Deputación de Lugo

A Fundación TIC impulsa a Feira Medieval de Vilalba coa gravación dun DVD sobre a 2ª edición do evento

O evento, que se desenvolverá esta fin de semana na vila chairega, reunirá a centos de visitantes que se suman ós 500 membros de asociacións que colaboran coa organización das preto de 90 actividades que ten o programaA través desta colaboración, a Deputación contribúe a impulsar a economía municipal e a poñer en valor o pasado histórico de VilalbaUn equipo de profesionais e bolseiros da TIC encargaranse da realización do documento audiovisual, que se inclúe dentro da intensa colaboración que a entidade mantén cos Concellos e con diferentes asociacións da provincia sen ánimo de lucro

O Deputado da Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos e patrono da Fundación TIC, Juan José Díaz Valiño, e a Concelleira de Feiras e Mercados do Concello de Vilalba, Cheri Grandío, presentaron este venres a II Feira Medieval de Vilalba, que se celebrará esta fin de semana no municipio chairego. A Fundación TIC colaborará coa iniciativa a través da gravación dun vídeo promocional do evento co que Vilalba regresa ó seu pasado medieval durante dous días.

Valiño destacou que un equipo de profesionais e bolseiros do organismo dependente da Deputación encargaranse da realización do documento audiovisual no que se recollerán as numerosas actividades organizadas polo Concello e a empresa vilalbesa Funciodeuno. Neste senso, subliñou que “a Fundación TIC e a Deputación tamén queremos facer o noso acto de presenza na feira porque eventos coma este dan un pulo a economía dos Concellos. Gastronomía e histórica forman un combinado perfecto para seguir consolidando este encontro en toda a Terra Chá e en toda a provincia”.

Como en pasadas edicións, as asociacións da vila participarán activamente nas actividades coas que os centos de visitantes que se dén cita na vila poderán disfrutar da época do medievo. Concretamente, 500 membros de diferentes entidades asociativas colaborarán na organización dos preto de 90 actos que ten o programa. É o caso do asalto ó castelo polos Irmandiños, a cacería do xabarín ou o axustizamento medieval. Neste senso, a Concelleira destacou que “se trata da feira que máis actos ten e na que involucramos a todas as asociacións. Todas as actividades están pensadas na revolta dos Irmandiños, por iso, haberá tamén exhibicións de cetrería, unha comida medieval, coreografías a cargo da escola municipal “Movemento” ou vodas medievais”. Así mesmo, os locais de hostalería tamén elaborarán menús típicos da época.

A feira dará comezo o sábado, día 9, ás once da mañá, coa apertura do mercado medieval, que disporá duns 50 postos, e a presentación das asociacións participantes, na praza de Santa María. O programa desta segunda edición inclúe, ademais, representacións teatrais por parte dos grupos que participaron no Arde Lucus, exhibicións de danza, obradoiros medievais, xogos infantís, animación musical, concertos e exposicións, que se desenvolverán dentro do casco histórico vilalbés. Todas as actividades son gratuítas e están abertas ó público en xeral.

Cooperación cos Concellos e inserción laboral

Coa gravación do vídeo promocional, a Deputación dá continuidade a un dos obxectivos do equipo de goberno durante os últimos catro anos: a máxima cooperación cos Concellos. Así mesmo, con iniciativas deste tipo, que contribúen a xerar riqueza na provincia, a institución luguesa combate outra das lacras da provincia, o despoboamento demográfico, e que constitúe un dos principais retos do actual equipo de goberno para este mandato.

Por outra banda, o proxecto audiovisual permitirá completar a formación de antigos alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo, facilitándolles a súa incorporación ó mundo laboral. Ademais de colaborar coas entidades locais, a EIS incrementou en máis duns 300% os convenios con asociacións socioculturais, deportiva e empresas da provincia. O ano pasado subscribiu un total de 45 convenios e mantén relación con máis de 60 empresas nacionais do sector audiovisual.