Deputación de Lugo

Gómez Besteiro ofrece a plataforma de comercio electrónico ó Centro Comercial Urbano de Monforte

O Presidente mantivo unha xuntanza cos integrantes deste colectivo para coñecer as súas necesidades e continuar impulsando a súa actividade A diferenza da anterior Deputación, o actual equipo de goberno mantén dende hai dous anos un firme compromiso con esta asociación, colaborando coas actividades que desenvolve para a dinamización do comercio O CCU de Monforte está integrado por 174 socios vinculados ó comercio, dos que máis de 70 se atopan dentro do centro histórico

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este luns unha xuntanza cos integrantes da Asociación Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte de Lemos, que dirixe Germán Vázquez, para coñecer as necesidades deste colectivo e establecer novas vías de colaboración que permitan seguir impulsando o importante labor que desenvolven na promoción do centro histórico monfortino. Gómez Besteiro amosou a colaboración do organismo que preside a este colectivo e convidouno a integrarse na plataforma de comercio electrónico que puxo en marcha o organismo provincial no marco do programa Innova-TE, cofinanciado nun 70% polos fondos europeos FEDER. A Deputación abriu o pasado venres o prazo para que as empresas formalicen a adhesión a esta iniciativa denominada “Los Productos de Lugo”, que serán totalmente gratuítos para as firmas. Neste senso, o titular provincial puxo como exemplo o caso de “Bicicletas Guillermo”, que xa está integrado na plataforma e é un dos socios do CCU.

Con esta iniciativa, considerada o primeiro centro comercial virtual de toda a provincia, a Deputación contribúe coas novas tecnoloxías ó desenvolvemento económico de Lugo e á promoción das súas empresas, abríndolles unha nova canle de venda dos seus produtos e servizos para incrementar o volume de beneficios. As firmas teñen un espazo para anunciarse, vender e distribuír os seus produtos en novos mercados as 24 horas do día os 365 días do ano. Os interesados poden consultar xa as bases da convocatoria na páxina web www.deputacionlugo.org e a documentación correspondente deberá presentarse no Rexistro Xeral da Deputación. Cando remate a inscrición, a plataforma ofrecerá por vez primeira unha imaxe de marca de Produtos de Lugo, independentemente do proveedor que os ofreza, aforrando tempo e cartos ós clientes.

O proxecto inclúe tamén a posta en marcha dunha pasarela de pagos telemáticos, habilitada a través dunha entidade financeira, e disporá dunha empresa loxística para a recollida e entrega dos produtos ós compradores.

Intensa colaboración

O organismo provincial mantén unha intensa colaboración con este colectivo dende hai máis de dous anos. Neste senso, a través de distintas áreas da Deputación, así como do INLUDES subvencionáronse distintas actividades de dinamización do comercio monfortino organizadas pola asociación. Un exemplo foi a Degustación da Zoca do Espía que se celebrou o pasado 6 de abril e coa que o CCU recuperou este produto típico dos anos 70, semellante á tradicional empanadilla pero elaborada de xeito artesanal. O presidente do colectivo agradeceu a colaboración do Presidente, “porque todo o que sexa formación e apoiar o turismo da Ribeira Sacra será valorado porque satisfará moitas das nosas necesidades”.

A chegada do actual equipo de goberno supuxo un antes e un despois no desenvolvemento desta agrupación, xa que a anterior Deputación nunca lle brindou a súa colaboración nin lle concedeu ningún tipo de axuda. Neste senso, outro exemplo de colaboración foi a axuda concedida para a instalación do alumeado de Nadal.

A Asociación de Centro Comercial Urbano de Monforte de Lemos está formada por unha agrupación de establecementos comerciais independentes, que se sitúan, fundamentalmente, nas rúas do centro histórico. Hoxe en día representa unha zona de compras cada vez máis atractiva, rendible e de sinxelo e cómodo acceso, con dotación de aparcadoiros e uso peonil, entre outros servizos. Creouse na década dos 90 e, na actualidade, está integrada por 174 socios, dos que 70 se emprazan no centro urbano. Están vinculados fundamentalmente ó comercio aínda que tamén a outros sectores como o da hostalería.