Deputación de Lugo

USC, Deputación, Caixa Rural Galega e os empresarios lugueses renovan o convenio para promover actividades de investigación tecnolóxica no Campus de Lugo

A Universidade de Santiago, a Deputación de Lugo, a Caixa Rural Galega e a Confederación Empresarial luguesa renovaron este venres 29 convenio que dende o ano 1995 manteñen para a promoción de actividades de investigación tecnolóxica no Campus lugués, así como a súa difusión a través da interrelación entre o labor universitario e as necesidades empresariais.

A sinatura do acordo celebrouse na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo e contou coa presenza do reitor Juan Casares Long; o deputado de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo, Juan José Díaz Valiño; do presidente da Caixa Rural Galega, José María Pardo Montero; e do vicepresidente da Confederación Empresarial Lucense, David García Vilela.

Esta colaboración oriéntase á xestión das demandas específicas en materia de investigación en xeral, e da investigación aplicada en particular, que se producen neste campus. As institucións implicadas avalían positivamente o traballo realizado ata o momento pola paulatina consecución dos obxectivos propostos e pola capacidade de dinamización do sector da innovación tecnolóxica, a investigación e a difusión do coñecemento no medio económico e social. Neste senso, os asinantes puxeron como proba o crecemento nas actividades dos grupos de investigación lugueses en colaboración con empresas e institucións.

Con esta renovación perséguese que “os obxectivos suscitados sexan visibles e permanentes”, apostando ademais por que a práctica da cooperación tecnolóxica entre universidade, institucións e empresas se converta nun xeito habitual de traballo, cos conseguinte efectos positivos para o contorno económicos e social.