Deputación de Lugo

A Deputación amosa o seu rexeitamento á supresión do Máster de Enxeñería Industrial

O Presidente anuncia que o organismo provincial está disposto a colaborar incluso economicamente para que se manteña esta formación A Xunta de Goberno aprobará mañá a proposta de acordo na que se solicitará á USC que garanta que o profesorado, o estudantado e o persoal investigador continúen desenvolvendo a súa actividade no Campus lucenseGómez Besteiro adianta que a Deputación tamén colaborará na posta en marcha do Máster Ambiental que se comezará a impartir en setembro na Escola de Maxisterio, ademais de manter un investimento de máis 7 millóns de euros para o Campus 2015

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, amosou este xoves o seu rexeitamento á supresión do Máster de Enxeñería Industrial logo de que a Universidade de Santiago de Compostela fixese público o seu anuncio de deixar de ofertar esta formación ós alumnos o vindeiro curso. Neste senso, Gómez Besteiro subliñou que “a Deputación respalda o mantemento deste Máster. A dinámica na que estamos é de non perder nada e de seguir implicándonos de cheo na ampliación do Campus e na construción da Escola de Enxeñería Civil. O que non imos a facer é dar marcha atrás, porque os pasos atrás a Deputación non os considera como positivos”.

Deste xeito, o máximo mandatario provincial sinalou que o organismo que preside está disposto a colaborar tanto dende o punto de vista económico como na execución das melloras que sexan necesarias para que a disciplina se manteña. Precisamente, o organismo provincial dará o primeiro paso mañá na Xunta de Goberno, onde se aprobará a proposta para solicitar á Universidade de Santiago de Compostela que garanta o seu mantemento das titulacións necesarias para garantir que o profesorado, o estudantado, así como o persoal investigador continúen desenvolvemento a súa actividade no Campus lucense. O acordo será trasladado ó Reitor da USC, Juan Casares Long.

A este respecto, Gómez Besteiro comparou esta situación coa da Facultade de Veterinaria, “xa que cando comezou a funcionar só tiña 350 estudantes e hoxe, 25 anos despois, está homologada a nivel europeo e é unha grande Facultade. Por tanto, a USC ten que reflexionar que Lugo ten un Campus que aposta polo seu aspecto rural e tecnolóxico. Esta é unha opción que temos que seguir e na nosa disposición está continuar avanzando. Nós loitamos porque esa oferta, que comezou este ano, siga vixente. Hai que potencialo e non ás primeiras de cambio voltarnos para atrás. Nós sumamos, non restamos”.

Apoio da Deputación ó Campus de Lugo

O apoio manifestado polo Presidente ó mantemento do Máster inclúese dentro da aposta que a Deputación ten polo Campus de Lugo. Precisamente, o Pleno aprobou por unanimidade en marzo a expropiación da parcela comprendida entre a Avenida Pablo Iglesias ata a rúa das Pedreiras, de 11.756 metros cadrados, incluída no proxecto do Campus 2015 no que o organismo provincial inviste máis de 7 millóns de euros.

A institución provincial iniciará os traballos proximamente. Nesta zona situarase a Escola de Enxeñería Civil cuxas obras foron contratadas polo organismo provincial este mes por valor de 3.840.000 euros, e que , tal e como subliñou o Gómez Besteiro, serán licitadas nas vindeiras semanas.

Logo desta primeira fase de expropiación, a Deputación actuará nas outras dúas zonas previstas: a comprendida entre a Avenida Bernardino Pardo Ouro e a Avenida Pardo Iglesias, de 13.633 metros cadrados que se adicarán ó sector servizos, e a rúa das Pedreiras e a nova rotonda, de 11.772 m2 onde se construirá un polideportivo. En total, investiranse 4,6 millóns de euros para expropiar as zonas citadas anteriormente.