Deputación de Lugo

Éxito de convocatoria no primeiro monólogo sobre novas tecnoloxías organizado pola Deputación en Abadín

Un informático explicou de xeito ameno ós asistentes o funcionamento de tres aplicacións on line dirixidas a axilizar a comunicación entre cidadanía e Concellos, facilitar a participación veciñal na xestión pública e mellorar a prestación de servizosO organismo provincial promove estas xornadas divulgativas a través do programa europeo Parnet-TIC. A seguinte terá lugar o 10 de novembro, ás 20:30 horas, no Telecentro de Chantada.

O primeiro monólogo que organizou a Deputación en Abadín para difundilo o uso das novas tecnoloxías e as súas vantaxes no medio rural tivo un importante éxito de convocatoria. Nenos e maiores coñeceron dun xeito atractivo e ameno o funcionamento e as posibilidades que ofrecen tres útiles aplicacións on line que teñen como obxectivo axilizar a comunicación entre a cidadanía e as administracións locais, facilitar a participación veciñal na xestión de asuntos públicos e mellorar a prestación de servizos. O informático ourensano Víctor Grande foi o encargado de ofrecelo monólogo, que tivo lugar na biblioteca do colexio público Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín. A próxima sesión será o 10 de novembro, as 20:30 horas, no Telecentro de Chantada.

A organización dos monólogos é froito dun proxecto piloto que a Deputación desenvolve nos Concellos de Abadín e Chantada a través do programa europeo Parnet-TIC co obxectivo de rompela fenda dixital existente na provincia e estender o uso das novas tecnoloxías no rural. A institución provincial optou pola fórmula do monólogo para garantir unha maior afluencia de público e polo tanto chegar o maior número de xente posible. O programa Parnet-TIC está financiado pola Unión Europea é ten como finalidade precisamente fomentar a Sociedade da Información nas zonas rurais.

As ferramentas que se dan a coñecer nestas xornadas divulgativas, xa instaladas nas páxinas web dos Concellos de Abadín e Chantada, son as seguintes:

Sistema de Geoinformación, Incidencias e Avisos (SISGEO): Con esta aplicación os cidadáns poden de maneira sinxela, a través da web, comunicar incidencias na vía pública, consultar avisos e eventos, ou solicitar a recollida de residuos na súa localidade. Terán unha canle de comunicación directa co Concello, de maneira que este poderá resolver máis rápido as incidencias que se produzan no municipio.

Sistema de Consultas Electrónicas (SISCOM): A través desta ferramenta, as entidades locais poderán someter á consulta da cidadanía calquera asunto de interese público, como son as obras ou medidas tomadas ou que teña previsto adoptar, e tamén recoller propostas dos veciños sobre actuacións futuras.

Sistema de Mensaxería Electrónica (SISMS): Trátase dun sistema deseñado para axilizar a comunicación da cidadanía coa Administración local en relación cos servizos que presta. Os veciños poderán recibir información sobre cuestións municipais (avisos de apertura de inscricións, de datas de eventos, etc.) a través do teléfono móbil ou o correo electrónico, e tamén enviar mensaxes a través destes mesmos medios.

Cos monólogos, a Deputación remata as accións de divulgación destas aplicacións informáticas, desenvolvidas ó longo da última semana de outubro e consistentes en dúas xornadas que levaron por título “Xornada de Aprendizaxe. Novos servizos on line no teu Concello” e “Abre a porta on line no teu Concello”.

Polo desenvolvemento equilibrado do territorio

O Parnet-TIC é un proxecto de cooperación transnacional que ten como finalidade estender o uso das novas tecnoloxías nas zonas rurais da provincia para contribuír ó desenvolvemento equilibrado do territorio. Xunto á Deputación de Lugo, que participa a través do Instituto Lucense de Desenvolvemento Socioeconómico (INLUDES), nesta iniciativa están inmersos os organismos provinciais de Almería, A Coruña e Huesca, o Concello de Lugo, o portugués de Águeda e o francés de Ville de Pau, e a Universitaire Européen de Montpellier, tamén en Francia.

O programa conta cun orzamento de 1,8 millóns de euros e está integrado no programa de cooperación territorial Espacio Sudoeste 2007-2013 da UE, que pretende consolidar o sudoeste europeo como un espazo de cooperación territorial nos ámbitos da competitividade, a innovación, o medio ambiente, o desenvolvemento sostible e a ordenación espacial.

Os seus tres eixos básicos son os seguintes:

Deseño dunha rede de participación e servizos dixitais en territorios rurais. Este grupo de tarefas constitúe a primeira fase de execución do proxecto, que ten como obxectivo o deseño do plan para a creación dunha rede transnacional de participación e servizos dixitais en territorios rurais.

Servizos dixitais para a cidadanía. Neste grupo de tarefas implantaranse nos distintos territorios participantes as propostas do plan relativas a servizos dixitais de e-administración.

Plataforma para a participación cidadá. O outro piar do proxecto é o fomento e mellora da participación cidadá nos gobernos locais (e-democracia) por medio da creación dunha plataforma transnacional de Participación Cidadá.