Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación participa nas festas das San Lucas de Mondoñedo, que cumpren o seu 855 aniversario

Besteiro asistiu ó acto no que a cidade mariñana e a de Ferrol renovaron os seus lazos de irmanamento e á feira de gando cabalar, un dos principais atractivos da cita festiva, na que entregou dous premios ós gandeiros participantes O xefe do Goberno provincial deu os seus parabéns á organización por manter a calidade e variedade dun festexo con tanta historia, que supón un estímulo para a economía local, pois atrae a miles de persoas. Neste ano calcúlase que acudirán unhas 40.000

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este martes nas San Lucas de Mondoñedo, a cita festiva máis antiga de Galicia, que cumpre este ano o seu 855 aniversario. Besteiro acudiu ó acto de irmanamento da cidade mariñana coa de Ferrol. Unidas por lazos culturais, literarios e relixiosos, as dúas capitais da diocese renovan cada ano, dende o 2005, a súa irmandade.

Como en anos anteriores, o acto de irmanamento coincidiu co día grande das San Lucas. De seguido, o Presidente provincial acudiu á feira de gando cabalar, celebrada no Campo dos Paxariños e un dos principais atractivos das festas mindonienses, na que se dan cita centos de persoas, non só de toda a provincia e do resto de Galicia, senón tamén de Asturias e León. Besteiro foi o encargado de facer entrega de dous dos premios: ó maior número de cabezas e ó dono do mellor cabalo de raza pura galega.

O Presidente provincial non quixo desaproveitar a ocasión para dar os seus parabéns á comisión organizadora das San Lucas por manter a calidade e variedade dunha cita con tanta historia e que supón un estímulo para a economía do municipio, pois atrae a miles de persoas durante os seus cinco días de duración. Sen ir máis lonxe, nesta 855 edición espérase a participación dunhas 40.000 persoas.

A orixe das Feiras e Festas das San Lucas remóntase ó ano 1156, cando o rei Alfonso VII concedeu unha festa de oito días á localidade. Na actualidade duran cinco días, pero no pasado chegaron a celebrarse durante 15.