Deputación de Lugo

O INLUDES adxudicou hoxe máis de 100 subvencións para obras colectivas no rural e o sector primario

Estas actuacións, que foron aprobadas hoxe pola Comisión Executiva, enmárcanse dentro do plan de subvencións, dotado con 600.000 euros, creado para mellorar a calidade de vida no rural, a competitividade das explotacións e frear os despoboamentoMáis dun cento de asociacións e agrupacións de gandeiros sen ánimo de lucro de 47 Concellos se benefician desta iniciativa coa que como mínimo se dará a traballo a 300 persoas O INLUDES aproba a concesión das primeiras bolsas de estudos de artesanía e deseño da provincia, ás que optaron 15 lucenses con formación ou experiencia profesinal neste sector

A Comisión Executiva do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) aprobou este luns as obras incluídas no plan de axudas, dotado con 600.000 euros, e creado para apoiar ó medio rural e impulsar o sector primario. A través desta iniciativa, o organismo dependente da Deputación executará 120 actuacións nos núcleos rurais da provincia que benefician a outras tantas asociacións e agrupacións de gandeiros ou de cidadáns sen ánimo de lucro pertencentes a 47 Concellos. A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, subliñou que “esta iniciativa ten unha maior importancia se temos en conta que o rural está a atravesar un proceso complicado. Lugo é sobre todo campo, polo que todas as administracións debemos implicarnos en impulsar o sector. Non como está a facer a Xunta de Galicia que non só non apoiou o Centro de Recría senón que este ano recortou drasticamente as axudas ós gandeiros galegos”.

As axudas, que se convocaron en réxime de concurrencia competitiva, teñen un importe máximo de 6.000 euros. As obras terán que estar rematadas como moi tarde no mes de setembro, e consisten na mellora dos accesos a núcleos rurais e a explotacións gandeiras, acondicionamento de fontes e cercados de pastizais, instalación de puntos para recollida de plásticos agrícolas, construcións de curro para gando, etc. A Vicepresidenta Segunda destacou que “se trata dunha iniciativa sen precedentes na provincia, xa que está destinada única e exclusivamente a impulsar o rural e o sector agrogandeiro”. Neste senso, explicou que os obxectivos destas axudas son tres:

1.- Mellorar a calidade de vida no medio rural e facer máis competitivas as explotacións da provincia.
Na provincia existen máis de 8.000 explotacións gandeiras, polo que este sector é un dos piares principais da base da economía de Lugo. Precisamente, para facer que estas sexan máis rendibles, estas axudas servirán para dotar de servizos básicos ós distintos núcleos rurais que ata o de agora non dispoñían deles.

2.- Frear o despoboamento poboacional. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, a provincia encabezou en 2010 o retroceso demográfico ó perder case 3.000 habitantes. “Por tanto, con estas obras conseguiremos que haxa unha actividade constante no medio rural”, engadiu Lara Méndez.

3.-Crear postos de traballo. Coa execución de obras tamén se contibuirá a manter o emprego, xa que como mínimo traballarán tres persoas en cada unha. “É dicir, unhas 300 persoas encargaranse da execución das actuacións aprobadas”.

Axudas bolsas CENTRAD

Asimesmo, tamén se aprobou a concesión das catro primeiras bolsas de estudos de artesanía e deseño da provincia. Un total, de 15 lucenses con formación ou experiencia profesinal nos sectores da artesanía e deseño optaron ás 5 bolsas dotadas de 12.000 euros cada unha, e cun prazo de duración dun ano. Destas, finalmente quedou deserta a praza destinada a potenciar a fábrica de Sargadelos porque o proxecto presentado non se axustaba ás bases de convocatoria.

A través desta iniciativa, Concello e Deputación buscan conservar e potenciar o deseño e a artesanía na provincia, un sector económico moitas veces esquecido polas administracións, e que constitúe un nicho de emprego, así como unha actividade importante para o futuro económico de Lugo. A resolución notificaráselles por escrito mañá ós interesados, de tal xeito que a lista dos beneficiarios se dará a coñecer o xoves coa publicación da listaxe no Boletín Oficial da Provincia, na páxina web e no taboleiro de anuncios do Centro de Artesanía.

As bolsas están destinadas a:

1. Aumentar as vendas dos artesáns lugueses. A base de datos co catálogo de artesáns da Consellería de Industria non está actualizada. É imprescindible facer un estudo de campo para actualizar o rexistro de artesáns así como dos produtos que poden ofrecer ó consumidor, requisitos imprescindibles para aumentar as vendas.

2. Axudar ás familias cos custes de formación. A formación en Artes non é habitual nos programas educativos, excepto nalgún caso de cerámica. Isto esixe un enorme esforzo económico ás familias cando un dos seus fillos necesita continuar cos seus estudios ou especializarse, xa que o máis habitual é ter que facelo fóra de Galicia.

3. Facer rendible o traballo en equipo de deseñadores de moda ou complementos e artesáns. Esta unión ten na actualidade excelentes resultados que Deputación e Concello queren ampliar en Lugo. A fusión é unha nova vía de negocio que ten moitas posibilidades como nicho de emprego.

4. Innovar os produtos artesanais Mellorar os procedementos de traballo, desde a creación do produto ata a posta a venda, é o obxectivo desta bolsa.

5. Potenciar a fábrica de Sargadelos. A Deputación amosou de moitas formas o seu apoio incondicional á fábrica de Sargadelos, en Cervo, unha firma de deseño e creación de porcelana con máis de dous séculos de historia vencellados á cultura galega en todos os eidos da creatividade.

Outros asuntos aprobados

Asimesmo, a Comisión Executiva aprobou a subvención excepcional de 24.000 euros para a celebración do VI Congreso Mundial de Xamón que se celebrará os días 28 e 29 de setembro en Lugo. Ademais da colaboración do INLUDES e do Concello de Lugo, o encontro conta co apoio da Casa Real, a través da Infanta Dona Elena de Borbón, que será a presidenta de honra, do Ministerio de Medio Ambiente e da Xunta de Galicia, entre outras institucións e entidades. Deste xeito, a cidade será por primeira vez a sede deste encontro que xera unha gran repercusión científica, económica e social. As outras edicións celebráronse en Córdoba, Cáceres, Teruel, Salamanca e Huelva.