Deputación de Lugo

A Deputación contribúe a manter 350 empregos directos en sectores estratéxicos da Mariña coas rutas de Km0

A afluencia de visitantes que garante o programa medioambiental beneficia á hostalería, ó comercio, ó turismo, á artesanía e á actividade agroalimentaria da comarca, ademais de impulsar a desestacionalización do turismo, ó levar visitantes á zona en tempada baixa Preto de 3.500 persoas viaxaron no ano 2011 á Costa grazas a esta iniciativa, consolidándose como o destino máis demandado A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, recibiu este martes en San Marcos a un grupo de 48 veciños de Foz e a outro de 55 fonsagradinos, que redescubriron a Zona Sur e Ribadeo, respectivamente

O programa medioambiental Km0.Deputación de Lugo contribúe a manter uns 350 postos de traballo en sectores estratéxicos do tecido socioeconómico da comarca mariñana, pois a afluencia de visitantes que garanten as rutas organizadas no marco desta iniciativa -e máis tendo en conta que a Costa é o destino máis solicitado- supón un pulo para actividades coma a hostaleira, comercial, turística, artesá e agrogandeira. Na actualidade, Km0 colabora con 35 establecementos da Costa, de xeito que os participantes nos roteiros comen sempre en restaurantes da comarca, ademais de degustar produtos autóctonos e visitar empresas como conserveiras, lonxas e obradoiros artesáns, así como museos e o patrimonio paisaxístico, cultural e arqueolóxico.

Ademais, o Km0 contribúe á desestacionalización do turismo que tanto ansía o sector, pois leva visitantes á zona en tempada baixa. Preto de 3.500 persoas visitaron A Mariña no 2011 grazas ó Km0, consolidándose como o destino máis demandado polos participantes, e dende a posta en marcha do programa da Deputación, no ano 2008, foron un total de 10.500 persoas as que viaxaron á comarca. A praia ribadense das Catedrais, declarada Monumento Natural; Illa Pancha, tamén en Ribadeo; as Covas do Rei Cintolo de Mondoñedo; e o eucaliptal de Chavín, en Viveiro, son algúns dos lugares que máis sorprenden e gustan da Costa.

Mostra dos efectos positivos do Km0 sobre a economía mariñana é o agradecemento que establecementos como o restaurante Louzao de Viveiro; La Cofradía e El Marinero de Ribadeo; O Almacén e o Castelo de Cervo; Palacio de Cristal de Burela; Cerámica Sargadelos; Punta Anguieira de Ferreiravella, en Riotorto; ou Os Cruces de Mondoñedo; e colectivos como a Asociación Familiar de Amas de Casa de Ribadeo, lle fixeron chegar á Deputación por ter emprendido a iniciativa e por incluílos nas viaxes programadas, pois estas dinamizan a actividade dos seus negocios.

As empresas que o desexen poden colaborar

A Deputación mantén aberta a lista de organizacións colaboradoras co programa Km0, de xeito que calquera que queira que o seu negocio ou entidade pase a formar parte das rutas pode facelo, tan só ten que dirixirse á entidade provincial, chamando ó numero de teléfono 982-26-74/75.

Catro rutas pola Costa esta semana

Das seis rutas previstas para esta semana, catro son pola Mariña, dúas por Ribadeo e dúas por Viveiro. A programación arrancou este martes coas visitas que un grupo de 48 integrantes da Asociación Os Castros de Cangas de Foz e outro de 55 membros da Asociación de Xubilados da Fonsagrada fixo á Ribeira Sacra e á vila ribadense, respectivamente. Ambos os dous colectivos foron recibidos no Pazo de San Marcos pola Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín. Seguidamente, o grupo de focenses coñeceu a Insua de Burneiros e a Fervenza para desprazarse despois a Monforte de Lemos e visitar o Museo Etnográfico do Pazo de Tor e o Museo do Ferrocarril. A comida tivo lugar no restaurante Ribeira Sacra. No caso dos fonsagradinos, tras achegarse ó Mazo de Santa Comba, viaxaron a Ribadeo, onde comeron no restaurante La Solana, fixeron unha ruta pola ría, subiron no ascensor panorámico do peirao deportivo de Porcillán, visitaron o Convento das Clarisas e pasearon polo casco histórico da localidade.

Xa o mércores, 48 veciños de Abadín, membros da Asociación San Pedro Seijo de Corvite, viaxarán ata Sober e, tras coñecer a Adega Algueira, onde tamén poderán degustar algún dos produtos típicos da zona, gozarán das espectaculares vistas que ofrece o miradoiro de Pena do Castelo, achegaranse ó Santuario barroco da Virxe de Cadeiras e finalizarán a xornada cunha visita a un obradoiro onde se elabora a negra oleiría de Gundivós. Pola súa banda, 55 membros da asociación cultural Ignacio Restolle de Castro de Rei dirixiranse cara a Mariña para comer no restaurante El Marinero, facer unha travesía pola ría de Ribadeo, subir no ascensor panorámico de Porcillán e pasear polas rúas da capitalidade ribadense. Rematarán a ruta repoñendo forzas cos doces que poderán degustar no Convento das monxas Clarisas.

A programación da semana concluirá o xoves, cando 55 membros da Asociación Camiña con Nós de Friol e 24 veciños de Cervantes pertencentes ó colectivo veciñal O Adrio viaxarán ata o Concello de Viveiro, que centra as visitas desta xornada. A pesares de ter o mesmo destino, a riqueza patrimonial do Concello é suficiente como para facer dúas rutas totalmente distintas. Os friolenses farán unha visita á Igrexa de Santa María do Campo, trala que darán un paseo pola praia de Covas, coñecerán de primeira man a actividade de Cerámica Regal e comerán no hotel restaurante Val do Naseiro. Pola súa banda, o colectivo cervantino poderá vivir a actividade da lonxa de Celeiro, pasear pola praia de Covas e subir ata o cumio do monte de San Roque. Neste caso, o xantar terá lugar no restaurante Louzao.

127 opcións

Na súa 4º tempada, Km0.Deputación de Lugo mantén 127 rutas que transcorren polos 67 Concellos da provincia co fin de levar novos ingresos á totalidade dos municipios lucenses mediante visitas guiadas nas que miles de persoas redescobren as riquezas e particulares de cada un deles. Tendo en conta a súa diversidade, a institución desglosa Km0 en 3 modalidades, garantindo a posta en valor da variedade provincial e a participación de persoas de todas as idades. Estas son as seguintes: Km0 tradicional, con 88 rutas polas comarcas lucenses; Km0 Xtreme, que inclúe 25 alternativas para gozar de Lugo mediante a multiaventura e o deporte (viaxes en helicóptero, globo, rutas a cabalo, bicicleta de montaña, tiro con arco, escalada, vela, catamarán, kaiak, esquí náutico, surf, windsurf...); e Km0 a Compostela, a programación que, máis alá do Ano Santo, promociona todas as rutas do Camiño ó seu paso pola provincia, incluídos os do Mar e o do Inverno.

Como apuntarse

Todos os interesados en participar na programación medioambiental poden inscribirse chamando ó 982-26-74/75 ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. A institución facilita 3 modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos), nas sucursais de Nova Caixa Galicia (co número de conta 20800152663110001425) ou dende a web da Deputación contando cunha vantaxe: o desconto do 10% do custe total.