Deputación de Lugo

Discurso de D. José Ramón Gómez Besteiro na sesión de investidura como Presidente da Deputación Provincial de Lugo

Discurso de investidura do novo Presidente

Señoras Deputadas e señores Deputados, Cidadás e cidadáns da Provincia de Lugo, Vanme permitir que neste momento o meu primeiro agradecemento sexa para as máis de 350.000 persoas que aquí representamos e que viven nos 67 municipios desta provincia, dende o menos poboado, como é o de Negueira de Muñiz, ata o que ten máis poboación, o concello de Lugo. En segundo lugar, felicito a todos os membros desta Corporación que conseguiron, coa confianza do pobo, ser nomeadas e nomeados Deputados Provinciais, así como agradezo con sentida emoción e solemnidade a presenza, esta mañá de sábado, de todos vostedes, da miña familia, dos meus pais –ós que lles debo o que son- e á miña muller e fillos, que son o meu eixo e referente vital-. Con humildade asumo o cometido de dirixir o Goberno provincial cun inmenso honor, ilusión e responsabilidade que contraemos o Partido Socialista e o Bloque Nacionalista. O pobo lucense encomendounos unha extraordinaria tarefa. Por iso, se sempre é unha honra pertencer a esta Corporación Provincial, no mandato que hoxe se abre é, ademais, un gran reto nun momento histórico no que queremos e debemos estar á altura das circunstancias. Non podemos fallar. Queremos e cremos nunha nova forma de facer política na Deputación. Esta institución precisa dun cambio nos seus obxectivos, nos modos de organización interna, nas relacións coas administracións municipais e coa cidadanía. A sociedade reclama novas formas de facer e concibir as políticas, hai vontade de cambio. Imos abrir esta institución á cidadanía e asentar unha novas bases, tendendo pontes de entendemento entre todas e todos os que estamos implicados no progreso desta provincia. Pero non son dos que cren que todo volve comezar coa nosa chegada ó goberno da Deputación de Lugo. Na tarefa que os socialistas e nacionalistas emprendemos non debemos, pois, empezar desde cero. Queremos un cambio, pero sabendo aproveitar a experiencia acumulada de moitas persoas que, ó longo destes anos, traballaron a favor dos habitantes desta provincia. Esta andaina cara ó progreso xa non ten volta atrás. O rumbo desta institución seguirá catro principios que estarán latentes en cada un dos nosos acordos e decisións: - O primeiro é a cooperación cos concellos. A Deputación non debe aspirar a competir con outras administracións. Centrarase na súa función primordial, que é a de favorecer ós concellos, complementando a aqueles que teñan dificultades para prestar os servizos que demanda a súa cidadanía. Atenderemos a todas e cada unha das administracións municipais, sexan da cor que sexan. Esta cooperación cos concellos imponnos a obriga de dotalos de capacidades para prestar os seus servizos. A cooperación, para que funcione, precisa do bo coñecemento das necesidades municipais, froito do diálogo coas distintas administracións locais.Temos que encamiñarnos cara a unha compensación na que os concellos deixen de ser a eterna Cincenta que recibe pouco, pero que traballa moito. Para iso, desde esta Deputación estamos dispostos a reabrir e abandeirar este debate, acordando un calendario de traballo que potencie a voz do municipalismo na nosa provincia. Volvo insistir: toda a política desta Deputación centrarase nos municipios, temos que apoiar con prioridade absoluta a xestión municipal. Dicía o gran Tierno Galván, o vello profesor, que “o triunfo político é a suma do sentido común e da capacidade de liderado”. Iso é precisamente o que fai das alcaldesas e dos alcaldes unhas persoas extraordinarias ó servizo da cidadanía. Van sentir a Deputación ó seu carón para apostar polo desenvolvemento da provincia de Lugo. - O segundo principio é a proximidade á cidadanía. Iniciamos unha nova época ilusionante. Será un goberno destinado a atender non só os grandes problemas provinciais, como o envellecemento da poboación, o atraso económico, a falta de infraestruturas ou de cohesión social..., senón que deberán ser atendidas tamén as dificultades cotiás da cidadanía, esas que afectan á súa vida diaria e ás súas familias. A mocidade lucense está chamada a protagonizar o gran cambio e recambio desta provincia envellecida. Queremos ser unha institución que acompañe ós habitantes da provincia de Lugo nos seus problemas e nos seus soños, porque algunhas utopías ben merecen ser soñadas. - O terceiro principio é a transparencia e a neutralidade. A renovación da vida pública vai ser o obxectivo prioritario e o sinal de identidade deste período. Hai unha nova forma de exercer o goberno. Esta provincia xa non entende de privilexios nin de favoritismos. Imos establecer unha serie de medidas como baremos obxectivos para conceder axudas públicas, cunha difusión que asegure transparencia e información... Absolutamente todo estará obrigadamente sustentado sobre as leis galegas, como a de subvencións, que serán de aplicación nun prazo breve tamén á Administración provincial.