Deputación de Lugo

Besteiro sente que o Alcalde de Baleira privase á Deputación de construír a residencia neste municipio

O Concello nunca cedeu á Deputación os terreos necesarios para iniciar as obras desta infraestrutura, o único e imprescindible trámite que lle competía ó municipio baleirense No que vai de ano, o Rexedor convocou 3 Plenos extraordinarios nos que, en todas as sesións, se aprobou entregar á Xunta unha parcela para comezar coas obras da residenciaLogo de que o Goberno galego rexeitase en dúas ocasións os terreos, Baleira espera agora a nova resposta da Xunta mentres o centro para maiores segue sen proxecto e licitaciónO Presidente pediu o Alcalde que desbloquee o Innova-TE para que os veciños poidan realizar dende Internet os 79 primeiros trámites coa administración habilitados no municipio

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, sentiu este mércores que o Alcalde de Baleira, Francisco Acal, privase á Deputación de construír unha residencia da terceira idade neste Concello. “Isto supuxo, que os 1.400 veciños deste municipio, onde o 40% son maiores de 65 anos, non conten hoxe con este servizo, nin vexan avances ó respecto”, sentenciou. Gómez Besteiro lembrou que o organismo provincial tiña previsto asumir e executar este proxecto ó igual que o está a facer en outros 13 municipios lucenses de todas as cores políticas. Sen embargo, non o puido facer porque o Concello nunca cedeu á Deputación os terreos necesarios, ó único e imprescindible trámite que lle competía realizar ó municipio baleirense.

O titular provincial comparou a disposición de traballo que mantivo o Rexedor coa Deputación e coa Xunta, e salientou que “mentres a institución provincial estivo meses e meses esperando a que o Alcalde nos cedese os terreos, o Goberno galego recibiunos ata en 3 ocasións nos últimos meses”. O municipio celebrou Plenos extraordinarios en xaneiro, febreiro e marzo nos que, en todas as sesións, se aprobou entregar unha parcela na rúa Marques de Racamonde ó Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a construción da residencia. Nas dúas primeiras ocasións, a Xunta rexeitou os terreos. Agora, o Concello está, unha vez máis, á espera da nova resposta do Goberno galego tras remitir o acordado na sesión plenaria extraordinaria do pasado 17 de marzo.

Gómez Besteiro amosou ademais a súa sorpresa ó ver que, malia que a Xunta non confirmou se acepta os terreos, nin presentou ningún proxecto, como tampouco licitou a obra, dende a pasada celebración da Festa da Terceira Idade en Baleira, o centro deste municipio acolle un cartel onde se anuncia a “próxima construción” dunha residencia. O Presidente informou ademais que a Deputación segue a avanzar nos trámites de construción de 13 residencias na provincia nas que inviste máis de 14 millóns de euros. Trátanse dos centros para maiores de: Castroverde, Trabada, Pol (infraestrutura licitadas), Meira (licitarase a finais de mes), Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna, Guitiriz, O Saviñao (adxudicacións previstas nas vindeiras semanas), Riotorto, Ribas de Sil, A Fonsagrada, Pobra do Brollón e Monterroso. Estas instalacións ofrecerán un total de 329 prazas de residencia e 219 de centro de día.

79 trámites paralizados

Besteiro pediu ademais ó Alcalde que desbloquee a situación na que se atopa o Innova-TE neste municipio para que os veciños de Baleira poidan realizar dende Internet os 79 primeiros trámites coa administración que, ata o momento, se habilitaron mediante o programa tecnolóxico. Dende o pasado 28 de marzo, este Concello ten todo o necesario para arrancar a e-administración. Os traballadores municipais levan dende o 10 de decembro recibindo formación personalizada e in situ, e na Casa Consistorial xa se atopa todo o material tecnolóxico necesario que subministrou o organismo provincial. Ante esta situación, a Deputación pediu en varias ocasións a colaboración do Concello para que os cidadáns realicen dende a Rede trámites de competencia municipal como: solicitudes de alta no subministro de auga potable e rede de sumidoiros, dun posto no mercado, certificado de empadroamento, subvencións para asociacións e colectivos, licenzas de vao e de ocupación de vía pública, inscricións en bolsas de traballo, en escolas deportivas, talleres, cursos e garderías, consulta de multas de tráfico ou reserva de vodas civil. A pesar das vantaxes que isto conleva para os cidadáns de Baleira, o organismo provincial non logrou resposta algunha por parte do Concello.

Ponte de Cubilledo

Gómez Besteiro fixo estas declaracións logo de supervisar o estado da Ponte de Cubilledo que vén de arranxar o organismo provincial. O Presidente lembrou que no mes de xaneiro, o temporal de auga provocou graves danos nesta infraestrutura porque o anterior equipo de Goberno provincial a construíu empregando bloques e tubaxes, fixados exclusivamente na terra. Isto favoreceu, que as choivas ocasionasen o desprendemento dos muros da ponte ata o seu total derribo. Para evitar que a situación se repite, que os veciños non queden de novo incomunicados e garantir a súa seguridade, a Deputación fixo unha nova infraestrutura con bigas e pilares de formigón. A resistencia deste material impide desprendementos e por tanto, o derribo da ponte ante novos asolagamentos. O organismo provincial aprobou pola vía de emerxencia unha partida económica de 70.383 euros para acometer, en pouco máis dun mes, os traballos de construción da nova ponte de Cubilledo. As choivas de xaneiro, tamén danaron un treito da CP 0405 que comunica as localidades de Fonteo e Lastra. Neste caso, o tráfico restableceuse en menos dunha semana, logo de que a Deputación rematase coas obras de mellora nesta vía de Baleira.