Deputación de Lugo

Besteiro e Izquierdo participaron nas actividades que a Deputación levou a 50 colexios polos Días Mundiais da Árbore e da Auga

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, desprazáronse ó CEIP Otero Pedrayo, en Rábade, para participar nas actividades escolares organizadas pola Deputación para conmemorar os Días Mundiais da Árbore e da Auga.

A esta programación, que o organismo provincial levou a cabo por primeira vez, sumáronse 50 colexios públicos de 51 Concellos da provincia, nos que estudan máis de 4.000 rapaces. As actividades tiveron dous eixos: por unha banda, alectura nas aulas dun conto infantil, Dona Pinga e Don Carballo fan Amizade -editado especialmente para a ocasión- e a plantación dun carballo nas inmediacións de cada centro.

Os centros que decidiron sumarse ó programa recibiron de maneira gratuíta o material necesario para a celebración, organizada a través da segunda fase do programa Lug02, dotado con 6,5 millóns de euros, que achega a Unión Europea nun 70%. A iniciativa forma parte, ademais, da axenda de actos culturais e divulgativos que a Deputación promove con motivo do 10º aniversario da Reserva da Biosfera Terras do Miño.