- O cuarto e último principio é o respecto á pluralidade política. Buscaremos o maior consenso e unha leal colaboración para chegar a acordos nos aspectos esenciais da provincia. Hai moito traballo por facer, e estou seguro de que a mellor forma de avanzar é remando xuntos. Pese ás distintas posicións que uns e outros viñemos adoptando, a defensa dos intereses públicos estará por riba de todo. Por iso, queremos que o Partido Popular tamén estea presente en todos os órganos de control e fiscalización da vida provincial. Nesta viaxe todos imos contribuír: os populares, que hoxe inician o seu labor de oposición; os partidos que compoñemos o equipo de goberno e cada un dos cidadáns, porque a provincia vai máis alá das portas da Deputación. Hoxe digo, en voz alta e clara, que esta vai ser a Casa de Todos. No resultado electoral, froito da vontade popular, hai unha esixencia de entendemento e diálogo que se traduce nunha Corporación tan plural como a que hoxe nos reúne, diversa e sen maioría absoluta. Quero facer un valor deste dato. O respecto á pluralidade política fará deste Goberno un aliado eficaz e leal. ----------------------------------------------------------------------------- Baixo estes catro principios podemos falar das nosas prioridades políticas para os próximos anos co obxectivo de poñer en valor a provincia:- A innovación, a calidade e a creatividade. Como todos vostedes saben, Galicia é unha comunidade caracterizada como obxectivo prioritario dos fondos europeos. Nos tempos que emprendemos, imos facer un esforzo para aproveitar os novos recursos financeiros que pon a disposición Europa, apostando pola innovación e a creatividade para poñer a Lugo en valor. Imos liderar a prosperidade desta provincia con ideas e ilusión.A busca de novas vías financeiras da Unión Europea levaranos a deseñar novas estratexias e, sobre todo, a comprometernos con que eses fondos sexan destinados ós seus fins reais. Ten que haber unha xestión pública transparente tamén neste sentido.Imos aproveitar a consolidación do Campus de Lugo como espazo de referencia en Galicia no eido agroforestal, sen esquecer as experiencias exitosas e cualificadas da costa da Mariña en materia pesqueira. Porque... algún aínda dubida cando lle preguntan se Lugo ten mar. Agora a costa e o interior van camiñar da man. A innovación e a creatividade notaranse no reforzo das denominacións de orixe, na potenciación da agricultura ecolóxica, respectuosa co medio ambiente e instrumento valioso para fixar poboación fronte ó despoboamento galopante que se está a dar nas terras fértiles da nosa provincia. A calidade e a investigación redundarán na consolidación dunha industria derivada da transformación dos nosos produtos. Esa riqueza ten que quedar aquí.-A segunda prioridade política é a sustentabilidade e o equilibrio territorial. Dispoñemos dunha situación estratéxica de gran valor que se verá potenciada nos vindeiros anos pola mellora das comunicacións. A Autovía do Cantábrico e as autovías Lugo-Santiago e Lugo-Ourense farán mudar a concepción provincial como no seu día fixo a A-6. Hai que vertebrar a provincia procurando o tan ansiado equilibrio territorial e, a iso, se ten que sumar a rede provincial. A aposta polas infraestruturas non significa atentar contra o medio ambiente. Queremos salvagardar o “corazón verde” desta provincia, impulsar a protección de áreas do noso territorio en colaboración cos concellos. Temos a sorte de contar cunha extensa reserva da biosfera que atesoura os ecosistemas máis valiosos de Europa e un patrimonio histórico-artístico rodeado dos camiños xacobeos. O ecoturismo será un sector en alza que, sen dúbida, vai potenciar esta institución.- A terceira prioridade política é a modernización da Administración local. A formación en novas tecnoloxías e a súa implantación en todo o territorio será un dos nosos cometidos. O fin radica en ofrecer á cidadanía unha administración máis áxil e eficaz, desterrando a chamada “fenda dixital” do vocabulario desta institución. Propiciaremos o uso da rede desde calquera recuncho da provincia para favorecer o desenvolvemento económico e social desta terra. En Lugo aínda existen moitos concellos sen páxina web nin servizos on line. Os nosos pobos teñen que ser competitivos nesta aldea global. Pero, para “predicar co exemplo”, comezaremos por esta propia Casa, modernizando tecnoloxicamente a administración, complementando as actividades de formación para o persoal funcionario e demais traballadores dela, apostando por menos lexislación e máis xestión.- Pero estas prioridades políticas non se entenderían sen a redacción do Plan estratéxico provincial, esa folla de ruta cuxo cumprimento fará realidade a converxencia en renda por habitante e o desenvolvemento económico como obxectivo número UN.Implicará a todos os sectores sociais mediante unha metodoloxía de traballo na que o consenso, o liderado compartido e a cooperación dos axentes implicados teñen que conducirnos ó mellor futuro posible. Imos planificar con profesionalidade e actuar cunha visión de conxunto. Hoxe recupero aquelas palabras de Castelao que dicían: “O verdadeiro heroísmo está en transformar os desexos en realidades e as ideas en feitos”. Sen dúbida, estou seguro de que, co traballo conxunto de todas e de todos e a complicidade dos medios de comunicación lucenses, a provincia de Lugo, esta BELA DORMENTE que ten unha enorme riqueza e potencial, sairá fortalecida e ocupará o posto que merece. “A arte do posible”, iso que din que é a POLÍTICA con maiúsculas, fará o resto. Moitas grazas! Lugo, 14 de xullo de 2007