Deputación de Lugo

O Barco Muralla de Lugo fondeará en Riotorto durante a V Feira da Artesanía do Ferro

Imaxe deputación de lugo
O feiral celébrase este domingo, pero a embarcación tamén poderá visitarse o sábado. Estará na Praza das Rodrigas, ó lado da casa consistorial, e abrirá de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 18:30Os seguintes destinos da aula turístico medioambiental da Deputación serán Pol, os días 16 e 17 deste mes, e Portomarín, o 23 e 24

O percorrido que fai dende hai dous meses o Barco Muralla de Lugo para promocionala Costa e a riqueza medioambiental da provincia continúa esta fin de semana en Riotorto, onde se celebra a quinta Feira da Artesanía do Ferro. Este evento terá lugar o domingo, día 10, pero a aula turística medioambiental da Deputación tamén poderá visitarse o sábado. Estará emprazada na Praza das Rodrigas, ó lado da casa consistorial, e o horario no que os veciños e visitantes poderán entrar é de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 18:30.

A Feira de Artesanía do Ferro, organizada polo Concello e a Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto, pretende mostrar e poñer en valor o traballo destes artesáns, ademais de revitalizalo oficio e espertar vocacións. Xunto á exposición e venda de produtos, desenvólvese de maneira complementaria un programa de actividades no que figuran talleres e demostracións do traballo co ferro e outras especialidades de artesanía, actuacións musicais e animación na rúa.

Despois do municipio riotortense, o Muralla de Lugo navegará durante este mes hasta Pol, onde estará os días 16 e 17, e Portomarín, o 23 e 24, con motivo da Festa da Augardente.

A Deputación botou esta embarcación en xuño do ano pasado no marco do programa medioambiental Lug02, dotado de 5 millóns de euros, dos que a Unión Europea aporta o 70%. Foi construído por unha empresa de Burela e pintada en Viveiro. O seu interior conta con ordenadores, todo tipo de información medioambiental, así como mobiliario e material náutico que cederon na súa totalidade e de maneira gratuíta as confrarías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro. Nas localidades nas que recala distribúense dípticos das Reservas da Biosfera, material didáctico, información empresarial e de bolsas de estudos, ademais de vídeos da provincia elaborados polos alumnos da Fundación TIC, dependente do organismo provincial.