Deputación de Lugo

A Deputación organiza o primeiro concerto gratuíto que ofrecen os concursantes de OT 2011 en España

Imaxe deputación de lugo
Aínda que nun principio estaba prevista a participación de 8 intérpretes na xornada de clausura da carpa de formación itinerante @, finalmente serán 10: Nahuel (o gañador), Jefferson e Alex (os finalistas), Niccó, Alexandra, Roxío, Josh, o galego Ramil, Juan e MoneibaOs artistas asinarán autógrafos entre ás 12:00 e as 14:00 horas e a partir das 21:30 actuarán tanto dentro como fora da carpa, combinando singles propios con versións de populares temas de rock, pop e baladas. Este é o terceiro concerto da súa xiraNo interior da carpa tecnolóxica desenvolveranse durante todo o día, dende as 11:00, actividades gratuítas de formación e lúdicas para mostrar ós cidadáns como funciona a Administración Electrónica e as súas vantaxes

Lugo acollerá mañá o primeiro concerto gratuíto que ofrecerán no marco da súa xira por España os concursantes de Operación Triunfo 2011. Será con motivo da xornada de clausura da aula de formación itinerante @, promovida pola Deputación de Lugo a través do programa Innova-TE co obxectivo de difundir entre os lucenses como funciona a Administración Electrónica e as súas vantaxes. Aínda que nun principio estaba prevista a participación de 8 dos concursantes do programa televisivo, finalmente serán 10: Nahuel (o gañador), Jefferson e Alex (os finalistas), Niccó, Alexandra, Roxío, Josh, o galego Ramil, Moneiva e Juan.

Estes xóvenes intérpretes serán as estrelas dunha xornada que se celebrará na Praza de Augas Férreas, coincidindo co Día de Internet e o das Letras Galegas. Firmarán autógrafos en fotos e pósters entre as 12:00 e as 14:00 horas e pola noite, a partir das 21:30 horas, ofrecerán un concerto de ó redor dunha hora e media de duración que se desenvolverá en dous escenarios: dentro da carpa @ -con actuacións en acústico nun ambiente íntimo- e fóra. Ningún espectador se perderá nada do que suceda porque as actuacións no interior proxectaranse fóra nunha pantalla xigante e viceversa. Os ex concursantes combinarán versión de populares temas de rock, pop e baladas, con singles propios.

O concerto de OT 2011 en Lugo é o terceiro dunha xira por toda España que arrancou o pasado venres en Barcelona. Os artistas estiveron o domingo en Santiago de Compostela e tras pasar pola capital lucense, recalarán en Madrid, Valencia, Málaga e Zaragoza, entre outras cidades.

Para saber máis da e-Administración

Polo demais, durante toda a xornada, dende as 11:00 ás 19:00, haberá no interior da carpa @, de 120 metros cadrados e cor vermella, variadas actividades de formación e lúdicas encamiñadas a mostrar ós cidadáns como funciona a e-Administración e a súas vantaxes. O organismo provincial está ultimando a través do programa Innova-TE a posta en marcha deste sistema, que permitirá facer 147 trámites administrativos on line con 49 concellos da provincia e coa propia Deputación. Dotado con 9 millóns de euros, dos que a Unión Europea aporta o 70%, este proxecto estará concluído o 30 de xuño.

Na carpa instalada en Augas Férreas haberá un taller de DNI electrónico, no que os participantes coñecerán como se utiliza a chave que teñen que utilizar os usuarios para acceder á e-Administración e polo que recibirán un diploma; sorteos de diverso material tecnolóxico imprescindible para o uso da Administración Electrónica, como lectores de DNI, chaves USB, ebooks (lectores de libros electrónicos) e netbooks (ordenadores portátiles de baixo custe e reducidas dimensións); unha pista de baile virtual instalada polo Centro de Innovación Social In Lugo, o primeiro servizo das súas características en Galicia; unha pantalla táctil co libro guía das rutas do programa Km0 da Deputación; o denominado espazo “365”, unha aplicación de apoio escolar para nenos e pais; e unha aplicación de realidade aumentada, estas dúas últimas cedidas por Movistar. A instalación conta con sinal wifi gratuíta para conectarse a Internet, grazas á colaboración de Vodafone. Como novidade, haberá circuítos en monopatín eléctrico pola praza.

