Deputación de Lugo

O CENTRAD presenta en primicia Soliloquios, a obra do recoñecido fotógrafo en España Sergio Vega

Gómez Besteiro inaugurou a mostra deste prestixioso artista, premiado coa “Mellor Foto do Mundo, Barcelona 2002”, “Goya de fotografía profesional 2005” ou “Lucus Augusti 2008”A Deputación logra que por 1º vez o traballo máis persoal de Vega se faga público dentro da aposta por converter a Capela de Santa María nun espazo cultural de referencia en España Co fin de impulsar ó exterior os profesionais da provincia, a lucense Laura Pernás exporá posteriormente na Capela unha obra de debuxo gráfico, baseada en contos infantís clásicos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, inaugurou este xoves a nova exposición que, dende hoxe e ata o 16 de outubro, acolle a Capela de Santa María. É Soliloquios, a obra que o CENTRAD logra presentar en primicia en Lugo e que recolle as fotografías nunca expostas ó público ata o momento de Sergio Vega.

Trátase dun recoñecido fotógrafo que durante anos ocupou a presidencia da Federación Española de Fotografía e Imaxe e cuxos traballos obtiveron prestixiosos galardóns como “Mellor foto do Mundo, Barcelona 2002”, “Goya de fotografía profesional 2005”, “Premio Comunidade Valenciana 2006” ou o “Lucus Augusti 2008”. O seu prestixio profesional fixo que este asturiano nado en Mieres fose reclamado para impartir conferencias e cursos por toda España e por diferentes puntos de Europa: Rimini (Italia), Burdeos (Francia), Jaén, León, Palencia, Alicante, Bilbao, Madrid, Valencia, Granada, A Coruña, Pontevedra ou Lugo.

Precisamente, a Asociación de Fotógrafos lucense contou en varias ocasións con cursos formativos impartidos por Sergio Vega, sendo este mesmo colectivo quen propuxo á Deputación traer a Lugo a súa obra. É que este profesional conta coa admiración do seu propio sector, feito que o converteu en xuíz cualificador da Federación Española de Fotografía e parte do xurado de numerosos concursos de fotografía que se celebran na actualidade por toda a xeografía española.

Composición da obra

Soliloquios está composta por 16 fotos realizadas, tal e como versa o título, en momento de soidade, durante as viaxes que o artista realizou a Xixón, Francia ou Italia nos últimos 8 anos. É unha obra que non resposta ás presións comerciais, tal e como apunta Vega, senón que plasma o tempo vivido mediante imaxes todas elas en movemento.

Os seus títulos son os seguintes: “Marce cruzando un paso de cebra”; “Paseo en día de lluvia”; “Saliendo de misa en día tarde de lluvia”; “Paseo por la playa de Gijón”; “Juego de luces con paseante al fondo”; “El filósofo pasea en soledad”; “Cruce de sombras”; “Ante la puerta cerrada”; “Pareja caminando de la mano”; “Buscando a Dios”; “Caminante en Londres”; “Sombra en el museo”; “Pareja con bicicleta”; “Pareja admirando a Pollock”; “Con la bolsa de la compra” e “Pasadizo en Amalfi”.

A mostra estará aberta ó publico de luns a vernes de 10:30 ás 14:00 horas e de 17:00 ás 20:00 horas, os sábados de 17:00 ás 20:00 horas e domingo de 11:00 ás 14:00 horas.

Nova exposición

Con esta mostra a Deputación arranca a aposta por converter a Capela de Santa María nun espazo cultural de referencia en España, cumprindo un dobre obxectivo: traer á provincia prestixiosos traballos, logrando que estas instalacións sexan un punto clave no mapa cultural do país, no que os seus visitantes teñan a oportunidade de ver en Lugo obras de auténtica calidade no ámbito estatal; e impulsar ó exterior os artistas lucenses, facendo rendible este sector.

É por iso que, logo de Sergio Vega, será a lucense Laura Pernás quen expoña na Capela de Santa María Un bosque en mi Memoria, unha innovadora obra de debuxo gráfico, baseada en contos infantís clásicos, co que esta lucense, cuxo traballo xa obtivo recoñecemento a nivel nacional, se presenta na provincia. A sala de exposicións da capital acollerá esta mostra dende o 20 de outubro ó 27 de novembro.