Deputación de Lugo

O programa Km0 difunde esta semana a riqueza natural, cultural e empresarial da Ribeira Sacra, A Mariña e Terra Chá

Preto de 200 veciños de Taboada, Viveiro, Carballedo e Sober participan hoxe e o xoves nos roteiros organizados pola DeputaciónO Presidente recibiu este martes no Pazo de San Marcos a 48 integrantes da asociación de xubilados taboadesa e a outros 48 do seminario de estudos vivariense Terra de Viveiro, que coñeceron a historia e o espectacular paisaxe das ribeiras do Sil

A Ribeira Sacra, A Mariña e Terra Chá son esta semana os destinos do programa medioambiental Km0, co que a Deputación pretende difundir a riqueza e recursos naturais, culturais e empresariais da provincia entre os propios lucenses. Preto de 200 persoas participarán nos roteiros, que se desenvolverán hoxe e o xoves.

A Asociación de Xubilados de Taboada 48 e o Seminario de Estudos “Terra de Viveiro” 48 foron os encargados de inaugurar as visitas desta semana. Tras ser recibidos polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, os 96 participantes -48 por cada colectivo- visitaron o Centro de Interpretación do Mazo de Santa Comba para despois achegarse a coñecer os Canóns do Sil. Alí puideron coñecer de primeira man algunha das riquezas da zona: as do pasado, percorrendo a ruta dos Muíños do Xábrega (un excepcional conxunto etnográfico que en tempos pasados contou con 28 muíños e 2 batáns), e as do presente, visitando as Adegas Proencia, unha das numerosas establecidas nas ribeiras do Sil e que supoñen unha excelente carta de presentación da nosa provincia en España e no resto do mundo, grazas á Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Xa o xoves, pois mañá mércores non haberá actividades por o Día do Pilar, 55 integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de Carballedo “A Xuntanza” visitarán o Centro de Interpretación para partir despois cara Ribadeo. Na localidade mariñana poderán comprobar como o mar xera unha parte importante da riqueza lucense na visita que realizarán ó Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo, onde se levan a cabo tarefas de reprodución de mariscos, dende o seu inicio ata que a semente acada o tamaño preciso para a súa implantación nas zonas de cultivo. Tamén terán tempo para gozar con fermosas vistas da ría ribadense e do seu casco histórico.

Pola súa banda, 48 membros da Asociación “O Colado do Vento” de Sober percorrerán tamén o xoves unha ruta que os levará dende a capital luguesa ata Rábade, ás Insuas do Miño, un espazo que forma parte da Reserva da Biosfera de Terras do Miño. Despois será o momento de comprobar a abundancia dos recursos mineiros da provincia, coa visita que farán á canteira de Lourexe, no concello de Pol, lugar de extracción de pizarra verde natural, a variedade mais adecuada para o seu uso na construción. Tamén terán tempo de coñecer o patrimonio histórico e artístico coa visita ó xacemento castrexo de Viladonga, orixe de numerosos achádegos expostos hoxe en día no Museo Provincial de Lugo, e mais á Capela da Neves, mostra de arquitectura relixiosa do século XVII.

Rutas para todos os públicos

O programa medioambiental Km0, con 127 rutas, foi posto en marcha pola Deputación Provincial co apoio da Unión Europea co fin de levar novos ingresos ós municipios lucenses con visitas guiadas que ofrecen a posibilidade de redescubrir as riquezas da provincia segundo as preferencias dos solicitantes. Tendo en conta esta diversidade, ofrécense tres modalidades de Km0: Km0 tradicional, con 88 rutas polas comarcas da provincia; Km0 Xtreme, que ofrece 25 alternativas de multiaventura e deporte; e Km0 a Compostela, que promociona as rutas do Camiño ao seu paso pola provincia.

Todos os interesados en participar poden inscribirse chamando ós teléfonos 982-260-074 e 982-260-075, ou ben entrando en www.deputacionlugo.org e accedendo ó espazo Km0 dende a portada, onde deberán cubrir o corresponde formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. O prezo é de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e solicitantes individuais e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas (agás colexios e institutos públicos, exentos de pago). Hai 3 modalidades de pago: en persoa, no servizo de Tesourería da Deputación (Pazo de San Marcos), en calquera sucursal de Novacaixagalicia (no número de conta 20800152663110001425) ou a través da páxina web da Deputación, modalidade que supón un desconto do 10% do custo total.