Deputación de Lugo

A Deputación rematará a finais deste mes as obras da estrada que vai de Pobra de San Xillao a Carracedo

O organismo provincial investiu 300.000 euros no acondicionamento deste vial, que é un dos máis transitados do municipio ó dar acceso á canteiraGómez Besteiro e o Alcalde de Samos asinan o convenio de colaboración a través do cal se dotará de servizos básicos ós veciños de 15 da 24 parroquias que forman este municipio

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este venres a Láncara, onde comprobou in situ o estado das obras que o organismo provincial está a levar a cabo na estrada CP 2703 que vai de Pobra de San Xillao a Carracedo, na que o organismo provincial inviste 300.000 euros dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública. Os traballos, que se están a executar no treito comprendido entre o punto quilométrico 0,400 ó 2,280 rematarán a finais deste mes. Neste senso, Gómez Besteiro destacou que “o traballo iniciado a finais de ano está a dar un bo resultado. Agora, esta estrada, que é unha das vías máis transitadas ó dar acceso á canteira, queda nunhas condicións axeitadas”.

Deste xeito, a presenza masiva de camións e outra maquinaria pesada que cada día circula por esta vía provocaron o deterioro do firme e importantes socavóns que dificultaban a circulación dos usuarios. Precisamente, para evitar unha situación semellante o organismo provincial decidiu aplicar aglomerado en quente nos case dous quilómetros que inclúe o proxecto de actuación. Ademais, a estrada contará cunha correcta sinalización vertical e horizontal, ollos de gato e biondas; traballos este últimos que a Deputación concluirá nos vindeiros días.

Convenio en Samos

O Presidente da Deputación tamén aproveitou a ocasión para desprazarse ata o Concello de Samos onde asinou co Alcalde deste municipio, Julio Gallego, un convenio para a execución de novas obras en diferentes localidades samonenses. Trátase dunha colaboración que se veu xestando nos últimos meses logo de analizar obxectivamente as necesidades dos máis de 1.700 veciños deste municipio.

Deste xeito, tal e como se especifica no texto do acordo, o organismo provincial financiará estas actuacións con 253.000 euros.

Gómez Besteiro subliñou que “hoxe o Concello e a Deputación adquirimos o compromiso de executar estas actuacións que permitirán dignificar moitas das localidades de Samos. Son obras pequenas, pero que senón fose polo apoio da Deputación non se poderían levar a cabo”.

Deste xeito, no marco do convenio, a entidade local poderá financiar actuacións en 15 das 24 parroquias que forman este municipio. Son as seguintes: instalación de 9 tanques de auga en distintas en localidades como Santalla, Extraxiz, Santa Mariña ou Arqueixada. Asimesmo, dentro desta iniciativa levaranse a cabo obras de mellora en diferentes estradas e camiños de Vilar de Robledo, Lousada, Montán e Lourido; executarase a traída de auga a Lamartín; e arranxaranse as prazas nos lugares de Freituxe, Portela e Tocas, así como as escolas de Estraxiz e Formigueiros. Tamén se procederá á construción de muros en Trascastro (Lóuzara) e San Román (Lousada).