Deputación de Lugo

A Deputación mellora vías municipais no Páramo, aforrando custes ó Concello e beneficiando a un milleiro de veciños

A institución acondiciona estradas das parroquias de Vilarmosteiro, Friolfe, Vileriz, Ribas do Miño, San Vicente, Grallas e Vilarmosteiro, evitándolles contratacións externasAdemais do Páramo, o organismo provincial mantén desprazadas as máquinas do Parque Móbil en Mondoñedo e Samos logo levalas nas pasadas semanas a Xermade e Lourenzá

As máquinas do Parque Móbil da Deputación están a mellorar vías municipais no Páramo, aforrando custes ó Concello ó evitarlle contratacións externas, e beneficiando ós 1.000 usuarios destas estradas, que transcorren por núcleos rurais das parroquias de Vilarmosteiro, Friolfe, Vileriz, Ribas do Miño, San Vicente e Grallas. A petición dos veciños e en cumprimento do compromiso adquirido polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, a institución luguesa trasladou á zona un equipo de rego e outro de limpeza, compostos por 6 vehículos: cisterna, gravilladora, compactadora, motoniveladora, pala e camión.

Deste xeito, en Vilarmosteiro, a Deputación arranxou o chamado camiño de A Reguas, o vía que discorre dende o Campo da Feira a igrexa de dita parroquia, un monumento cun destacado retablo Barroco, que aparece nomeado no primeiro documento escrito en galego atopado ata o momento e datado do ano 1229. Os traballos executados en 1,2 quilómetros permiten o acceso a esta zona natural de gran riqueza patrimonial, ademais do paso de peóns e maquinaria agrícola, practicamente imposible ata o de agora, ó incrementar o ancho da calzada. Tamén en Vilarmosteiro, a institución acondicionou accesos nos lugares de Lamacenón e O Castro de Neira, así como o vial de Lambererros ó Piqueiro, que conecta coa transitada estrada de Conturiz a Torre de Núñez e Pobra de San Xillao.

Da mesma forma, uns 400 veciños beneficiaranse das actuacións que a Deputación leva a cabo na parroquia de Friolfe. Pola de agora, a institución mellorou accesos nos núcleos de Vigo e Santema, así como os da igrexa e o cemiterio de dita parroquia. Nos vindeiros días, continuará con estes mesmos traballos ata o núcleo de Guisante e coa apertura máis o ensanche do camiño de Abrita a Vilariño.

As máquinas da institución lucense proseguirán en Vileriz, concretamente no lugar de Guisande e no contorno da área recreativa de Augas Férreas, tamén construía con anterioridade con fondos do organismo provincial.

Simultaneamente, actuará na aldea de Vilar e no Camiño do Monte, situados na parroquia de Ribas do Miño. A continuación, os traballos da Deputación centraranse en San Vicente, onde rexenerará 4 quilómetros da vía que vai dende a igrexa parroquial por Quintela e Pinte en dirección a Gándara. Trátase dunha estrada municipal duns 7 metros de ancho, que concentra un gran número de usuarios ó comunicar co vial de Portomarín a San Xulián.
Finalmente, en Grallas, a previsión do organismo provincial é mellorar o coñecido como o camiño blanco, no lugar de Asfarrapa, e o de Lecende, situado en Beleigán, a aldea máis poboada do Páramo cuns 50 veciños.

Traballando noutros Concellos

A Deputación mantén despregados os outros equipos de rego e limpeza en Mondoñedo e Samos. Nas pasadas semanas, estiveron no Incio, Xermade e Lourenzá. Dende 2007, logo da reorientación do Parque Móbil que levou a cabo o Goberno Provincial, a maquinaria deste departamento está a disposición de todos os municipios de Lugo co fin de mellorar servizos e comunicacións municipais, beneficiando ós veciños e aforrando custes ós Concellos coa optimización dos recursos provinciais.