Deputación de Lugo

Deputación e Concello impulsan este Xoves Santo a XXVI Feira do Queixo do Cebreiro

A Deputada de Economía e o Alcalde presentaron unha nova edición da cita gastronómica, na que se porán á venda preto de 2 toneladas de queixos a prezos de entre 5 e 6 eurosEn anteriores edicións, os produtores venderon unha media de 2.000 queixos acadando un volume de negocio de preto de 6.000 eurosNa Feira estarán presentes 30 stands de queixos e outros produtos gastronómicos procedentes de Galicia, Asturias e Castela León, así como pezas de artesanía

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, presentaron este mércores a XXVI Feira do Queixo do Cebreiro, que acollerá este municipio da Montaña luguesa este Xoves Santo. García Porto subliñou a importancia da colaboración da institución provincial cos Concellos para levar a cabo este tipo de iniciativas, que supoñen “unha importante dinamización para o sector primario da provincia, que supón un impulso para a economía dos Concellos e contribúe de xeito decisivo a fixar poboación no noso rural”.

A 26ª edición desta cita arrinca mañá ás 9:30 horas, coa apertura dos stands, instalados en tres naves que o Concello ten dispostas para albergar de xeito gratuíto ós produtores. Ás 12:00 horas será a inauguración oficial, coa lectura do pregón e unha actuación de baile rexional a cargo do grupo da Asociación Cultural “Xistra” e a partir das 13:00 horas os visitantes poderán participar nunha degustación gratuíta de queixos. Un total de 30 stands, ocupados por profesionais procedentes de diferentes Concellos de Lugo, -Chantada, Samos, Vilalba, Courel, Cervantes, Lourenzá e Friol-, e do resto de Galicia, así como de Asturias, León, ou Valladolid, exporán os máis variados produtos.

30 expositores de queixo e outros produtos
Os tres produtores que actualmente están acollidos á Denominación de Orixe, -Queixerías Castelo de Brañas, Quesos Santo André e Queixos Marqués de Cernadas-, participarán neste evento. Estes negocios, asentados nos Concellos de Pedrafita, Castroverde e Baralla, respectivamente, porán a venda uns 2.000 queixos a un prezo de entre 5 e 6 euros. O prezo destes varía en función do peso, dende os 300 gramos ata o quilogramo. En anteriores edicións, foron outras tantas as pezas que se venderon, acadando un volume medio de negocio de preto de 6.000 euros. Elaborado con leite de vacún, o produto rei desta cita gastronómica é un queixo de calidade, o que amosa o feito de que conte con Denominación de Orixe Protexida dende o ano 2004 ou que fóra escollido polos internautas como o mellor queixo de España o pasado mes de marzo, tendo en conta o valor da súa fabricación artesanal e o seu acabado e sabor. A súa zona de produción comprende os Concellos de Pedrafita, O Courel, Cervantes, Triacastela, As Nogais, Navia de Suarna, Becerreá, Baralla, Baleira, Castroverde, A Fonsagrada, Láncara e Samos.

No será o único produto que os centos de visitantes que acoden cada ano a esta Feira poderán degustar e mercar. Estarán presentes outros queixos con denominación de orixe coma os de San Simón da Costa ou os de Friol, integrados na denominación de Arzúa-Ulloa, así coma queixos procedentes doutros puntos da xeografía galega ou española. Tamén se poderán adquirir produtos gastronómicos de calidade: mel, respostería, embutidos, legumes, derivados da castaña, viños ou licores, xunto con pezas de artesanía coma coitelos, navallas ou pezas de coiro, madeira ou cerámica. Haberá oco para os produtores particulares no Centro de Artesanía e incluso unha mostra da galiña de Mos.

Venda a través de internet
A Deputada de Economía destacou que a institución provincial “ten claro a importancia de apoiar os produtores da provincia con todo tipo de medidas como, por exemplo, ampliando as canles de promoción e distribución dos produtos”. Un xeito de ampliación desas canles é “empregar as posibilidades que ofrece a rede, coa venda a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, na que algún dos emprendedores que estarán presentes nesta Feira xa venden ás 24 horas os 365 días do ano, chegando a calquera punto xeográfico”

Pola súa banda, o Alcalde José Luis Raposo quixo destacar o valor da colaboración prestada pola Deputación, xa que “nos tempos que nos está tocando vivir é fundamental manter iniciativas coma esta, de gran valor para a nosa zona”. Ademais, asegurou que “é unha Feira de gran valor para a economía non só do noso Concello, senón dos cercanos”