Deputación de Lugo

Lara Méndez presenta a provincia a 64 rusos e polacos que participarán na Xornada Mundial da Xuventude

Son os primeiros peregrinos que recibe o Bispado de Mondoñedo e a Mariña, os cales quixeron adiantar a súa chegada a España para coñecer Lugo A petición da Diocese mindoniense, a Vicepresidenta Segunda exerceu de embaixadora da provincia, dándolles a coñecer as súas riquezasOs mozos foron agasallados con lotes Lugo Sabe, dípticos informativos sobres as 3 Reservas da Biosfera e unha guía en inglés sobre os Camiños lucenses

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, recibiu este venres na Casa do Mar de San Cibrao, en Cervo, a un grupo de 64 peregrinos -46 polacos e 18 rusos- recen chegados a España con motivo da “Xornada Mundial da Xuventude” que acollerá Madrid dende o 18 ó 21 de agosto. Son os primeiros participantes en dito encontro relixioso que recibe a Diocese de Mondoñedo e a Mariña, os cales quixeron adiantar a súa chegada ó país para coñecer Lugo.

Por iso, a petición do Bispado, Lara Méndez fixo de embaixadora da provincia, presentando as riquezas lucenses. A Vicepresidenta salientou que o 55% do territorio é Reserva da Biosfera avalado pola UNESCO, que Lugo conta con máis de 100 quilómetros de costa e máis de 60 praias, así como con 800 quilómetros de rutas de peregrinación polas que pasan os Camiños do Mar, Inverno, Francés e Primitivo.

Como mostra da riqueza natural lucense, Méndez agasallou ós peregrinos con lotes de Lugo Sabe, compostos por produtos autóctonos que posúen a marca de garantía de calidade da Deputación; con dípticos informativos sobre Terras do Miño, Os Ancares e Eo-Oscos-Terras do Burón; así como cunha guía sobre os Camiños de Lugo cara a Santiago de Compostela editada pola institución e escrita en inglés.

Méndez fixo fincapé na aposta do organismo provincial polo medioambiente, “a nosa oportunidade económica”, e no inicio das novas medidas dentro da segunda parte de Lug02, dotada de 6,5 millóns de euros e cofinanciada pola Unión Europea, para seguir xerando novos postos de traballo e facendo fronte ó despoboamento demográfico. Lugo, malia que conta con 10.000 quilómetros cadrados, é 3º provincia galega co menor número de habitantes. Ten uns 350.000. A constante perda poboacional, xunto o seu envellecemento e dispersión, son os principais problemas lucenses.

130 peregrinos da Mariña

Logo da recepción na Casa do Mar, a Vicepresidenta mostrou ós peregrino o Museo do Mar. Posteriormente, quixeron coñecer as praias da zona. Xa o sábado, partirán cara a Santiago de Compostela onde se xuntarán con 2.000 mozos chegados das 5 Dioceses de Galicia. O domingo, participarán nunha misa na catedral de Mondoñedo así como nos festexos de Cervo. Finalmente, o luns viaxarán a Madrid para atoparse con Papa Benedicto XVI. Do Bispado de Mondoñedo farano 130 mariñanos.