Deputación de Lugo

Viveiro reafírmase como capital do hardcore cun festival no que tocarán bandas da localidade, Italia e Portugal

Imaxe deputación de lugo
O Viveiro Hardcore Assault! celébrase esta noite no Casino da cidade mariñana, a partir das 22.00 horas. As entradas poderán comprarse dende media hora antesActuarán os italianos “Daily Grind” e “Blasting Enema”, os portugueses “For Ophelias Death” e os vivarienses “New Reason”Esta iniciativa partiu de catro mozos da localidade e conta co apoio de Deputación e Concello

A primeira edición do festival Viveiro Hardcore Assault! celébrase esta noite, a partir das 22:00 horas, no Casino Club Náutico da cidade mariñana. Tocarán catro bandas: “Dailiy Grind” e “Blasting Enema”, de Italia; “For Ophelias Death”, de Portugal, e “New Reason”, os anfitrións, pois tres dos seus membros – Iago Salgueiro, Eric Gómez e Guille Vázquez- ocupáronse, xunto con Fabio Fernández, da organización do certame, co que Viveiro se reafirma como capital do hardcore. As entradas estarán á venda no propio Casino a un prezo de 5 euros a partir das 21.30 horas.

Esta nova iniciativa cultural conta co apoio da Deputación de Lugo e do alcalde viveirense, Melchor Roel, que apostan deste xeito por consolidar a localidade como referente en España da música alternativa. A proxección a nivel internacional que alcanzou o Resurrection Fest é a principal causante desa sona, pero tamén a afección da xuventude do entorno por esta corrente musical, que se traduce na existencia dun gran número de bandas de hardcore e punk.

O Casino Club Náutico colabora cedendo gratuitamente o local e diverso material técnico para os concertos, que gravará un equipo de alumnos e profesionais da Fundación TIC, dependente do organismo provincial.

Os organizadores tamén contaron coa colaboración dun bo número de establecementos hostaleiros e comerciais: Pizzería Pizzbur, La Family, Cervecería Vikinga Punto Galego, Sixties, Mesón A Fonte, Restaurante La Paz, Complejo Hotelero Las Sirenas, Pub Punto y Aparte, Bar Galeón, Parrillada Tomás, Bodegas Ribeirao, Pub Copas, Moda Jim, Quasar, Peluquería Lourdes Calvo, Panadería Novo e THC (que sorteará unha cesta con artigos de roupa entre os asistentes). As expectativas son boas e os promotores móstranse animados para darlle continuidade á idea.