Deputación de Lugo

A Deputación favorece a comercialización de produtos autóctonos da provincia impulsando o I Mercado Tradicional de Vieiro

A Vicepresidenta Segunda, o Alcalde e o organizador da feira, Jesús Chao, presentaron no centro social da parroquia vivariense o evento, que se celebrará o 12 de novembro fronte á igrexa e contará con 22 produtores de toda a provincia e da CoruñaUn equipo de alumnos e profesionais da Fundación TIC gravará a xornada festiva para contribuír a difundila na provincia, no marco da colaboración que a entidade establece con numerosas asociacións e empresas, a última coa firma do deseñador Adolfo DomínguezO organismo provincial concedeu neste ano 2011 máis de 90.000 euros para a celebración de 20 certames encamiñados a promocionar os produtos da provincia

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, o Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, e o organizador da primeira edición do Mercado Tradicional de Vieiro, Jesús Chao, presentaron este luns no local social desta parroquia vivariense o evento, que se celebrará o próximo 12 de novembro fronte a igrexa parroquial da localidade e contará con 22 postos de produtos autóctonos. Méndez destacou que a Deputación respalda a celebración desta nova feira “porque contribúe a difundir a calidade e variedade dos cultivos e da artesanía da provincia e porque lles abre novas vías de comercialización”, uns obxectivos nos que a institución luguesa traballa intensamente. A Vicepresidenta Segunda destacou que o importante de número de “stands” cos que contará o mercado auguran que a esta primeira edición “seguiranlle máis seguro”.

Entre a vintena de expositores que participarán no mercado, destacan os que poñerán á venda produtos de temporada, como castañas, noces ou mel, pero tamén haberá cultivos de horta ou panadería, así como artigos de artesanía téxtil e de coiro, entre outros. Os produtores proceden de municipios mariñanos como Cervo e O Valadouro, pero tamén do resto da provincia e incluso de fóra, xa que haberá un produtor da Coruña.

Pola súa banda, o Alcalde vivariense enmarcou o apoio da Deputación a este mercado no seu continuo “respaldo ó Concello en xeral e á propia parroquia de Vieiro en particular, onde financiou a instalación da rede de saneamento, a nova pista deportiva ou o pintado da antiga escola, hoxe convertida en centro social”. “A Mariña, e en especial Viveiro, existe para a Deputación desde que Besteiro é Presidente”, indicou Roel.

A organización da feira é froito da inquietude de Jesús Chao da Silva por dinamizar a parroquia de Vieiro, que conta con preto de 500 habitantes. “Fun presidente da asociación veciñal durante anos e sempre estiven vinculado a este tipo de eventos. O que quero é ofrecerlles ós veciños alternativas de lecer, ademais de crear un atractivo para que o pobo se encha de xente”, indicou Chao, quen engadiu que a idea tivo “moi boa acollida” na zona.

Colaboración da TIC

A Fundación TIC contribuirá á difusión do mercado na provincia para que poida ter continuidade gravando a xornada, unhas tarefas das que se ocupará un equipo de alumnos e profesionais da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro de Lugo que imparte ensinanzas da rama audiovisual. Esta colaboración súmase a outras que a Fundación mantén con asociacións e empresas lucenses. Deste xeito, na actualidade a TIC ten asinados medio cento de convenios con colectivos sen ánimo de lucro e outros tantos con empresas, co obxectivo de proporcionar experiencia laboral ós alumnos e titulados da EIS, para que completen a súa formación e poidan acceder con máis facilidade a postos de traballo no sector audiovisual. Este ano, o número destes convenios incrementouse en máis dun 400%.

Entre as organizacións coas que colabora a Fundación TIC figuran ONG´s e asociacións culturais, para apoiar o seu labor social e impulsar a inserción laboral de persoas con discapacidade, e entidades deportivas que fomentan o deporte base, así como empresas que potencian o emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia. Unha das últimas en incorporarase foi a firma do deseñador Adolfo Domínguez, situada na localidade ourensana de San Cibrao das Viñas. Un exalumno da Escola de Imaxe realizará as súas practicas como bolseiro na sede central da empresa, en concreto, no departamento de Comunicación. A bolsa é de tres meses, prorrogable ata un máximo de dous anos.

Intensa promoción dos produtos autóctonos

A Deputación respalda o primeiro Mercado Tradicional de Vieiro no marco da súa decidida aposta por poñer en valor, difundir e mellorar a comercialización dos produtos da provincia como unha vía para revitalizala zona rural e frear a grave perda de poboación que está a padecer. Neste senso, a institución luguesa, a través do INLUDES, concedeu neste ano 2011 máis de 90.000 euros para a celebración de 20 certames encamiñados a promocionar produtos autóctonos, como por exemplo: a Festa do Berberecho de Foz; a Feira de Produtos Artesanais e Ecolóxicos Produart de Burela; a Festa da Faba da Asociación Cultural Recreativa Fervenza de Sargadelos; a Feira Anual do Grelo de Abadín; a Festa da Verza Riza de Labrada, en Guitiriz; a Festa da Castaña de Folgoso do Courel ou a Xornada sobre a Exaltación dos Produtos do Mar na Montaña, en Becerreá.

Outra das actuacións básicas que a institución provincial impulsou co mesmo fin foi a posta en marcha da plataforma de comercio electrónico losproductosdelugo.com, á que xa están adheridas medio cento de empresas lucenses. Este primeiro centro comercial virtual da provincia, creado a través do programa europeo Innova-TE, conta cun apartado específico e destacado para os produtos autóctonos. A plataforma aumenta as posibilidades de incrementar o volume de beneficios das empresas ó abrirlles novos mercados e facilitar as vendas, pois os clientes poden comprar as 24 horas do día, os 365 días do ano. Este portal non ten límite de empresas, nin de oferta de produtos.

A Deputación creou así mesmo a marca de calidade Lugo Sabe, coa que contan a día de hoxe 35 empresas agroalimentarias da provincia. Os seus produtos están á venda en tendas da cadea de supermercados Cemar, en Cafestore e La Palloza Gallega. A iniciativa tivo tan boa acollida que xa hai moitas firmas interesadas en recibir tamén este distintivo, polo que o organismo provincial prevé ampliar o proxecto coa segunda fase do programa Lugo2, para a que a Unión Europea lle concedeu un total de 6,5 millóns de euros.