Deputación de Lugo

A Deputación acaba con 15 anos de deficiencias na traída de auga da capitalidade de Guntín con 112.000 euros do Canon

O Presidente inspeccionou as obras de substitución das vellas tubaxes do abastecemento, unha mellora que beneficia a 200 particulares e unha ducia de negocios, e a creación dunha praza pública detrás da Casa da Cultura, que contou con 45.500 euros de orzamento Con estes dous proxectos e a mellora de varios accesos rurais, o organismo provincial rematou tódalas actuacións incluídas no Plan do Canon, dotado con 242.000 euros Besteiro supervisou a construción dun polideportivo no núcleo de San Cibrao, un proxecto solicitado polos veciños para o que a Deputación aportou 24.000 euros

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este venres as obras de mellora da traída de auga que o organismo provincial acometeu na capitalidade municipal de Guntín, un proxecto financiado con cargo ó Plan do Canon que ten un gran calado para os veciños, pois termina con máis de 15 anos de deficiencias no abastecemento. Os traballos, con 112.000 euros de orzamento, consistiron na substitución das vellas tubaxes da traída, feitas de fibrocemento e cuns 40 anos de antigüidade. Coa nova rede, os 200 veciños que residen no núcleo urbano de Guntín viron mellorado o servizo de maneira substancial, pois o deterioro da canalización provocaba roturas frecuentes, cos conseguintes cortes de subministro, e que a auga saíse turbia en moitas ocasións. A actuación beneficia tamén en especial á ducia de negocios que funcionan na vila, que vían como os problemas da rede alteraban o seu normal funcionamento e provocaban molestias ós clientes.

O xefe do Goberno provincial tamén inspeccionou hoxe en Guntín os traballos para o acondicionamento dunha nova praza pública detrás da Casa da Cultura, realizados igualmente con cargo ó canon enerxético. Cunha partida de 45.400 euros acondicionouse unha parcela de titularidade municipal que estaba en desuso, converténdoa nun espazo de utilidade para os veciños coa colocación de pavimento, zona de céspede e dunha rampla para facilitar o acceso.

Con estas dúas actuacións, xa terminadas, e coa mellora dun dos accesos que comunica os núcleos rurais de Trastulfe e Pradedo de Abaixo, tamén concluída, a Deputación completa a execución de tódolos proxectos incluídos no Plan do Canon para Guntín, dotado con 242.000 euros. As obras foron acordadas previamente co Concello e serviron para facilitar ós veciños servizos básicos e crear novos espazos públicos no municipio. Gómez Besteiro subliñou que a través do Canon colaborouse “con tódolos Concellos, independentemente da cor política”, ademais de lembrar que sempre se buscou a implicación dos gobernos locais, de maneira que foron eles os que decidiron as obras a executar con estes fondos.

O Presidente aproveitou a súa estancia en Guntín para manter un encontro co Alcalde, o popular Jesús Carreira Ferreiro, co fin de interesarse polas necesidades da localidade e abordar co rexedor posibles vías de colaboración entre ambas institucións para satisfacelas.

Por outra banda, Besteiro supervisou a construción dun pavillón polideportivo no núcleo de San Cibrao, para o que a Deputación fixo unha achega de 24.000 euros a través do Plan de Comunidades Veciñais, o que supón o 57% do total da actuación, que se acometeu en dúas fases. A axuda foi solicitada pola Asociación de Veciños San Cibrao Monte de Meda.

Saldada unha débeda histórica

Co reparto do canon enerxético, que ascende a máis de 6 millóns de euros, a Deputación saldou unha débeda histórica cos Concellos afectados polos embalses, poñendo fin a case trinta anos de preitos e sentenzas xudiciais. A cantidade fixada para cada Concello estableceuse tendo en conta, en primeiro lugar, que a Chantada, por sentenza xudicial, lle corresponden un terzo das compensacións. No caso dos municipios restantes, que non recorreron o reparto do canon, deuse cumprimento a un compromiso político expresado polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, ó inicio do seu anterior mandato, no 2007. Os beneficiados dos fondos son: Monforte de Lemos, O Saviñao, Taboada, Paradela, Portomarín, O Páramo, Guntín, Carballedo, Pantón, Ribas de Sil, Quiroga, Sober, A Pobra do Brollón, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz.