formación; e fomentar a colaboración entre as empresas e entidades públicas para conseguir o desenvolvemento das TIC. O órgano de goberno da Fundación é o Padroado, ó que corresponde cumprir cos fins fundacionais e administrar o seu patrimonio. Na actualidade a Fundación centra a súa actividade na consolidación dun modelo formativo propio de referencia para o desenvolvemento da formación no ámbito do sector audiovisual, preparación de proxectos para a creación de programas formativos baseados na aplicación das novas tecnoloxías, colaboración con entidades e institucións da provincia facilitando o apoio técnico e loxístico preciso para xerar contidos audiovisuais ou multimedia, e na consolidación dun programa de bolsas de formación en empresas para facilitar a inserción laboral dos titulados.