Deputación de Lugo

Comeza o proceso de integración do parque de bombeiros das Lamas ó Consorcio Provincial

Técnicos da Deputación e da Xunta visitaron as instalacións monfortinas para avaliar as súas necesidades de cara a determinar a cuantificación económica para este complexo no Orzamento de 2012 que será aprobado polo Pleno este mesmo mesA integración das Lamas ó Consorcio o vindeiro ano garante o servizo contraincendios as 24 horas dos 365 días nos Concellos de Monforte, Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas do Sil e SoberOs máis de 29.000 veciños destes municipios verán incrementada esta prestación coa que contan dende maio logo da posta en marcha dos parques de bombeiros de Chantada e Sarria que xa atenderon 55 emerxencias

Técnicos da Deputación e da Xunta visitaron este luns o parque de bombeiros das Lamas, en Monforte de Lemos, iniciando deste xeito, a integración deste complexo ó Consorcio Provincial. Trátase dun proceso que foi aprobado por unanimidade no noveno Pleno deste organismo, celebrado o pasado 28 de setembro no Pazo de San Marcos, dando cumprimento o compromiso asumido polo Presidente da institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, para garantir a cobertura contraincendios ó 100% da zona sur de Lugo.

Na visita, avaliaronse as necesidades técnicas que presenta esta infraestrutura para a prestación dun servizo axeitado ó igual que o están a facer dende o pasado 1 de maio os outros 5 parques de bombeiros que conforman polo de agora, o Consorcio -Chantada, Sarria, Vilalba, Viveiro e Barreiros-. Agora, tendo en os informe dos técnicos, determinarase a cuantificación económica que deberá percibir o complexo das Lamas. Esta será detallada no Orzamento para 2012 do Consorcio que se aprobará este mesmo mes, no próximo Pleno de dito organismo.

A continuación, co obxectivo de axilizar a integración do parque monfortino prevista para 2012, a Deputación requerirá ó Concello a transferencia de bens e toda a información necesaria do complexo. Logo, o organismo provincial dará orde á empresa adxudicataria, Natutecnia –a mesma que xestiona os parques da zona sur- para que comece co proceso de selección dos 19 efectivos que terá o parque: 15 bombeiros, 1 sarxento e 3 cabos.

Mellora dun servizo para 29.000 habitantes

A integración do parque das Lamas ó Consorcio incrementará a cobertura contraincendios nos municipios de Monforte de Lemos, Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas do Sil e Sober garantindo esta prestación as 24 horas dos 365 días ó ano ós 29.204 habitantes de ditos Concellos. Estes veciños xa contan con este servizo dende a posta en marcha dos parques de bombeiros de Chantada e Sarria que fixo posible o Goberno provincial durante o primeiro mandato. Ditas instalacións atenderon un total de 55 emerxencias, na súa maioría incendios, dende o 1 de maio e ata o 30 de setembro, acontecidas en Antas e Ulla, Baralla, Becerreá, Bóveda, Corgo, Carballedo, Chantada, Guntín, Láncara, Monforte, Monterroso, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Paradela, Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas do Sil, Samos, Sarria, Samos, Sarria, Sober, Taboada e Triacastela.

Reto de Besteiro

Durante o primeiro mandato do Goberno provincial logrouse rematar coa discriminación que sufría Lugo, a única provincia galega sen servizo contraincendios, mediante á creación en 2007 do Consorcio Provincial de Bombeiros entre a actual Deputación e a anterior Xunta que dá cobertura ó 90% da provincia. A vontade de Gómez Besteiro é ampliar a cobertura ó 100% da provincia en 2012, buscando fórmulas mixtas para a complexa zona, tendo en conta a súa orografía, que transcorre dende A Pontenova e ata Folgoso do Courel.