Deputación de Lugo

O CENTRAD leva hoxe ás rúas de San Cibrao un obradoiro gratuíto de cestaría coincidindo co Día do Turista

Dende as 17:30 horas, dúas profesionais ensinarán a confeccionar cestos, empregando sinxelas técnicas para garantir a participación de centos nenos e maiores como en 2010A Deputación aproveita a afluencia de asistentes á festividade, que ademais conta co financiamento da institución, para por en valor os traballos tradicionais da provincia Lara Méndez entregará un dos trofeos do Día do Turista e participará, previamente, na homenaxe ó falecido Presidente do Club Deportivo de San Cibrao, Manuel Rodríguez

O Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), dependente da Deputación, celebra este sábado en San Cibrao, no Concello de Cervo, un obradoiro de cestaría totalmente gratuíto e dirixido a todos os públicos. A institución provincial quixo levar esta iniciativa á localidade mariñana na mesma data na que se acollen os actos do Día do Turista, unha festividade organizada polo Centro de Iniciativas Turísticas de San Cibrao (CIT) que conta coa colaboración económica da Deputación.

A partires das 17:30 horas, no paseo da praia de O Torno ou na Praza dos Campos no caso de que o tempo non acompañe, dúas profesionais do sector -Carmen Fieiras e María del Carmen Otero- ensinarán ós interesados a confeccionar pezas de cestaría. Para elo, empregarán técnicas básicas e médulas, un material sinxelo de manipular, co obxectivo de que maiores e nenos poidan participar, sen custe algún, neste curso.

Non é a primeira vez que o CENTRAD organiza cursos nas rúas durante a época estival, aproveitando a afluencia de turistas co fin de por en valor os traballos tradicionais da provincia. 150 persoas quixeron aprender este arte na convocatoria do Día do Turista de 2010.

A Deputación leva anos colaborando co CIT na celebración desta festividade. Deste xeito, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, entregará un dos trofeos ós ganadores das actividades preparadas para esta xornada (concursos de castelos de area, pesca, natación e Raíña e Míster do Turismo 2011) a partires das 22:30 horas, na Praza dos Campos.

Previamente, ás 18:00 horas, a Vicepresidenta participará na homenaxe ó falecido Presidente do Club Deportivo San Cibrao e político de Cervo, Manuel Rodríguez. Trátase dunha xornada que conta coa colaboración da Deputación, que leva por nome Memorial Manuel Rodríguez e que arrancará co descubrimento dunha praza para logo dar paso a un partido de fútbol entre o Vilabés e Luarca.