Deputación de Lugo

A Capela de Santa María presenta as obras de 27 artistas de España e Portugal nunha exposición coa morte como fío argumental

Regina Polín presentou 73x73x273, A Irmá do Soño, que tras o seu exitoso paso por Santiago recala en Lugo, nun escenario “privilexiado para a temática da mostra” segundo os artistasA exposición recolle os traballos multidisciplinares de 27 destacados profesionais do panorama nacional, e estará aberta dende mañá e ata o día 20 de maio de luns a domingoA Capela de Santa María xa é un espazo de referencia no circuito cultural, por acoller tanto mostras de profesionais destacados coma de novo talentos

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou este mércores 73x73x273, A Irmá do soño, a nova exposición que o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) leva á Capela de Santa María, amosando os traballos multidisciplinares de 27 dos artistas máis destacados do panorama nacional. Con esta mostra, organizada conxuntamente pola Universidade e a institución luguesa, a Deputación dá un paso máis cara a consolidación definitiva desta Capela coma espazo cultural de referencia. Cun título que fai referencia precisamente á morte, tanto polos números 73x73x273, que son as medidas dun nicho de enterramento, tanto por esa referencia literaria que identifica á morte coma un profundo soño, esta exposición ven de exhibirse na Igrexa da Universidade de Santiago, onde acadou un notable éxito de crítica e público.

Durante o acto de presentación, que tamén contou coa presenza do Vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, o Vicerreitor de Estudiantes, Cultura e Formación Continua da USC, Francisco Durán, así coma a de Fátima Otero e Cristina Carballedo, comisarias da mostra e de parte dos artistas participantes, Polín subliñou que con esta exposición “a Capela de Santa María conságrase coma un espazo de referencia no circuíto artístico nacional”. É un dos obxectivo marcados pola institución luguesa para a Capela, xunto co de “apostar por novos valores da provincia de Lugo, para que poidan promocionarse de cara ó exterior” continuou a Deputada de Deseño. Tal é o caso de Laura Pernás, prometedora artista lucense cuxa La metamorfosis esperada, ocupou con anterioridade este espazo. “A Capela é un espazo aberto a artistas que dan os seus primeiros pasos, coma a exposición que vén de rematar, para colaborar na promoción e afianzamento de novos valores, así como para outros consagrados, como é o caso dos 27 que nos acompañarán estes días”, destacou Polín.

27 artistas, 9 deles lucenses, reflexionan sobre a morte
Esta mostra recolle traballos que xiran en torno a un eixo común: a morte. Esta é unha excusa para reflexionar, dende diferentes perspectivas e empregando diferentes técnicas, sobre “a irmá do soño”, un tema recurrente na arte que, segundo Cristina Carballedo, unhas das comisarias desta mostra, “está moi presente na cultura galega e co que se convivía sen problema na Idade Media”

Precisamente é interesante dende o punto de vista estético e emocional que os dous centros que acolleron a exposición en Santiago e Lugo sexan igrexas, por seren estes lugares cunha estreita relación coa morte en tempos pasados. Fotografía, escultura, pintura ou videoinstalacións reflicten puntos de vista alternativos sobre este tema, que a sociedade actual ten convertido en tabú, pero ó que estes artistas se achegan de xeito desprovisto de calquera prexuízo. Non se trata, polo tanto, dunha mostra lúgubre ou triste, algo que sorprenderá ós que se acheguen ata a Capela a partires deste xoves.

27 artistas multidisciplinares que representan o máis destacado da actualidade do panorama actual en España están presentes en 73x73x273, A Irmá do soño. Os lucenses Paco Pestana, Eduardo Valiña, Ignacio Pardo, Álvaro de la Vega, Cristian Villamide, Roberto González, Mónica Alonso e Montse Rego comparten con Pamen Pareira, Fernando Páez, Xurxo Lobato, Victoria Diehl e Antonio Blanco, todos eles procedentes da Coruña; os pontevedreses Antón Lamazares, Xurxo Oro Claro, Xaquín Chaves, Manuel Sendón, Fran Herbello, Andrea Costas e Ruth Massó; de Ourense proceden Ramón Conde e Xulio Gil. A sevillana Ana Soler, o portugués Paulo Neves e o pacense Teo Soriano completan a nómina de artistas que están presentes nesta mostra.

Horarios da exposición
A exposición que hoxe se presentou abrirá as súas portas este xoves, ás 20:00 horas. Ata o 20 de maio, todos os que desexen achegarse ata a Capela de Santa María poderán facelo no seguinte horario: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 hoas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas e domingos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuita.