Deputación de Lugo

Gómez Besteiro fai un chamamento á unidade da provincia e a facer lucensismo na toma de posesión como Presidente

O máximo mandatario provincial, que revalidou o seu cargo na que é a 9ª Corporación da etapa democrática, afirma que “o cambio continúa en Lugo, xa non ten volta atrás” O novo programa de goberno, “coa mesma autoesixencia”, procurará o equilibrio demográfico. As principais liñas serán: máis cooperación cos Concellos, emprego, apertura de residencias e centros de día da Deputación, creación da empresa provincial de turismo, cobertura contraincendios do 100% do territorio, creación da Autoridade Portuaria en Lugo, ampliar o Campus, novos usos para os antigos hospitais, declaración oficial dos Camiños de Inverno e do Mar como rutas xacobeas e a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, instar á posta en servizo da autovía –que non corredor- Ferrol-Barreiros, integración do INLUDES na Deputación e redución de asesores dos grupos políticos, entre outrasO Presidente afirma que “a Deputación non ten medo ós cambios organizativos como a plantexar un novo modo de elección directa nesta administración ou moitos outros” e insta á Corporación a respectar a vontade popular “porque hai que saber gañar e saber perder”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e os 24 Deputados que forman a nova Corporación provincial tomaron posesión do seu cargo no Pleno de investidura celebrado este mércores. Este é o segundo mandato que lidera Gómez Besteiro, o primeiro Presidente socialista da historia da institución, logo de que o PSOE obtivese os votos necesarios nos pasados comicios e o apoio dos socios nacionalistas.

Neste senso, o Presidente fixo un chamamento “á unidade da provincia, a construír Lugo: fagamos lucensismo no senso de estimularnos e potenciarnos uns ós outros precisamente porque somos diferentes”, ó tempo que indicou que “grazas ó Pobo de Lugo estamos vivindo un momento histórico e decisivo no futuro da nosa provincia. Histórico, porque o cambio continúa na provincia; decisivo, porque, dende os primeiros pasos, estamos configurando un cambio que xa non ten volta atrás”. Por iso, subliñou que “o noso primeiro deber, o deber de todos e cada un de nós, consiste en interpretar e respectar a vontade popular. Hai que saber gañar e saber perder. É dígoo sen acritude sen políticas de retrovisor que a nada levan”.

En clave de autocrítica política, defendeu que Lugo non pode permitirse no contexto económico actual unha sociedade atomizada: “neste momento, no que o compromiso parece estar en perigo de extinción primando o darwinismo económico, os partidos políticos tampouco podemos estar facendo campaña as 24 horas... ou si... pero entón conseguiremos que os cidadáns nos cualifiquen aínda peor que, como o terceiro problema máis importante do país”. Gómez Besteiro avogou por sumar esforzos xa que “non é aceptable que a metade da mocidade repita que está estudando para o paro, a xente teña que acampar porque teme ó goberno cando o goberno tampouco debería temer á súa xente... ou que a igualdade hoxe se cambie polo igual me dá”.

Ademais de recoñecer o traballo realizado polos anteriores Deputados, felicitar ós novos Alcaldes e ós anteriores Deputadas, así como ó Partido Popular polos resultados obtidos, afrontou publicamente o debate sobre a existencia das Deputacións e suxeriu novos camiños. “A Deputación de Lugo non ten medo a afrontar como moldear o seu futuro máis que acomodarse a ser moldeada polo pasado. Cando un sabe cal é a súa misión non ten medo ós cambios organizativos como, por exemplo, a plantexar un novo sistema de elección directa nesta Administración ou moitos outros”. Demandou un Pacto de Estado ou cando menos unha política de amplo consenso para reorganizar o papel competencial das administracións sen limitarse á cirurxía territorial.