A aula formativa do Innova-TE dá a coñecer así mesmo a experiencia de empresas da provincia que implantaron con éxito as novas tecnoloxías no seu modelo de negocio. Nesta ocasión, as firmas participantes son Porco Celta da Fonsagrada e a adega Vía Romana de Chantada, que expoñerán a súa actividade e produtos, e ofrecerán degustacións.

Dende principios do ano pasado, a carpa @ estivo en 9 eventos celebrados por toda a provincia, nos que mostrou a e-Administración a preto de 80.000 persoas.

Quen é quen

No concerto de mañá participarán os seguintes intérpretes:

-Nahuel: Foi o gañador da última edición de Operación Triunfo, emitida por Telecinco. Este paraguaio de 19 anos iniciou a súa carreira musical en Brasil, onde cantaba nun trío cos seus pais. En España, cantou co seu propio grupo e tamén como solista. Gustaríalle facer un dúo con Tamara e interpretar unha canción con Alejandro Sanz. O seu artista favorito é Luis Miguel, ó que non lle importaría parecerse.

-Jefferson: Malagueño, de 19 anos, quedou de finalista. Participou no musical Peter Pan, e acaba de empezar a tocar a guitarra acústica. Admira a Mika e tamén lle gustan Maldita Nerea e Georgina.

-Alex: Foi outro dos finalistas. É natural de Valencia e ten 26 anos. Actúa en dúas orquestras e participou nos musicais Hoy no me puedo levantar e Forever King of Pop. Gustaríalle formar dúo con Adam Lambert, participante do programa American Idol, que admira moito. Gustaríalle compoñer os temas do seu disco.

-Niccó: Naceu en Santa Cruz de Tenerife, ten 20 anos e estuda Tradución e Interpretación. Cunha voz ideal para cantar pop e jazz, confesa que lle encantaría ser como a cantante británica Lilly Allen, facer un dúo con Fito e que Jorge Drexler lle compuxese unha canción.

-Alexandra: Barcelonesa de 18 anos, estuda Enxeñería Química. Entre os seus temas favoritos están: One step at a time, de Jordin Sparks; Hero, de Mariah Carey, e When it was me, de Paula Deanda. Encantaríalle facer un dúo con Chris Brown, Mariah Carey e Jordin Sparks.

- Roxío: Estudia Administración e Dirección de Empresas, ten 21 anos e naceu en Madrid. Prefire cantar en inglés e no seu repertorio hai temas como Black horse and The Cherry Tree, de KT Tunstall; Anna Molly, de Incubus, e Penny Lane, de The Beatles. Encantaríalle compartir escenario con Danny Jones, da banda británica Mc Fly, ou cantar temas compostos por Tom Fletcher, do mesmo grupo.

-Josh: Licenciado en Filoloxía Inglesa. Prefire sempre o acústico e algún dos seus temas favoritos son Hope there’s Someone, de Antony and the Johnsons; Waltz Number 2, de Elliott Smith, e Northern Lad, de Tori Amos. Escollería á cantante Zahara como compañeira de concertos. Jewel é una das súas compositoras favoritas e, nun disco ideal, gustaríalle que ela lle escribise un tema.

-Ramil: Naceu en Ares hai 26 anos. Aprendeu moito do seu tío, que tamén é músico, e en ocasións compoñen xuntos. Os seus estilo favoritos son o jazz, soul e funky, pero considera que de toda canción se pode aprender algunha cousa. Gustaríalle facer un dúo con Marta Sánchez ou Mónica Naranjo, e gústalle Nina Simone e Beyoncé.

-Moneiba: Esta canaria de 28 anos estivo catro anos nunha banda de soul e máis tarde comezou a colaborar con músicos en gravacións. Na actualidade, toca e canta en locais cun quinteto. Gustaríalle cantar con Bono de U2 e parecerse a Aretha Franklin. Admira as composicións de Joaquín Sabina.

- Juan: Na República Dominicana, onde naceu hai 25 anos, actuou como solista en coros Gospel e en Barcelona é membro dun quinteto de jazz e soul alternativo. Toca a guitarra e o piano. Gustaríalle subirse ó escenario con Josh Stone e o seu soño sería que Juan Luis Guerra lle escribira unha canción.