Deputación de Lugo

A Deputación inviste 325.000 euros en Pol na dotación e mellora de servizos básicos para os veciños

Son actuacións necesarias como subministro de auga, rede de sumidoiro ou arranxo de pistas, executadas nas parroquias para mellorar a calidade de vida dos cidadánsO Presidente deu conta da achega da institución ó municipio chairego durante a XXI edición da “Festa da Terceira Idade” na que participaron 350 veciñosA cita cos maiores celebrouse nunha carpa financiada ó 100% pola Deputación que pasou a ser propiedade do Concello, aforrándolle 12.000 euros en alugares ó ano

Dentro da aposta pola máxima cooperación cos Concellos, primando iniciativas que aumenten a calidade de vida dos cidadáns e fagan fronte ó despoboamento demográfico, a Deputación dotou ós veciños de Pol de novos servizos básicos e mellorou os existentes. A institución provincial inviste 325.000 euros que permiten ó municipio chairego acometer, sen custe algún para as arcas locais, as seguintes actuacións:

Subministro de auga e rede de sumidoiros á localidade de Silva; acondicionamento da igrexa de San Martiño e o seu contorno; arranxo da capela de Rioxoán e as súas inmediacións; mellora de vías municipais en Caraño, Suegos, Carazo e Fraillalde; e adquisición de maquinaria. Neste último caso, o Concello está a realizar os derradeiros trámites administrativos para que, nos vindeiros días, os veciños de Pol dispoñan dun vehículo de recollida de lixo, ademais dun de rego e outro de grava para o arranxo de pistas municipais.

Son todas elas actuacións executadas no rural co obxectivo de habilitar servizos imprescindibles para os cidadáns, combatendo o descenso de poboación rexistrado na zona. Pol perde cada ano 30 habitantes, facendo que na última década a poboación diminuíse en 300 persoas ata acadar os 1.800 veciños cos que conta na actualidade.

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, deu conta da que é a última achega da institución provincial ó Concello de Pol este mércores, durante a celebración da XXI edición da “Festa da Terceira Idade”. O festexo, que arrancaba ás 13:30 horas cunha celebración relixiosa para logo continuar cun xantar ás 14:00 horas nos que participaron 350 veciños, tivo lugar nunha carpa situada na carballeira de Mosteiro. É un espazo que a institución provincial doou ó Concello evitándolle un desembolso de 12.000 euros anuais en alugueres para celebracións como a “Festa do Emigrante” ou a “Feira de San Isidro” que logran reunir a centos de persoas no municipio chairego, xerando riqueza na provincia.