Programa de goberno

O novo mandato estará presidido pola “mesma autoesixencia” que rexiu o programa de goberno levado a cabo durante os catro anos anteriores, e que PSOE e BNG cumpriron seis meses antes do remate. Ademais, repectará o primeiro Plan Estratéxico provincial e procurará o equilibrio demográfico. Neste senso, o decálogo de compromisos de socialistas e nacionalistas son os seguintes:

1º COMPROMISO.- Ratificar como prioridade máxima cooperación e asistencia ós Concellos a través de accións en rede, primando todas aquelas iniciativas que faciliten a creación de emprego e eviten o despoboamento demográfico, especialmente no rural. Reclamarase que o Estado e a Xunta manteñan o esforzo inversor para diminuír o desequilibrio territorial, dignificando a actividade agropecuaria como profesión e oportunidade económica para a mocidade e a produtividade do sector. Outra liña de traballo vinculada a este primeiro compromiso é o despregamento da rede da Deputación de residencias e centros de día para a 3ª idade que creará traballo no rural –os denominados “empregos brancos”-, facilitando a calidade asistencial nos Concellos e ingresos ás arcas municipais. A participación do Goberno Galego, tal e como se comprometeu, será imprescindible na concertación das prazas, garantindo o carácter público dos centros e prezos accesibles ós usuarios.

O equipo de goberno traballará para captar novos fondos europeos; impulsar a comercialización de produtos autóctonos; crear a empresa provincial de turismo, combinando os sectores público-privado nun ente único que evite a duplicidade de servizos e racionalice o investimento global; e estendendo a banda longa co Goberno Galego.

2º COMPROMISO.- Empregar todos os instrumentos dispoñibles en prol da creación e mantemento dos postos de traballo, apostando polo sector público como axente fundamental na dinamización económica.

3º COMPROMISO.- Posto en marcha o Consorcio Provincial contra incendios da provincia que saldou unha das débedas históricas que lastraba a seguridade nos municipios, a Deputación co-financiará coa Xunta de Galicia a cobertura do 100% do territorio.

4º COMPROMISO.- Abrir un proceso de negociación co Goberno de España para analizar a viabilidade da creación da Autoridade Portuaria en Lugo, así como a apertura ó tráfico comercial en xeral do dique norte do porto de San Cibrao e, no seu defecto, a cesión á Comunidade Autónoma do mesmo.

5º COMPROMISO.- Potenciar o Campus Universitario de Lugo, que ten 5.341 alumnos, co-financiando a súa ampliación; consolidar a UNED como centro referente no noroeste peninsular -evitando que os seus 1.600 alumnos teñan que marchar fóra da provincia para estudar- e co-financiamento dos centros existentes en Monforte, Viveiro e Foz; apoiar economicamente os Conservatorios de Música de grao medio e demandarlle á Xunta a integración na rede pública.

6º COMPROMISO.- Conseguir a declaración oficial dos Camiños de Inverno e do Mar como rutas xacobeas, así como a elaboración dun plan integral con todas as variantes do Camiño na provincia de Lugo, instando as Administracións correspondentes a facelo e a poñelas en valor como porta de entrada do 90% dos peregrinos a Galicia.

7º COMPROMISO.- Promover a Declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, rendibilizando e impulsándoa economicamente, sempre baixo criterios de sustentabilidade.

8º COMPROMISO.- Promover un plan de viabilidade para o edificio do antigo hospital San Xosé, unha vez desaloxado polo SERGAS, e instar ó Goberno Galego a financiar o seu compromiso de manter novos servizos sociosanitarios no hospital psiquiátrico de Castro.

9º COMPROMISO.- Manter a sustentabilidade económica da Deputación, a capacidade de financiar compromisos presentes e futuros con contas saneadas e equilibradas que responderán ó equilibrio orzamentario e financeiro e ós principios plurianualidade –desenvolvendo políticas plurianuais que se axusten á duración do mandato-, transparencia –a través da emisión de informes periódicos ó Pleno- e de economía, eficacia e eficiencia, e seguir potenciando a redución do gasto corrente, iniciado no anterior mandato.

Gómez Besteiro ratificou a recuperación para a xestión directa por parte da Deputación do ámbito actualmente desenvolvido polo INLUDES, transformándoo nun novo sistema de cooperación e asistencia ós Concellos que poña á súa disposición o persoal e recursos a través de redes de servizos que aforren custos. Esta simplificación do sistema administrativo traducirase tamén nunha redución de asesores dos grupos políticos e nunha reorganización xeral do sistema burocrático. Tamén se creará unha central de compras na Deputación.

10º COMPROMISO.- Completar o proceso de transferencias de estradas coa Xunta de Galicia e os Concellos. En paralelo, o Goberno provincial tamén instará as Administracións competentes a completar o mapa de estradas: A8, autovías Lugo-Santiago e Lugo-Ourense, desdobramento do corredor Nadela-Monforte e posta en servizo da autovía, que non corredor, Ferrol-Barreiros.

9ª Corporación da etapa democrática

Trátase da novena Corporación da etapa democrática, xa que as anteriores estiveron presididas por Luis Cordeiro, que ocupou o seu cargo durante un mandato, e por Francisco Cacharro Pardo, que exerceu como titular durante seis. Deste xeito, Gómez Besteiro –o segundo Presidente da Deputación máis novo de Galicia, xa que o titular de Pontevedra tan só é 6 días máis novo- liderará a segunda fase do cambio iniciada hai catro anos por socialistas e nacionalistas.

A constitución da Mesa de Idade estivo formada polos Deputados José Ramón Val Alonso (29 anos) e Regina Polín Rodríguez (60 anos), quen lle entregou o bastón de mando a José Ramón Gómez Besteiro, obtendo a maioría absoluta con 13 votos. A nova Corporación está formada por 11 Deputados do PSOE, 2 do BNG, e 12 do PP. Seguindo esta distribución, os integrantes da Corporación provincial son os seguintes: José Ramón Gómez Besteiro (Lugo), Manuel Martínez (Becerreá), Juan José Díaz Valiño (Castro de Rei), Sonsoles López (Paradela), Álvaro Santos (Friol), Lara Méndez (Cervo), José Ramón Val Alonso (Foz), Regina Polín (Guitiriz), Pilar García Porto (Antas de Ulla), Miguel Ángel Sotuela (Ribas de Sil), José Fernández (Navia de Suarna); Mario Outeiro (O Corgo) e Antonio Veiga (Barreiros); José Manuel Barreiro (Lugo), Antonio Muíña (Friol), Jesús Carreira (Guntín), José Manuel Mato (Paradela), Manuel Jesús González (Baralla), José Pardo Lombao (Outeiro de Rei), José Jesús Novo Martínez (O Vicedo), Elena Candia (Mondoñedo), José M. Gómez Puente (Barreiros), Tomás Rodríguez (Xermade), Fernando Pensado (Palas de Rei) e José Manuel Arias (Bóveda).

Logo do escrutinio e da proclamación de Gómez Besteiro como máximo mandatario provincial, todos os membros da Corporación recibiron os atributos que os acreditan como Deputados: medalla, diploma e insignia de ouro da provincia. Para optimizar os recursos existentes, no caso do primeiro atributo tan só se entregaron novas medallas ós membros que non ocupaban este cargo con anterioridade, mentres que os demais recibiron a mesma. Todos os Deputados asinaron no Libro de Ouro.

Éxito de convocatoria

O acto de investidura contou cunha gran afluencia de público. Ademais da Corporación e dos familiares do Presidente –entre os que se atopaban a súa dona e os dous fillos-, tamén participaron os Alcaldes dos Concellos de maior e menor poboación: o de Lugo –José López Orozco-, e o de Negueira de Muñiz –José Manuel Braña; o Delegado do Goberno, Miguel Cortizo; a Delegada Territorial da Xunta, Raquel Arias; o Secretario Xeral do PSOE en Galicia, Manuel Vázquez; os Parlamentarios, Concepción Burgo, Ismael Rego, Sonia Verdes, José Romé Roca; o Cronista oficial de Lugo, Juan Soto; o ex presidente da Deputación, Ulloa Vence. Tamén acudiron varios Alcaldes da provincia como os de Fonsagrada, Castroverde, O Incio, A Pastoriza, Pol, A Pontenova, Samos, Burela, Cervantes, e Monterroso, ademais do Director do INSS, o ex deputado, Claudio Garrido;, o conselleiro do INLUDES, Horacio Rouco; a ex Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján; a presidenta da Asociación de Viúvas de Lugo, Marina Cillero; e a Secretario Xeral da Deputación, José Mourelle Cillero.